Amosando publicacións coa etiqueta Xornalismo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xornalismo. Amosar todas as publicacións

3.1.08

Inspiración

Inexplicablemente, a palabra inspiración non está no libro sobre os eufemismos en Galicia que escribiu o profesor Montero Cartelle. E digo inexplicablemente porque, coma se fose unha palabra corrosiva, algúns escritores, crendo, non dan crido na inspiración. Explicareime. Se estudiamos a cuestión, vemos que moitos escritores cren nela pero moi poucos dan pronunciado tan demoníaca palabra para definir ese estado de ánimo en que como di Avilés de Taramancos «estás máis quente, máis predisposto para escribir». Se cadra, é porque ten demasiadas connotacións que lle forxou a historia da literatura. Carlos Casares non sabe se existe ou non existe a inspiración e recorre á comparación cun partido de fútbol: os xogadores ás veces teñen tardes inspiradas. O autor de «Memorias daquel verán» invoca unha frase de Picaso: «se vén a inspiración que me colla traballando». A mesma frase foi pronunciada por Marina Mayoral, que non cre no concepto romántico da inspiración, con musa, no que o traballo non significa. Iso de invocar frases de outros autores tamén o fai Xela Arias: «como dicía Octavio Paz, a primeira liña pode dala a inspiración, o que vén detrás xa o dá outra cousa». Tampouco Miguel Anxo Fernán Vello cre no concepto romántico de inspiración: «ten que haber un talento natural, unha predisposición e lucidez frente á realidade que é previa á propia creación poética. Pero... eu non participo desa expresión minimizante da escrita senón do propio traballo». Uxío Novoneyra declara que «non sei se creo nela, o que sei é que non podo escribir en frío». E despois engade: «a inspiración é a tensión máxima do coñecemento cara á comunión, a pura tendencia do home cara á forma, cara á lingua».

[Fragmento], sábado 2 de marzo de 1991, Diario 16 de Galicia


21.11.07

Nova etapa para A Nosa Terra

O semanario A Nosa Terra vai iniciar unha nova etapa, ilusionante e esperanzadora, baixo a dirección do xornalista, politólogo e escritor Manuel Veiga.
Como lector e colaborador habitual de ANT quixera transmitirlles os meus parabéns e desexarlle ao xornal e a todo o seu equipo moitas sorte nesta nova andaina. ANT é, indiscutiblemente, o medio de comunicación que, ao longo da súa historia, máis apostou pola cultura e o libro galego. Parabéns.


24.1.07

Kapuscinski

Vaise un xornalista excepcional e unha mente lucidísima. Desde Ébano a Viaxes con Heródoto (que lin no avión indo cara Polonia) até Os cínicos non serven para este oficio aprendín o mundo en cada páxina de Kapuscinski. Dos seus libros, quédome cunha frase maxistral: «O mundo ensina humildade». Un brindis eterno, compañeiro.


