Amosando publicacións coa etiqueta Val Miñor. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Val Miñor. Amosar todas as publicacións

5.5.26


Reproduzo aquí a entrevista que me fixeron en Nós TV sobre a miña novela Cáncara, que parte do suceso real acontecido en outubro de 1983 cando o alcalde dunha vila mariñeira ordena apresar e deter unha vaca por pastar herba pública e a Policía Municipal condúcea ao calabozo do Concello. 

A noticia da detención da vaca, que logo pasou a ser coñecida como vaca Pinta, percorre o mundo, e publícase no «New York Times» e no «Washington Post». 

A partir deste feito insólito, escribín unha novela sobre o poder, ateigada de humor, que reconstrúe os feitos reais. «Cáncara» é unha novela que serpea entre a fábula, a crónica, a lenda, a sátira, a memoria e a narrativa contemporánea, converténdose nunha historia que afunde as súas raíces na crítica social e que se conforma como unha radiografía das transformacións sociopolíticas actuais

18.10.21

Praia América, o topónimo denostado

Estou un pouco canso de escoitar como se denigra o topónimo Praia América. Si, o nome orixinal da praia era Lourido, seino. De feito, consérvase no Monte Lourido, lugar en que a praia comeza. E os topónimos «reflicten mil veces –dicía Álvaro Cunqueiro–, tanto como unha determinación significativa, un grao de amor e de amizade, e incluso de nostalxia, e sobre todo de posesión; é dicir, de cultura e de historia». Ben o sei, sinto paixón pola toponimia e, como escritor, aliméntome dela. Precisamente por iso, porque os topónimos reflicten tamén ese grao de cultura e de historia, gústame o topónimo Praia América. E non é un criterio gratuito. Argúese que que o nome foi inventado polo emigrante filántropo Manuel Lemos a finais dos anos 20 do pasado século. Probablemente Manuel Lemos, no seu proxecto empresarial de converter Lourido nunha praia atractiva para o turismo, propulsou definitivamente o cambio sen ningún tipo de intención cultural senón máis ben comercial. Pero, sen dúbida, non inventou nada. O lugar era coñecido xa entre os veciños como Praia América. A denominación, Praia América, estaba –ignoro en que grao– asentada na boca da xente de Nigrán. Por que? Porque cando a emigración castigou duramente o Val Miñor, como o fixo con tantas comarcas de Galicia, nas herdanzas deixábanselle as terras que estaban perto da praia –que eran areais improdutivos– aos fillos emigrados a América porque, loxicamente, non ían traballalas; e as terras máis afastadas dos areais, moito máis ricas e produtivas, quedaban para os que non emigraran e continuaban a romper o lombo co traballo da terra. Daquela era o campo o o que daba o sustento e, en consecuencia, as terras máis fértiles eran as máis aprezadas. Logo, chegou o boom urbanístico e o declive da cultura rural e todo cambiou, perdendo valor as terras fértiles e disparándose os prezos das herdades lindantes coa praia. De aí que popularmente se lle chamase Praia América, pois as terras estaban en mans dos americanos, é dicir, dos galegos emigrados ás américas. 
Xa que logo, o topónimo Praia América terá apenas un século pero arrastra canda si unha enorme carga sociolóxica ligada á historia máis dolorosa e identitaria de Galicia e denostalo supón, en moi boa media, un terrible acto de desmemoria. 



2.11.10

Cabo Silleiro

Cabo Silleiro. Unha das xeografías da miña infancia. O bruar do faro é a canción que eu escoitaba todas as noites ao me deitar, nas noites de néboa.

22.7.10

Xustiza en Nigrán

Recibo, dun concelleiro de Nigrán, o seguinte texto por correo electrónico, que sen dúbida aplaudo. Parabéns.

Por Xustiza

O vindeiro mércores 28 de Xullo ás 20 horas a Alcaldía de Nigrán levará á Sesión Plenaria 3 propostas de xustiza:

1º) devolverlle a Daniel Castelao o nome da rúa que hoxe ten o excalde franquista Bernardo Vazquez, feito que aconteceu no ano 1988 promovido por un alcalde do PP.

2º) darlle a unha praza de Nigrán o nome de Jose Vazquez Grela, mestre vilmente asasinado polos facistas perto do Torreiro das Angustias no 1936. Cómpre honrar a memoria dun home cheo de bondade que o seu delito foi loitar por unha sociedade máis xusta.

3º) darlle a unha praza da Ramallosa o nome dun ilustre Galego, escritor e veciño de Nigrán, Carlos Casares.

