Amosando publicacións coa etiqueta Música. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Música. Amosar todas as publicacións

9.10.23

Un poema de «Ciudades» musicado

Teño que agradecerlles a Ángeles Fernández Martín e a J. Juan López Raya que me enviasen a ligazón a esta pequena e fermosa produción feita a partir dun poema meu de Ciudades, a tradución ao castelán de Cidades. 

Eles recitan con voz, música e canto ese poema, na súa tradución ao castelán («Entre todas las ciudades»), publicado actualmente por Kalandraka.

O certo é que «Cidades» foi sempre un libro afortunado. Publicado en 1996, tivo tres edicións diferentes (non reimpresións, senón edicións) en galego en Xerais; as dúas primeiras ilustradas por Pablo Otero «Peixe» e a terceira (a actual) ilustrada a partir das miñas propias fotografías.

Tamén tivo dúas edicións en castelán, e dúas editoras diferentes. A primeira, na editorial Espasa Calpe, coas ilustración de «Peixe», aínda que diferentes ás da edición orixinal; e a segunda (a actual) en Kalandraka, con ilustracións de Marc Taeger.



 

6.3.15

Ses volve cun novo álbum para «Tronzar os valos»

O novo álbum de Ses ten unha pintaza espectacular. Ses é a trobadora galega do século XXI, cunha música excelente e unha capacidade comunicativa impactante. É unha artista de xenio nada destrozado! Letras penetrantes, músicas mestizas e unha personalidade definidísima fan de Ses unha cantautora capaz de traspasar os valos.


 

5.1.15

Señora Carme: a voz que retorna á terra

Aos 82 anos, cando eu a coñecín, a súa voz soaba envolvente, vigorosa e arrastrada como a de Édith Piaf: «Ai alá na flor dos meus anos / Ai fun anos sacrificada / Ai sufrín penas, sufrín males /Ai ai o que eu teño pasado». Na flor dos meus anos, ademais do título do seu único disco en solitario (unha verdadeira alfaia da música tradicional galega) constituíu o seu tema central, co que ela se sentía máis identificada. Como todo o que cantou, era unha melodía tradicional.
Onte a mediodía, Uxía deume a triste noticia de que a voz da Señora Carmen acababa de se apagar para sempre. Foi precisamente Uxía a que en 2007 me convidou a facerlle unha longa entrevista a esta muller inesquecible (entrevista que se recolle no DVD no disco) así como a escribir a súa biografía, que titulei A voz que vén da seitura.
A Señora Carmen era unha muller reservada, discreta e humilde, que desde moza viviu apañando coas cordas vocais as melodías da música tradicional galega para agochalas en cada poro e en cada enruga da súa pel. A música foi a apócema que sempre a fixo saír adiante. A pesar de que non comezou a cantar en público ata os 70 anos (da man de Malvela), nos carreiros da súa vida privada a música foi a imprescindible corrente que a empurraba, unha fonte de enerxía íntima, creativa, vital. Xa na súa adolescencia e mocidade cantaba mentres traballaba o campo a golpe de legón, cantaba cando camiñaba co fouciño e a gadaña ao lombo, cantaba mentres botaba o millo, mentres o apañaba, mentres sementaba a herba. Cantaba ao sachar, cantaba ao fregar a casa, cantaba no muíño, cantaba botando os feixóns, cantaba o prezo da froita que vendía no mercado do Porriño, cantaba cando viña da seitura, cantaba cando viña da segada. E as súas veciñas agachábanse detrás do millo para deleitarse en segredo co encontro daquela voz marabillosa. Cantaba con voz anónima e prodixiosa, esa que inundou durante toda a vida o acontecer cotián dos que a rodearon sen que o resto do mundo puidesemos aínda, lamentablemente, descubrila.
Pero ela nunca se considerou a si mesma unha voz en solitario. Sentía e reivindicaba con intensidade a súa pertenza a Malvela, o grupo de música tradicional de Mos –formado por mulleres e impulsado por Uxía– co que a súa voz renaceu para a canción.
Agora, esa voz retorna á terra que lle prestou o humus que a fixo intensa, telúrica e desgarrada, campesiña, vigorosa, nutritiva e identitaria. A min non me queda máis que mandarlle un aturuxo de vida e recoñecemento por aqueles fermosos días que me permitiu compartir con ela. E polo exemplo e o inesquecible galano que lle deixa á nosa cultura.


8.10.14

«Biblioferit», unha canción de amor ás bibliotecas

O Servei de Biblioteques da Generalitat de Catalunya encargoulle a La Tresca i la Verdesca, un grupo de música infantil, que compuxese unha canción sobre as bibliotecas coa vocación de animar os pequenos lectores e lectoras ao seu uso e, ao tempo, que servise de seu como elemento de animación lectora. Os membros de La Tresca i la Verdesca crearon unha fermosa canción de amor á biblioteca, titulada Biblioferit, emulando o conto da Ratiña presumida. O resultado final é este magnífico vídeo musical, tan emotivo para as persoas que traballamos na animación á lectura e facemos nosas as imaxes que aparecen na pantalla.
Observando unha sociedade coa madurez cultural da catalana, tan capaz de xerar ilusión e de apoiar a cidadanía no recoñecemento da súa propia cultura, non debería estrañarlle a ninguén que desexen ser unha nación independente. Con esa capacidade xigantesca de soñar e crear referentes (que contrasta tanto coa miseria cultural da Consellería de Cultura), o Estado catalán (que chegará algún día, sen dúbida, pois os cataláns así o desexan) será un dos estados máis avanzados de Europa en políticas educativas e culturais.




