A poesía de Dylan Thomas ten unha forza extraordinaria. En «Cousas do intestino», un relato que forma parte do meu libroMales de cabeza (2001) empreguei versos de Dylan Thomas para construír o relato, un relato, por certo ambientado en Gales. Hai uns días vin a película En el límite del amor (2008), un biopic (por empregar unha palabra de moda) sobre Dylan Thomas, que en inglés se titula The edge of love. A verdade é que a película non me cautivou, pero si que me interesou, como me adoita interesar case toda a filmografía que se centra na vida ou obra de persoas que foron ou son referentes culturais. En todo caso, vina con gusto.
Como se sabe, Dylan Thomas escribiu a súa obra literaria unicamente en inglés. Ignoro se falaba o galés, aínda que na película aparece cantando na lingua de Gales.
Posteriormente busquei unha biografía básica súa na wikipedia. Na galipedia, a wikipedia en galego, dise que «Thomas foi educado exclusivamente en lingua inglesa malia ser o galés a lingua de súa nai». Logo acudín á wikipedia en portugués, onde se di: «Apesar de tanto seu pai e sua mãe falarem galês, tanto Dylan como sua irmã nunca aprenderam a língua e Dylan escreveu exclusivamente em inglês». Finalmente, visitei a wikipedia en español, onde esa cuestión non se menciona. É evidente que a forma en que se aborda e redacta a wikipedia di moito da socioloxía de cada pobo.
Nas últimas semanas circularon polas salas de cine, de xeito case simultaneo, tres películas literarias, tres películas que abordan a literatura como tema.
Teño a impresión, polo que puiden ler, de que a máis valorada pola crítica foi Paterson, curiosamente a que a min menos me gustou. Dirixida por Jim Jarmusch, Paterson conta a historia dun condutor de autobús que escribe poesía e faino nunha cidade, Paterson (New Yersey, USA), que foi berce de Allen Ginsberg e residencia literaria de parte da obra de William Carlos Williams, o poeta ao que o condutor do bus máis admira. A película, que se fai extremadamente aburrida, vai narrando o proceso de escrita do protagonista e a súa relación coa contorna. É, precisamente, a mirada poética que lanza sobre o seu redor en torno ao cotián o máis interesante dunha película que, lamentablemente, non consigue atrapar o interese do espectador ou espectadora e, nin tan siquera, espertar o interese pola poesía. A escasa consistencia do argumento non se contrarresta con ningún outro mecanismo que a faga atractiva e apetecible. Teño que dicir que me defraudou enormemente, cando menos con respecto ás expectativas creadas. Se do que se trata é de ver a linguaxe cinematográfica imbuída da linguaxe poética, hai películas que son verdadeiros referentes, como Bestias del sur salvaje ou Léolo. Se do que se trata é de levar a poesía ao cine como tema, sería conveniente facelo de xeito bastante máis atractivo, sen abandonar a propia linguaxe cinematográfica, porque a palabra espida, no cine, esixe que se combine coas regras propias da pantalla.
A segunda película literaria foi El editor de libros, dirixida polo británico Michael Grandage (por certo, titulada Genius na versión orixinal). Conta a relación entre o escritor Thomas Wolfe e o seu editor e descubridor Max E. Perkins (editor de Hemingway e Scott Fiztgerald) nun tempo en que a edición era ben diferente a hoxe e os editores aínda mandaban nos mercados. A película reflicte bastante ben a obsesión creativa de Thomas Wolfe e os seus excesos coa palabra, excesos que axiña corrixe o seu editor, entregado a el e os seus libros en corpo e alma. Unha das cuestións que se abordan con máis acerto son as dúbidas que asolan ao editor á hora de intervir decididamente no texto do escritor e as preguntas –que quedan no aire– de cales deben ser os límites, onde está a fronteira entre a colaboración e o desvirtuamento, entre a suxestión e a imposición; ata onde pode chegar a diferenza entre a obra orixinal e a obra publicada. Eu creo que o teño bastante claro, pero, como na película, tampouco o vou desvelar.
Unha reflexión literaria desde o cine que se deixa ver con gusto e interese. Por certo, salvando as distancias esta película ten ese aquel de ficcionar os propios escritores que me lembrou unha novela en torno á... literatura? que lin este ano, e que espero ter tempo para comentar algún día en Cabrafanada.
E a terceira película literaria destas últimas semanas foi para min, sen dúbida, a mellor das tres: El ciudadano ilustre, dirixida por Mariano Cohn e Gastón Duprat. Trátase dunha proposta arxentina que relata a historia dun recoñecido escritor (ficticio) que gaña o Premio Nobel e case inmediatamente é convidado polo alcalde da súa vila natal a unha serie de actos na súa honra. O escritor, que vive en Europa e abandonou o lugar onde naceu cando era moi novo, hai máis de 40 anos, e nunca regresou, decide cancelar todos os seus compromisos e aceptar o convite. Máis que unha película sobre a literatura, é unha película que nos obriga a reflexinar, desde a súa ironía e sarcasmo devastadores, en torno a como a literatura e a figura do escritor/a son vistos pola sociedade e como a dimensión mediática do escritor/a interfire na súa relación cos demais. Pero o debate céntrase, moi especialmente, nos convencionalismos da arte en relación co seu entorno, na súa proxección mediática, na capacidade ou disposición do escritor de compracer o poder cando todos esperan que o faga e na incomodidade e os problemas que provoca o feito de que o escritor/a non acepte esas convencións e reivindique a dimensión irreductible e insubornable da literatura como arte, como rebeldía. Cunha trama magnificamente ben construída e moi ben dosificada, a narración fílmica consegue envolvernos nunha atmosfera que chega a ser terriblemente inquedante.
Que sexa benvido o cine que aborda a literatura desde a gran pantalla, pero se tivese que elixir unha destas tres películas, sen dúbida ningunha, quedaría con esta última.
Mañá, venres 27 de maio, proxéctase no Auditorio do Concello de Vigo, no Festival Primavera do Cine, o documental Contrafaces, dirixido por Fon Cortizoecentrado na voz poética de Elías Knõrr e Erin Moure, no que tiven o pracer de participar xunto con Iolanda Zúñiga.
Unha poeta inicia unha viaxe interior ao descubrir que algúns dos
seus poemas xa foran escritos en outros idiomas por un poeta islandés e
unha poeta canadiana. A canadiana Erin Moure descubriu ás súas orixes
galegas hai 20 anos o que rematou por cambiar a súa vida e a súa poesía.
En Islandia, Elías Knõrr é un recoñecido poeta. Durante anos conseguiu
manter oculta a súa identidade, agora explora novos camiños de creación.
A través da revista portuguesa Fábulas, que sigo desde hai tempo, descubro que un libro tan emblemático e simbólico como O principiño foi levado ao cine en Francia. Non debe ser un reto doado, desde logo. En Fábulas adiántannos o tráiler dunha película (de animación) que non se estreará ata o 7 outubro do 2015 (en Francia). Así que, malia boa pinta que ten, haberá que esperar.
A pesada semana asinei un contrato de cesión de dereitos para a realización dunha curtametraxe sobre "Carapuchiña e o pobo feroz", un relato de Males de cabeza, que será rodado en maio na comarca do Morrazo por estudantes de Audivisual.
Nestes momento, teño sobre a mesa outro contrato e un guión que estou a ler cunha outra proposta parecida, que fará outro grupo de estudantes a partir do meu relato 01 AM, de Cemiterio de elefantes.
A miña experiencia anterior nese sentido foi Ollos da cidade, un bo documental realizado por Lara Bacelos a partir da miña poesía e a de Kiko Neves.
Se volvo os ollos ao pasado, tiven dúas propostas de levar libros meus ao cine (longametraxes) que non proposperaron. Unha fíxoma Antón Reixa para Tráiler, ao pouco de gañar o Premio Blanco Amor. A outra fíxoma Yeyo Romero Suárez Llanos (quen no verán estreará unha película cunha pinta excelente, rodada na India) sobre Cemiterio de elefantes, que tampouco prosperou por falta de financiamento.
Lamentablemente, o sábado perdín tres longas horas da miña vida vendo Avatar (en 3 D). O derroche xa é irreparable; non ten remedio, como tampouco o ten que estea amolado por contribuir a aumentar os éxitos de taquilla da película. Deixando de lado o alarde técnico e os efectos especiais, nada novo aporta esta proposta de moral resesa de USA(r) e tirar. Nin sequera me parece novidoso o xogo entre o mundo real e o virtual; xa estaba conseguido, de xeito máis simple e eficaz, nos máis que aceptables debuxos animados que traen tolas ás miñas fillas e causan furor entre os nenos: Código Lyoko. Non deixan de ser interesantes e, ademais, non feden a marines. Prometo non volver a picar nunca máis.
Declarei hai tempo nunha entrevista que esta era a mellor película dos últimos setecentos ou oitocentos anos. Reafírmome. Lástima que o seu director, Jean-Claude Lauzón non poida facer máis, porque se matou nun accidente de aviación. O seu eco brutal resoa nas páxinas de Males de cabeza e Subversións como un estigma (marabilloso) do que non son quen de librarme.
