27.6.05

O mellor agasallo

Hoxe recibín o mellor agasallo de cumpreanos que me fixeron nunca: o PP
perde a maioría absoluta. Agora si que non esquecerei nunca o día en que fixen 42 anos.

26.6.05

A Galicia irredenta

Hoxe fun ao curro de San Cibrán, un lugar magnífico para pasar o día. Desde que era un adolescente coñezo bastante ben os curros da Groba e adoito ser un incondicional do de Mougás. Con todo, hoxe fun ao de San Cibrán por vez primeira. Un curro é un incrible lugar de contrastes, onde as tradicións máis ancestrais (e con seguridade moitos votantes do PP) se dan a man cos novos tempos: bestelleiros de pelopincho verde e nissan patrol, rap no radiocasete, inmigrantes peruanos vendendo sombreiros nos telderetes compartidos coas pulpeiras...
Alí tamen se pode ver a Galicia rancia, a do posto que anuncia en castelán "Todo lo necesario para el caballo y el jinete, Paramos, Tuy" ou a que representa aquel bestelleiro de bitoge aznariano que suxeitaba o seu cabalo cunha correaxe formada, integramente, pola bandeira española.
Pero a verdade é que os curros (a excepción é o de Sabucedo, que non che me gusta nada nadiña) son lugares aínda auténticos, esa Galicia brutal, irredenta, salvaxe e indómita; esa Galicia bravú que é parte da nosa identidade.
Hoxe, en San Cibrán tamén houbo tensión porque a xente andaba entre os cabalos con excesiva confianza e produciuse un momento dramático: un cabalo desbocado foi quen de se ceibar das cordas coas que o amarraban os bestelleiros que o marcaban a ferro e pateou a unha neniña de cinco ou seis anos, guindándoa polo aire. Atendérona na ambulancia que permanece alí durante toda a xornada e seica se recuperou sen problemas.

Outra vaca

Por certo, hai outra vaca pastando no millo. Longa vida, coma ao César.
E, falando de vacas, hai pouco tempo atopei un blog que se chama "A tolemia é un sombreiro". Así que ben merece que Cabrafanada o cite. E non teño o pracer de coñecer a súa habitante. Como diría Siniestro Total, ¿quienes somos, de donde venimos, a donde vamos? Por suposto, xa merquei o seu "Popular, democrático y científico".

Hemeroteca

Para as persoas que me piden información sobre as listas negras, efectivamente, pode consultarse en calquera hemeroteca que teña o Diario 16 de Galicia (imaxino que a maioría). A información que dei eu corresponde, sobre todo, á publicada os días 3 e 4 de maio de 1990 (o que conservo fotocopiado), pero todo comezou a saír varios días antes. Creo lembrar que varios días despois tamén seguíu saíndo información, pero xa menos. Está ubicada nas páxinas de Galicia e resulta doada de atopar, aínda que o xornal xa non exista.

20.6.05

O voto emigrante, a ma+s

O feito de que sexan os emigrantes, que non viven entre nós, os que decidan, co seu voto, quen nos vai gobernar, a nós (e non a eles), é unha atrocidade descomunal que só lle convén ao poder establecido.
E o que estou a dicir non é unha rabieta de circunstancias senón unha opinión coherente que xa hai anos que veño mantendo.

19.6.05

Decepcionante

Este é un día «histórico» decepcionante.
SOLICITO UN MINUTO DE SILENCIO POR GALICIA.