16.6.05

Memoria

Para quen non o lembre, non o saiba ou sexa demasiado novo para acordarse, quero recuperar da memoria o asunto das listas negras que o PP de Manuel Fraga elaborou en 1990, en canto chegou ao poder. Eses foron os inicios de Fraga na Xunta de Galicia. Daquela eu traballaba no desparecido Diario 16 de Galicia, o xornal que publicou as controvertidas listas. Tratábase dunha serie de informes que o PP elaborara sobre os profesionais da Radio e da Televisión de Galicia, tanto sobre os que exercían cargos como sobre os que eran, simplemente, traballadores, a fin de deixar constancia da súa filiación ou simpatías políticas á hora de ser relegados ou ascendidos a diversos postos profesionais e de interese político.
A filtración dos informes procedía directamente da sede do PP. Fraga, fixo declaracións desvencellando a Xunta do asunto das listas negras, pero non foi quen de facer o mesmo co PP. O encargado de desmentilo, daquela, foi Mariano Rajoy, quen asegurou que na sede do PP "se recibían moitos informes coma ese, que a xente mandaba por iniciativa propia". Pérez Varela era entón xefe do Gabinete de Comunicacións do Presidente. Pasaron xa quince anos e na rede non hai practicamente información sobre o asunto.
Nun dos informes dicíase que o director xeral da RTVG "debe ser un político al que le quepa en la cabeza el proyecto del Partido Popular, resumido en los 15 libros blancos de su programa". O máis curioso é o xeito en que foron calificados algúns xornalistas dos medios públicos. De Carlos Blanco, por exemplo, hoxe ben coñecido como actor e persoa ligada ao mundo do espectáculo, dicíase: "locutor. Contrato fijo. Profesional normal. Es del PSG-EG. Dirige el colectivo de nacionalistas radicales de izquierdas en la radio y fuera de ella. Elemento pernicioso".
A Xosé Luis Freire, "locutor, contrato fijo", tocoulle o calificativo de "profesionalidad normal. Miembro de Fuxan os Ventos. Es confidente de Camilo Nogueira. Individuo muy peligroso".
De Cristina Lombao aseguraba un dos informes: "locutora. Contrato fijo. Sobrina de Manolo Lombao (TVE). Mala profesional. Radical de izquierdas".
Con respecto a Luis Rial dicíase: "Coordinador de emigración. Contrato fijo. Trabajador infatigable. Muy marcado por el PSOE por su afinidad declarada hacia el PP".
Non tiña a mesma consideración Anxo Doval, de que sen dicía: "coordinador de documentación. Contrato temporal. Mal profesional. Candidato del PSG-EG en la pasadas elecciones autonómicas. Conflictivo".
E así continuaban as listas. Está todo nas hemerotecas. Con seguridade, esas listas sentaron as bases da radio e televisión folclórica, manipulada e sen proxecto que agora padecemos. Pero os político que gobernaban daquela aínda continúan a gobernar hoxe. Até cando?
Só até o domingo.

14.2.04

Antena 3

Acabo de recibir o seguinte texto por correo electrónico. Reprodúzoo textual e íntegramente, aínda que traducido ao galego:



"Somos xornalistas e traballamos dentro da cadea. Lamentablemente o medo a represalias como as que empregaron no pasado obrígannos a permanecer no anonimato. Pero temos a forza para dicir e denunciar feitos concretos e moi graves que se están producindo na redacción de informativos de Antena 3:

1. O control político e a censura informativa acadaron cotas nunca vistas nesta cadea. Á dirección de informativos só lle preocupa que os programas de noticias respondan aos intereses electorais do Partido Popular.

2. A dirección de informativos ordenoulles aos redactores pasar na punta dos pés polo caso Fabra e o escándalo do alcalde de Toques (ambos os dous membros do Partido Popular).

3. A dirección de informativos ordenou facer sangue co escándalo provocado pola reunión entre Carod Rovira e ETA. Pola contra, elude informar sobre a polémica suscitada pola presunta utilización partidista dos servicios de intelixencia.

4. Hai agora dez días difundiuse incansablemente unha gravación na que se podía escoitar como José Bono (sen decatarse de que estaba sendo gravada a súa voz) lle dicía a un compañeiro de partido que Tony Blair era gilipollas. Con todo, nunca se emitiu a primeira parte da gravación na que Bono dicía “Arenas díxome que están pouco contentos, que non hai color entre Rajoy e Aznar”.

5. O Conselleiro Delegado da cadea Maurizio Carlotti está celebrando reunións con grupos de xornalistas da redacción. En varios deles afirmou textualmente: deberíades aprender do que acontece en Italia. Alí un xornalista de esquerdas nunca traballa nun medio de comunicación de dereitas.

6. A desvergoña da xefa de Informativos Gloria Lomana é tal, que se adxudica premios que non lle corresponden. O pasado domingo recolleu persoalmente o premio TP (Teleprograma) que recibiu o programa Espello Público como mellor programa de actualidade do 2003. Lomana recolleu o premio que, en realidade correspondía, por dereito, ao director dese programa en 2003, a súa editora e o seu realizador. O problema é que os tres foron despedidos dentro do E.R.E excutado pola dirección da cadea (malia que o programa obtivo premios e boísimos resultados de audiencia en 2003). Lomana despediunos e ademais quedouse co seu premio.

Consideramos que os feitos denunciados son abondo graves para que saian á luz. Confiamos en que o seu medio teña o valor de facelo.

Todos os feitos son fácilmente contrastables.

Gracias e un saúdo. Xornalistas de Antena 3 Televisión"