Acude a este acto, para que a honra sexa de todo un pobo.

Unha aperta
.

4.2.10

55 mentiras sobre a lingua galega

MULTIPRESENTACIÓN MAÑÁ VENRES DA PRIMEIRA PUBLICACIÓN DE PROLINGUA EN 66 LOCALIDADES DE TODO O MUNDO

Análise dos prexuízos máis comúns que difunden os inimigos do idioma

En Baiona terá lugar na Biblioteca Municipal ás 20,30 h.
(Presentan: Rosana Estévez, Concha Costas e Anxo Ratel)

A plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega ProLingua, presentada publicamente o pasado 3 de outubro na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela, ofrece á sociedade a súa primeira publicación titulada 55 mentiras sobre a lingua galega. Análise dos prexuízos máis comúns que difunden os inimigos do idioma, dirixida polo profesor da Universidade de Vigo Xosé-Henrique Costas, coa colaboración de varios membros de ProLingua: Agustín Fernández Paz, Ana Mª Outón Barral, Ana Mª Iglesias Álvarez, Xosé Manuel Pérez Sardiña, Xosé Luís Regueira Fernández, Francisco Fernández Rei, Xabier Cordal Fustes, Xosé Mª Lema Suárez, Mercedes Queixas Zas, Suso Fernández Acevedo, Alejandro Tobar Salazar e Xabier P. DoCampo.
Este volume pretende ser un argumentario sinxelo e clarificador, ao tempo que sólido e rigoroso, que axude a sociedade galega a comprender e superar aquelas valoracións e interpretacións subxectivas, ideoloxizadas desde unha óptica exclusivamente partidista, erróneas ou perversas, que perseguen o obxectivo de actuaren de freo ao camiño da necesaria reposición e normalización de usos para a lingua galega no seo da súa sociedade.
Co gallo de ofrecer unha análise dos prexuízos máis comúns que difunden os negacionistas do idioma, sae publicado este esperado libro útil, unha obra rigorosa que, paseniño e cun ton distendido, avanza até desmontar, unha por unha, as principais falacias que no decorrer da historia se veñen vertendo sobre e contra a lingua galega, facendo fincapé naquelas que, por diversas razóns que tamén o libro pon de relevo, a día de hoxe teñen un maior calado na sociedade: a imposición do galego fai sufrir aos nenos e aos inmigrantes; os nenos e as nenas que proceden de familias castelanfalantes non poden recibir ensino en galego; a maioría do ensino está en galego e por iso é inevitábel someterse a unha inmersión lingüística neste idioma; o castelán está desaparecido de moitos colexios e institutos; os nenos e nenas galegofalantes non teñen competencia en lingua castelá; na Administración ten que estar todo en galego e castelán; o castelán está desaparacendo de case todos os ámbitos; se o interlocutor (galego) fala en castelán, o galegofalante debe mudar tamén para o castelán por cortesía e educación; o galego impide un maior desenvolvemento turístico do país, así como a contratación de bos profesionais foráneos; o galego normativo e, polo tanto, culto, é artificial, inventado e non recolle a lingua do pobo; o galego non é útil porque non serve para falar fóra do país...
Mais se o contido e o enfoque deste manual é novidoso, sorprendentemente pioneira será a súa presentación social, pois esta celebrarase simultanemente en 66 localidades de diferentes partes do mundo o vindeiro venres 5 de febreiro ás 20:30.
Máis de 175 persoas partillarán mesa de presentación nas 66 localidades confirmadas a día de hoxe que, previsibelmente, se acrecentarán nas próximas horas -capitais de Estado, cidades, vilas, cabeceiras de comarca e grandes urbes internacionais como Londres, Lisboa, Bos Aires, Tübingen, París, Nova York, Copenhague, Bruxelas ou Bethelem- co obxectivo de divulgar simultaneamente este primeiro volume nado en ProLingua, como primeira concreción dunha reacción social apartidaria, organizada, limpa e contundente contra as difamacións daqueles que, por complexo, mesquindade ou ambas as dúas cousas, só buscan o esmorecemento da lingua propia de Galicia, o galego. Con este breve ensaio, de doada lectura, preténdese acoutar a enrevesada e maliciosa arañeira tecida ao redor das falacias subrepticiamente divulgadas na sociedade, descubrir a verdadeira cara da mentira que Agostiño de Hipona definiu como «a expresión de algo distinto do que se está a pensar co ánimo de enganar» é o obxectivo desta iniciativa.
Porque fica máis evidente que nunca que a lingua e o pobo camiñan xuntos e o seu futuro xógase tamén conxuntamente.
Asemade, ProLingua agradece a Edicións Laiovento a plena receptividade deste manual e a total predisposición para a súa publicación inmediata.

