Os veciños e veciñas de Gondomar estamos indignados. Estamos moi indignados. E así o vimos manifestando na rúa, durante toda esta semana, desde que se fixo pública a escandalosa moción de censura.
Calquera que sexan as nosas simpatías políticas, calquera que sexa a nosa orientación ideolóxica, os veciños e veciñas de Gondomar temos o deber de mostrar a nosa máis enérxica repulsa ante todo o que está a suceder no concello, con esta moción de censura inxustificable e absurda que só busca saciar os intereses particulares daquelas persoas que a promoven.
Os veciños e veciñas de Gondomar non podemos permitir outra vez que a trapallada e a ilegalidade volva ao urbanismo do Concello; os veciños e veciñas de Gondomar non podemos permitir, baixo ningún concepto, que resucite o espírito da corrupción que no ano 2006 levou á detención de dous concelleiros do PP; os veciños e veciñas de Gondomar non podemos permitir que o caos e a desobediencia legal retornen a un concello que no período anterior estivo gobernado por un alcalde ao que os xuíces condenaron a ano e medio de cadea.
Os veciños e veciñas de Gondomar non podemos permitir que catro concelleiros tránsfugas, que só procuran o seu propio beneficio, dean un golpe de man, desoíndo as ordes do partido que os vai expulsar, e traicioando aos que os votaron a quen se deben en primeiro lugar.
E, sobre todo, os veciños e veciñas de Gondomar non podemos aceptar a inmoralidade de que acceda á alcaldía unha persoa que xa cometeu graves ilegalidades urbanísticas mesmo antes de acceder ao cargo. Un alcalde debe ser unha persoa íntegra, alguén que, co seu comportamento exemplar e gran sentido cívico, se convirta nun intachable xestor, guiado pola eficacia e pola honradez fronte aos recursos públicos. Os concelleiros son cargos electos ao servizo da cidadanía e están obrigados a servir democraticamente e con xustiza as persoas ás que representan.
Xa que logo, esta moción de censura parécenos un farsa irresponsable, unha comedia triste e patética e, sobre todo, un acto de malversación da política, pois a política ten como misión servir ao pobo e en ningún caso empregala en beneficio propio nin comerciar con ela ningún tipo de favores.
Os veciños e veciñas de Gondomar non queremos ser partícipes do discurso perverso e manipulado dos concelleiros que dán este golpe de man, desprezando as súas obrigas co pobo e o seu deber cívico, así como o sentido dunha democracia que os habilitou para ser hoxe o que son. Non queremos ser partícipes dos comportamentos dunha oposición que botou abaixo toda a acción de goberno no Concello, que fixo gala dun incansable afán destrutivo, e agora, logo de fomentar a confusión e o desgoberno, pretende presentar unha moción de censura para facerse co poder, baixo a escusa de que a confusión e o desgoberno os fomentaron outros.
Por iso, os veciños e veciñas de Gondomar apelamos á responsabilidade dos partidos políticos Partido Popular, PSOE e BNG e dos seus militantes e votantes, para que todos esixan, connosco, que se faga xustiza e se desista dunha moción de censura que só vai traer enfrontamentos e tensión ao noso concello.
Todo o mundo en Gondomar sabe que esta moción de censura non é democrática, que responde a intereses alleos ao verdadeiro sentido do servizo público. Todo o mundo sabe que a acta de concelleiro non é unha parcela privada, senón que hai que exercela democraticamente, con responsabilidade e respondendo ao sentido dos votantes que a outorgaron. Todo mundo sabe que os tránsfugas, se fosen consecuentes, deberían marchar para a súa casa en canto deixan de representar ao seu partido.
Por iso, os veciños e veciñas de Gondomar esiximos que o actual goberno municipal esgote o seu mandato, que os tránsfugas abandonen os seus cargos e volvan ás súas casas, deixando que os seguintes candidatos ocupen os seus postos e que permitan dunha vez por todas que a xustiza, a democracia, e a honradez se instale, definitivamente, en Gondomar.
Gondomar, sábado 4 de xullo de 2009
6.7.09
Manifesto veciñal contra a moción de censura
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario