29.9.07

Contra o parque eólico

Máis de duascentas persoas fixemos onte pola noite, armados de roupa de abrigo e lanternas, unha marcha reivindicativa de dúas horas de duración a través dalgunhas paraxes naturais da Serra da Groba, o pulmón montañoso do Val Miñor. A acción foi convocada por SOS Groba, entidade que naceu para se opoñer á creación dun parque eólico que viría poñer en serio perigo a impresionante riqueza natural, arqueolóxica e cultural da serra. A marcha estivo comandada pola infatigable voz de Xosé Lois Vilar. A Santa Compaña que formamos onte realizou unha protesta lúdica, silenciosa e telúrica co sabor da reivindicación nos beizos.
Contra o parque eólico na Serra da Groba.

26.9.07

Xiana Arias en Poetízate

Na última edición de Poetízate incluín dous poemas de Xiana Arias, do seu fresquísimo e inquendante libro Ortigas. Agora Xiana é a máis nova das poetas incluídas na antoloxía.

24.9.07

O poder da túa voz

As campañas de Amnistía Internacional na rede son excelentes.
A última campaña desenvólvese baixo este lema:

¿Sabes o poder que ten a túa voz?

O poder da túa voz


22.9.07

Recital en Madrid

O xoves 27 de setembro estarei en Madrid, participando nun recital poético na Casa de Galicia, xunto con Marilar Aleixandre e Román Raña. O acto estará presentado e moderado por Vicente Araguas e pertence ao ciclo Estacións Poéticas. Será ás oito da tarde, na rúa Casado del Alisal, 8, moi perto do Museo do Prado.

19.9.07

Valmiñor.info

Valmiñor.info mellora ostensiblemente a súa web.
A boa información local é cada vez máis estratéxica.

11.9.07

O gastrónomo

O gastrónomo estaba francamente anoxado. Pediu a conta para marchar canto antes. Co enfado, comezaba a revolvérselle o estómago. Naquel restaurante eran uns simples traficantes de comida e iso el non o soportaba. El, Cordón de Ouro da Gastronomía Hispánica. Para empezar, desde a última vez que estivera alí non fixeran nada por renovar a carta. Pedira un dos pratos máis delicados, lacón con grelos e nata feitos na súa propia xelatina, recheos con pasas gratinadas e servidos con culi de perdiz aromatizado de lombarda e castañas do Courel, e estaba francamente mal preparado. Pareceulle especialmente deleznable o exceso de cocción nas patacas, pero tamén lle desagradou o desproporcionado das gornicións. E, por se fose pouco, discutíranllo. A el, que era Pano de Ouro da Escola de Hostelería de Bordeaux. Así que, case sen probar as canas de nata e menta con chocolate quente que pedira de postre, pagou e saíu do local. O enfado alteráralle o sangue e sentía incómoda a dixestión. Por veces odiaba a súa profesión. Había cousas que eran moito máis do que un Mestre Asador da Cahine des Rotisseurs coma el podía soportar. Meteuse no coche coa intención de afastarse de alí canto antes. Pero polo camiño foise sentindo peor. O enfado provocáralle náuseas, cada vez máis frecuentes, e logo unhas terribles arcadas. Cada vez que se lembraba do intolerable exceso de cocción nas patacas, sentía a molestia da comida a fedellarlle no ventre. Coa rabia, estaba empezando a descompoñerse. De súpeto, non puido aguantar máis. Quixo parar o coche para saír, pero non lle deu tempo. Cando se deu conta xa o vomitara todo sobre o volante. Poucas cousas hai máis duras que a vida dun gastrónomo, pensou.