Toda a información completa referida ás localidades e mais a ubicación exacta das presentacións confirmadas pode visitarse en: www.prolinguagalega.org

PROLINGUA agradece a difusión desta importante noticia de apoio social á lingua galega

21.10.09

A estafa de Gondomar

Ante tanta falta de ética política, non cabe máis que indignación, moi especialmente nas persoas que pagamos impostos en Gondomar. A continuación reproduzo un folleto de denuncia que circula estes días polo concello.


6.7.09

Manifesto veciñal contra a moción de censura

Os veciños e veciñas de Gondomar estamos indignados. Estamos moi indignados. E así o vimos manifestando na rúa, durante toda esta semana, desde que se fixo pública a escandalosa moción de censura.
Calquera que sexan as nosas simpatías políticas, calquera que sexa a nosa orientación ideolóxica, os veciños e veciñas de Gondomar temos o deber de mostrar a nosa máis enérxica repulsa ante todo o que está a suceder no concello, con esta moción de censura inxustificable e absurda que só busca saciar os intereses particulares daquelas persoas que a promoven.
Os veciños e veciñas de Gondomar non podemos permitir outra vez que a trapallada e a ilegalidade volva ao urbanismo do Concello; os veciños e veciñas de Gondomar non podemos permitir, baixo ningún concepto, que resucite o espírito da corrupción que no ano 2006 levou á detención de dous concelleiros do PP; os veciños e veciñas de Gondomar non podemos permitir que o caos e a desobediencia legal retornen a un concello que no período anterior estivo gobernado por un alcalde ao que os xuíces condenaron a ano e medio de cadea.
Os veciños e veciñas de Gondomar non podemos permitir que catro concelleiros tránsfugas, que só procuran o seu propio beneficio, dean un golpe de man, desoíndo as ordes do partido que os vai expulsar, e traicioando aos que os votaron a quen se deben en primeiro lugar.
E, sobre todo, os veciños e veciñas de Gondomar non podemos aceptar a inmoralidade de que acceda á alcaldía unha persoa que xa cometeu graves ilegalidades urbanísticas mesmo antes de acceder ao cargo. Un alcalde debe ser unha persoa íntegra, alguén que, co seu comportamento exemplar e gran sentido cívico, se convirta nun intachable xestor, guiado pola eficacia e pola honradez fronte aos recursos públicos. Os concelleiros son cargos electos ao servizo da cidadanía e están obrigados a servir democraticamente e con xustiza as persoas ás que representan.
Xa que logo, esta moción de censura parécenos un farsa irresponsable, unha comedia triste e patética e, sobre todo, un acto de malversación da política, pois a política ten como misión servir ao pobo e en ningún caso empregala en beneficio propio nin comerciar con ela ningún tipo de favores.
Os veciños e veciñas de Gondomar non queremos ser partícipes do discurso perverso e manipulado dos concelleiros que dán este golpe de man, desprezando as súas obrigas co pobo e o seu deber cívico, así como o sentido dunha democracia que os habilitou para ser hoxe o que son. Non queremos ser partícipes dos comportamentos dunha oposición que botou abaixo toda a acción de goberno no Concello, que fixo gala dun incansable afán destrutivo, e agora, logo de fomentar a confusión e o desgoberno, pretende presentar unha moción de censura para facerse co poder, baixo a escusa de que a confusión e o desgoberno os fomentaron outros.
Por iso, os veciños e veciñas de Gondomar apelamos á responsabilidade dos partidos políticos Partido Popular, PSOE e BNG e dos seus militantes e votantes, para que todos esixan, connosco, que se faga xustiza e se desista dunha moción de censura que só vai traer enfrontamentos e tensión ao noso concello.
Todo o mundo en Gondomar sabe que esta moción de censura non é democrática, que responde a intereses alleos ao verdadeiro sentido do servizo público. Todo o mundo sabe que a acta de concelleiro non é unha parcela privada, senón que hai que exercela democraticamente, con responsabilidade e respondendo ao sentido dos votantes que a outorgaron. Todo mundo sabe que os tránsfugas, se fosen consecuentes, deberían marchar para a súa casa en canto deixan de representar ao seu partido.
Por iso, os veciños e veciñas de Gondomar esiximos que o actual goberno municipal esgote o seu mandato, que os tránsfugas abandonen os seus cargos e volvan ás súas casas, deixando que os seguintes candidatos ocupen os seus postos e que permitan dunha vez por todas que a xustiza, a democracia, e a honradez se instale, definitivamente, en Gondomar.

Gondomar, sábado 4 de xullo de 2009

4.7.09

A cultura do medo en Gondomar

O xoves, en Gondomar, na manfiestación contra a moción de censura, fun testemuña dun feito propio do século XIX, que non crería que fose certo se non chega a ser porque o vin cos meus propios ollos: a muller de Manuel Núñez, o candidato de Move Gondomar e un dos responsables da moción de censura, apuntaba nun caderno, desde o balcón da súa casa na Alameda, o nome das persoas que participaban na manifestación. En 2009 e facendo gala da cultura do medo!!!!

Onte venres,varios centos de coches engalanados con bandeiras de "moción=corrupción" e sen deixar de pitar percorrimos durante dúas horas e media practicamente todas as parroquias do concello, propiciando un espectáculo abraiante.

30.6.09

Gondomar protesta

Gondomar protesta é o nome do inicipiente movemento veciñal contra a moción de censura, que onte á tarde reuniu unha enorme masa de veciños en Gondomar, armados de chifres, asubíos, cacerolas e todo tipo de artiluxios para protestar pola actitude da oposición. A moción de censura é posible pola acción de catro tránsfugas do PSOE que xa foron desautorizados polo seu propio partido desde Santiago e pola propia agrupación de Gondomar; de feito, os seus dirixentes participaron na concentración popular de onte.
As protestas repetiranse diariamente ás 21 horas diante do Concello, excepto hoxe, que será ás 19.45 diante do auditorio Lois Tobío, lugar onde está previsto o último pleno –fixado previamente– antes da moción de censura. Con todo, o rumor máis estendido por Gondomar é que os concelleiros da oposición non van aparecer, para impedir a celebración dese último pleno.
Outra das protestas que está en marcha desde onte, especialmente singular, é a sincronización dos veciños ás once da noite para poñer nos nosos aparatos de música un CD que contén tres melodías (a elixir unha) de zanfona, e que se emite situando os altavoces na ventá das vivendas. Quen recibe o CD está obrigado a facer copias e distribuílas, amplificando o radio de acción da protesta.
Indignación, pero tamén imaxinación, sentido lúdico, e unha vontade irrenunciable a que a cordura e a racionalidade sexa o que presida o goberno municipal de Gondomar constitúen os factores que desencadenan esta protesta que está a estenderse como unha bola de neve, sen que as máquinas excavadoras de Rafael Louzán poidan facer nada para impedilo. E é que os cartos non o poden todo.

20.5.09

Gondomar

Sería unha triste vergoña que o PSOE apoiase ou propiciase unha moción de censura no Concello de Gondomar. E moito máis se é para devolver ao goberno municipal a persoas procesadas.

17.5.09

Emocionante acto

Emocionante acto, o do sábado pola mañá na inauguración da Casa da Lectura.







6.10.08

Contar no Contomar

O Contomar regresa á biblioteca pública de Gondomar unha tempada máis, con novas propostas e ideas, con dous novos personaxes e cun espectáculo inaugural da Compañía do Trinke Trinke: Ratos de biblioteca. Contar no Contomar é posible todos os luns ás 18 horas .

19.6.08

Durmir na biblioteca

¿A quen non lle apetecería pasar unha noite na biblioteca? Espazo Lectura faino posible, cun programa de actividades atractivo e entretido. Haberá que facer un seguimento, a ver como vai a noite dos libros.

20.5.08

Bando

A petición do alcalde de Gondomar, redactei o bando do Día das Letras Galegas 2008. O bando pode lerse aquí.

28.4.08

A volta dos 9

2008




2006

9.2.08

Testamento da sardiña

Esta tarde, por orde do señor alcalde, este notario dará lectura ao testamento da sardiña en Gondomar. Logo de lido, publicarase un extracto en Cabrafanada.

17.11.07

SOS cabalos da Groba

Sorprendente vídeo (primeira parte) realizado nos anos 70 por Xosé Lois Vilar Montero, pai do actual presidente de SOS Groba. O interese etnográfico do vídeo é enorme. Os membros de SOS Groba están a proxectar este vídeo nas charlas contra o parque eólico que imparten nas distintas comunicades da Serra. A épica da Serra da Groba é bastante máis fermosa que a do Far-west americano.


14.11.07

Verquidos na Foz do Miñor

Pedro Telmo, desde Valmiñor.info, denuncia os verquidos na Foz do Miñor, espazo natural protexido e integrado na Rede Natura 2000.