16.6.05

Memoria

Para quen non o lembre, non o saiba ou sexa demasiado novo para acordarse, quero recuperar da memoria o asunto das listas negras que o PP de Manuel Fraga elaborou en 1990, en canto chegou ao poder. Eses foron os inicios de Fraga na Xunta de Galicia. Daquela eu traballaba no desparecido Diario 16 de Galicia, o xornal que publicou as controvertidas listas. Tratábase dunha serie de informes que o PP elaborara sobre os profesionais da Radio e da Televisión de Galicia, tanto sobre os que exercían cargos como sobre os que eran, simplemente, traballadores, a fin de deixar constancia da súa filiación ou simpatías políticas á hora de ser relegados ou ascendidos a diversos postos profesionais e de interese político.
A filtración dos informes procedía directamente da sede do PP. Fraga, fixo declaracións desvencellando a Xunta do asunto das listas negras, pero non foi quen de facer o mesmo co PP. O encargado de desmentilo, daquela, foi Mariano Rajoy, quen asegurou que na sede do PP "se recibían moitos informes coma ese, que a xente mandaba por iniciativa propia". Pérez Varela era entón xefe do Gabinete de Comunicacións do Presidente. Pasaron xa quince anos e na rede non hai practicamente información sobre o asunto.
Nun dos informes dicíase que o director xeral da RTVG "debe ser un político al que le quepa en la cabeza el proyecto del Partido Popular, resumido en los 15 libros blancos de su programa". O máis curioso é o xeito en que foron calificados algúns xornalistas dos medios públicos. De Carlos Blanco, por exemplo, hoxe ben coñecido como actor e persoa ligada ao mundo do espectáculo, dicíase: "locutor. Contrato fijo. Profesional normal. Es del PSG-EG. Dirige el colectivo de nacionalistas radicales de izquierdas en la radio y fuera de ella. Elemento pernicioso".
A Xosé Luis Freire, "locutor, contrato fijo", tocoulle o calificativo de "profesionalidad normal. Miembro de Fuxan os Ventos. Es confidente de Camilo Nogueira. Individuo muy peligroso".
De Cristina Lombao aseguraba un dos informes: "locutora. Contrato fijo. Sobrina de Manolo Lombao (TVE). Mala profesional. Radical de izquierdas".
Con respecto a Luis Rial dicíase: "Coordinador de emigración. Contrato fijo. Trabajador infatigable. Muy marcado por el PSOE por su afinidad declarada hacia el PP".
Non tiña a mesma consideración Anxo Doval, de que sen dicía: "coordinador de documentación. Contrato temporal. Mal profesional. Candidato del PSG-EG en la pasadas elecciones autonómicas. Conflictivo".
E así continuaban as listas. Está todo nas hemerotecas. Con seguridade, esas listas sentaron as bases da radio e televisión folclórica, manipulada e sen proxecto que agora padecemos. Pero os político que gobernaban daquela aínda continúan a gobernar hoxe. Até cando?
Só até o domingo.

Conto

Acabo de ler na web un conto fabuloso:
"Cuando el gallego despertó, Fraga todavía estaba allí".
¿Sóavos?
O domingo comprobaremos que as profecías non sempre se cumpren.

Anxo Quintana

Expléndido, Anxo Quintana, no mitin de onte en Vigo. Cada vez máis líder, máis fortalecido, máis seguro de si mesmo. Directo, fresco, orixinal, divertido, con moito sentido do humor, elegante na palabra, emocionado, entrañable... Sen dúbida, un líder con moito futuro por diante. Parabéns.

15.6.05

Hai que botalos

Con respecto ao dinosauro, non teño dúbida ningunha de que a partir do luns xa non estará alí.
Eles intentan queimar todos os cartuchos, desesperadamente. Pero a campaña está a sairlles bastante folclórica (e españolista). Por certo, pregúntome como é posible que a Xunta Electoral de Zona prohibise a exhibición pública nun bar de Trives das curtametraxes de
Hai que botalos. Só a máis escandalosa censura explica un feito así. Durante todos estes anos, o PP inundou co seu alento fétido até a última fenda do país e agora,temerosos dun futuro que se desmembra, retórcense, rabiosos coma unha serpe sen rabo.

Intencións

Quixen facer un seguimento da campaña electoral desde Cabrafanada, pero non me foi posible. Entre outras cousas, a lectura das novelas do Premio Xerais impedíronmo. Pero pagou a pena. Recoméndovos, de verdade, Herba moura. É unha novela engaiolante, ambiciosa, innovadora, revisionista, profundamente conceptual e cun arrecendo a boas herbas que prenden en ti para sempre. Por certo que, este ano, o nivel de calidade das obras presentadas era altísimo. Había varias novelas máis que tamén me gustaron moito.

Portugal

O meu colega, o fotógrafo Renato Roque, envíame este poema de Eugénio de Andrade:

AS AMORAS
O meu país sabe a amoras bravas
no verão.
Ninguém ignora que não é grande,
nem inteligente, nem elegante o meu país,
mas tem esta voz doce
de quem acorda cedo para cantar nas silvas.
Raramente falei do meu país, talvez
nem goste dele, mas quando um amigo
me traz amoras bravas
os seus muros parecem-me brancos,
reparo que também no meu país o céu é azul.

Eugénio de Andrade, 1923-2005

5.6.05

Constitución europea

Se os non á constitución europea servisen para mellorala, alegraríame inmensamente e recoñecería que a miña postura está errada. Pero as miñas sospeitas son que os non están a crear unha inestabilidade que a quen máis beneficia é ao propietario do planeta, que está a frotar as mans ante o fracaso europeísta. Esa é a miña opinión a pesar de que eu, por certo, non teño nada que ver co piñeirismo e si moito co ver coa esquerda antisistema que se respiraba no Instituto Santa Irene cando comezaba a década dos 80.