Biblioferit from suvata produccions on Vimeo.


«El grup d'animació infantil i familiar de La Tresca i la Verdesca han rebut l'encàrrec de fer una cançó per a tots aquells que ens agrada passar hores i hores en la biblioteca. El cas és que hi ha algú que s'hi ha passat tantes, que hi està enamorat. És el "Biblioferit", un malalt d'amor per una biblioteca» (Catalunya Radio).

25.9.14

Celso Emilio Ferreiro e Os Diplomáticos de Monte Alto

Este ano, o Festival Revenidas e a Asociación Cultural Liviao de Marrao, que organizou Por parroquias, celebraron os 20 anos do Bravú. No Culturgal inaugurarase unha exposición do significado deses 20 anos e Os Diplomáticos de Monte Alto volveron a subir aos escenarios para conmemorar ese movemento do que foron humus. Tamén realizaron un videoclip, xa ben coñecido, que aínda non reproducín en Cabrafanada e para o que tiven a fortuna de colaborar. Os Diplomáticos de Monte Alto e Celso Emilo Ferreiro, dous enormes motores da cultura galega, están xuntos nesta versión de «Deitado frente ao mar»

5.12.11

Daniel Higienico

22.8.11

Soon, son da adolescencia

Soon, de Yes, canción emblemática da miña adolescencia. Mesmo lembro a un colega que marchaba con este disco debaixo do brazo a algunha festa tipo guateque.¡Madia leva! Youtube é un milagre para a memoria.



4.7.11

La Tarara

Un dos poemas máis reproducidos e musicados do século XX, La tarara, de Lorca, en dúas versións moi distintas. A primeira, por unha banda desaparecida pola que sempre sentín especial devoción, Canallas.
A segunda, unha versión en que se funden unha soprano e unha guitarra flamenca. Espectacular. No segundo caso inclúo o enlace, porque non permite insertar.

20.9.10

16.8.10

Unha canción emblemática: Abril 1974

Abril 74, unha das cancións máis fermosas e inmortais de Lluis Llach.





31.5.10

Poemas con música

Hai uns meses chegoume un correo de María e Tomás, dúas persoas a quen non coñezo, solicitándome permiso para colgar na súa web tres poemas meus, traducidos e publicados en castelán.
Ela é a lectora e el é o técnico. Ela é a voz e el é o son. E teñen unha fermosa e intersante páxina a través da que ofrecen textos literarios lidos con música e gravados no seu estudio. A maior parte das producións sonoras emítense previamente na radio libre TAS-TAS, de Bilbao e tamén entre círculos de persoas interesadas na lectura e na súa promoción. Xa que logo, ademais dos meus poemas, recomendo a súa páxina, en euskera (a maior parte) e castelán, desde a que pretenden ofrecer textos interpretados a partir dunha atmósfera coidada, con mimo e sen presas.

28.9.09

Bebe

24.9.09

Alameda

Outro referente musical da miña adolescencia; unha proposta de calidade.

20.9.09

Senza te sono niente

1.9.09

Música para un Ouveo, en Vigo

O concerto Música para un ouveo, que se estrea o xoves na Coruña, estará o próximo venres no Auditorio do Centro Cultural Caixanova en Vigo. O concerto, con música e dirección de Borja Costa, baséase no extraordinario poema Ouveo, de Allen Ginsberg (que eu xa trouxen a Cabrafanada noutra ocasión, na propia voz de Ginsberg), traducido ao galego e recitado, durante o espectáculo, por Xoán Abeleira. Dado que fun convidado polos responsables do concerto a facer de Mestre de Cerimonias na sesión de Vigo, alí estarei tamén. Ese papel vaino representar, o xoves, na estrea mundial na Coruña, Manuel Rivas. O concerto (con violín de Andrés Cruz, viola de Sara Gómez Yunta, violín de Elisa Raposo, violoncello de Guillermo Martínez e Piano de José Ramón García Vázquez) está a ter unha grande repercusión nos medios de comunicación. Tanto o ABC como o Galicia Hoxe dedicáronlle os seus suplementos culturais e os demais medios publicaron informacións moi destacada sobre o evento. A tradución do mítico poema de Ginsberg –dou fe– é impresionante, como corresponde ao bo facer de Xoán Abeleira, tamén magnífico poeta. As entradas poden mercarse tamén a través da rede. Será este venres ás 21:00 H. Logo da xira galega, o ancho mundo espera por eles.









26.8.09

Come mierda

22.8.09

Lokua Kanza

o Wapi Yo do extraordinario Lokua Kanza, que canta en lingala e swahili.

18.8.09

I Muvrini

Durante os anos 90 asistín, abraiado, a un concerto de I Muvrini nunha aldea perdida nas montañas do sur de Córsega. Dous anos antes de eu poder gozar deles en directo, as súas actuacións públicas eran prohibidas porque cantaban en lingua corsa.





30.7.09

Cordas do Sol

Cordas do Sol, outro grupo caboverdiano que me cativou naquel país de músicos. Pareceume unha banda tan extraordinaria que ao meu regreso paseille unha copia do CDD a Uxía e a Xurxo Souto, que o pincharon na Radio Galega.