3.1.08

Inspiración

Inexplicablemente, a palabra inspiración non está no libro sobre os eufemismos en Galicia que escribiu o profesor Montero Cartelle. E digo inexplicablemente porque, coma se fose unha palabra corrosiva, algúns escritores, crendo, non dan crido na inspiración. Explicareime. Se estudiamos a cuestión, vemos que moitos escritores cren nela pero moi poucos dan pronunciado tan demoníaca palabra para definir ese estado de ánimo en que como di Avilés de Taramancos «estás máis quente, máis predisposto para escribir». Se cadra, é porque ten demasiadas connotacións que lle forxou a historia da literatura. Carlos Casares non sabe se existe ou non existe a inspiración e recorre á comparación cun partido de fútbol: os xogadores ás veces teñen tardes inspiradas. O autor de «Memorias daquel verán» invoca unha frase de Picaso: «se vén a inspiración que me colla traballando». A mesma frase foi pronunciada por Marina Mayoral, que non cre no concepto romántico da inspiración, con musa, no que o traballo non significa. Iso de invocar frases de outros autores tamén o fai Xela Arias: «como dicía Octavio Paz, a primeira liña pode dala a inspiración, o que vén detrás xa o dá outra cousa». Tampouco Miguel Anxo Fernán Vello cre no concepto romántico de inspiración: «ten que haber un talento natural, unha predisposición e lucidez frente á realidade que é previa á propia creación poética. Pero... eu non participo desa expresión minimizante da escrita senón do propio traballo». Uxío Novoneyra declara que «non sei se creo nela, o que sei é que non podo escribir en frío». E despois engade: «a inspiración é a tensión máxima do coñecemento cara á comunión, a pura tendencia do home cara á forma, cara á lingua».

[Fragmento], sábado 2 de marzo de 1991, Diario 16 de Galicia


Ningún comentario: