120 capadores é un disco co que un feixe de bandas e músicos galegos lle renden unha merecida homenaxe a Os Diplomáticos de Monte Alto. Editado por Falcatruada, é unha iniciativa de Komunikando.net e do Centro Social Atreu. No cedé participan, entre outros, Cuchufellos, Lamatumbá, Zënzar, GalegoZ, Festicultores, Ruxe Ruxe, Banda Potemkin, Pulpiño Viascon, A Compañía do Ruído, Safari Orquestra, Nao, Tres trebóns, etc. A partir de versións de cancións dos Diplomáticos, que cada banda asume como propias, este disco supón un importante recoñecemento público para unha banda pioneira, arroutada, irrepetible e xa histórica na música galega. O disco trae textos de Xosé Manuel Pereiro e de Mangüi, o baixista dos Diplomáticos, entre outros.
Desde Cabrafanada quero sumarme a esa homenaxe a un grupo ao que me sinto xeracional, emocional e vitalmente ligado. Sempre fun un incondicional dos Diplomáticos e confeso que a súa música me fixo berrar, tremer, sentir, saltar e medrar «contra o mundo» desde o primeiro día.
E o primeiro día quere dicir aquela tarde de 1989 cando eu estudaba o derradeiro curso universitario en Compostela e escoitei no inesquecible programa O Fiadeiro da Radio Galega, conducido por Amelia García e Mari Pereira, por primeira vez na miña vida, aquela versión de «Non chas quero», que era a banda sonora da telenovela Os Frigoristas, emitida dentro do propio programa O Fiadeiro. «Non chas quero», composta por Xurxo Souto e Rómulo Sanjurjo cando aínda non existían Os Diplomáticos de Monte Alto, foi logo incluída no primeiro elepé (en vinilo, que naturalmente posúo, como todos os demais que editaron) da banda, titulado Arroutada pangalaica, porque precisamente desa canción, e doutras dúas máis que compuxeron, naceron Os Diplomáticos.
A miña emoción universitaria, ao escoitar un tema como aquel, que versioneaba unha canción popular, foi enorme nun momento en que practicamente a única música galega coñecida eran Os Resentidos (cuxos discos eu pinchara, por certo, unha e outra vez, nos meus anos de barman).
Debeu ser un pouco antes daquilo, se cadra en 1988, cando coñecín a Xurxo Souto, se non me equivoco, nunha reunión de Edicións do Dragón que se celebrou no Café Rúa Nova, cando estabamos a editar a carpeta Ao mar de adentro, na que el participou co poema «Navegación polos mares dos ceus».
O primeiro concerto de Os Diplomáticos de Monte Alto tivo lugar no Porriño, a onde acudiron chamados por Uxía, o 1 de xuño de 1990, cando, evidentemente, aínda faltaban uns cantos anos para que aparecese internet. E eu tiven a sorte de estar alí. A emoción de escoitalos en directo, como diría Xurxo, ardíame no peito. Aquela noite marchei para a casa deslumbrado e tardei en durmir. Logo, asistín a moitísimos concertos máis dos Diplomáticos, pero un dos máis entrañables que lembro foi o que tivo lugar en Noia cando Avilés de Taramancos era concelleiro de Cultura. Canda eles, actuaba tamén o grupo asturiano Los Berrones, que sacaran en 1992 o seu terceiro disco: «¿Lo tuyo como ye» (que, por certo, tamén conservo na casa).
Se non me equivoco (e paréceme que non) creo que podo dicir que é miña a primeira entrevista que se lles fixo nun medio escrito aos Diplomáticos de Monte Alto, publicada no Diario 16 de Galicia o 26 de agosto de 1990, que algún día recuperarei. En decembro dese mesmo ano, ilusionado cun inesperado agromar da música galega, escribín o artigo «A colleita do rock serodio».
En 1991 sae o seu primeiro disco, Arroutada pangalaica e en marzo de 1992 fágolle unha segunda crónica-entrevista á banda: «Paixón e arroutada: un norte para os Diplomáticos de Monte Alto».
En 1994 nace o bravú, movemento ao que tamén me sinto vencellado, pero esa é unha historia da que xa falerei noutra ocasión.
Desde aquel primeiro disco, Os Diplomáticos non deixaron de medrar até facerse xigantes. Tanto, que agora nin sequera podemos velos. E cando Xurxo Souto e Mangüi abandonan a banda en 2001, lonxe de decaer, mostra a súa solidez sacando un disco extraordinario, Komunicando. Polo medio quedaron Parrús (1993), Avante Toda (1995), Fumareu (1998) e Capetón (1999). En total, seis discos e máis dunha década de entrega prodixiosa e incansable á música galega.
Os seus nomes –en distintas formacións– son Xurxo Souto, Rómulo Sanjurjo, Guni, Berto Moram, Toni Simoes, Mangüi Martín, Marcos Viascón, Xabier Alonso, Lola de Ribeira e Manolo Maseda.
Grazas, colegas.
Ningún comentario:
Non se permiten novos comentarios.