A morte, o pasado luns, de Richard Wright, un dos fundadores de Pink Floyd, acabou con un dos referentes da miña adolescencia. Con todo, Roger Waters sigue vivo. Coa morte de Wright e coa música de Pinkd Floyd viaxo, inevitablemente, á miña adolescencia. Daquela, eu lía poemas en alto que logo recitaba no meu cuarto coa música do Wish you were here de fondo e que gravaba nunha cinta de cassete. Lembro ler e gravar poemas meus, pero, sobre todo, poemas que naquela época me gustaban especialmente. Como non conservo aquelas cintas, que logo escoitaba incansablemente, non son quen de saber cales foron todos os poemas que gravei –moitos, desde logo– pero si teño a seguridade de que baixo a música do Wish you were here gravei moitos poemas de De catro a catro, de Manuel Antonio, e moitos moitos poemas do Silabario da turbina, de Rompente, que se publicara no ano 1977. Recoñezo que aínda hoxe, tanto tempo despois, a música de Pink Floyd (desde The Dark Side of the Moon a The Wall, pasando, claro polo Wish You Were Here) me emociona e estremece como algo profundamente persoal, íntimo. Algúns anos despois, en 1985, publiquei un poema na revista As follas de Sísifo (que editaba o Café Uf, un dos poucos locais daquela época que aínda sobreviven hoxe) un poema, dicía, que en certo xeito era un recoñecemento a Pink Floyd. Ese poema, que eu lembre, non se volveu publicar en ningún outro lugar, así que o reproduzo a continuación. Para daquela, eu xa vira no cine, The Wall, a película de Alan Parker baseada no álbum de Pink Floyd que tamén logrou conmoverme. Aí vai o poema. A continuación inserto tamén dous vídeos de YouTube coa música do Wish you were here (en vivo) e outro cunha escena da película The Wall. Clemencia co poema, por favor, que era moi novo cando o escribín (non lembro o ano, pero publicouse en 1985).
Wish you
were here
e acolá
xuntos
como as xentes
acolá
here
I wish
teu corpo
muller traballada
were here
arrexuntados
eiquí
e acolá
wish you
were here
pel aluada
perto
de min
está
ela xogando
verme aceitoso
pola pel
aluada
ela
xoguete
de pel quente
suxestivo
suxerente
ela
de ollada vermella
cáseque
perto
de min
sempre.
Estupenda, esta iniciativa que nace dos remuíños culturais do río Miño, a cabalo entre Tomiño e Vilanova de Cerveira. O Filminho, un festival de cinema galego e portugués que se celebrará no próximo mes de xullo en territorios fronteirizos, é unha iniciativa que pretende fomentar a creatividade e que merece aplausos. Ao tempo, o Filminho daralle abeiro ao concurso Conta onde vives, promovido pola incasable iniciativa de Ponte nas Ondas, co obxectivo de promover novamente a Candidatura á UNESCO do Patrimonio Inmaterial galego-portugués. O incansable equipo de Santiago Veloso, ademais, acaba de sacar á luz un novo proxecto (compartido con Casa de Tolos), unindo nun fermoso vídeo as voces musicais de nenos e nenas galegos e portugueses ás de Guadi Galego e Vozes da Rádio. Pódese descargar o vídeo en alta resolución, unha versión para o móbil e a canción en mp3.
Uns amigos acaban de enviarme un correo electrónico dolorido e entusiasta logo de ver Léolo nunha cinta de vídeo. Eu tiven a sorte de vela hai xa anos, cando se proxectou en Vigo, logo de que mo aconsellase Uxía Senlle un día que a atopei cando ela saía do cine. Desde entón, adoito bromear asegurando que Léolo é a mellor película dos últimos seis ou sete séculos. E, desde logo, a única que vin na miña vida máis de oito ou nove veces. Léolo é unha película de culto. A plástica poética coa que envolve ao espectador e a súa linguaxe cinematográfica anovadora e deslumbrante non poden deixar a ninguén indiferente. É unha desas películas que pesan, traumáticas e desconcertantes, sobre a conciencia, durante moito tempo. Desas que xa nunca se borran da memoria. Para a desgracia dos que, coma min, lle debemos tanto a Léolo, o seu director, o canadiano Jean Claude Lauzone matouse hai algúns anos nun accidente de aviación. O meu libro «Males de cabeza», ademais de comezar cunha cita que reproduce a frase máis emblemática da película, réndelle unha sixilosa homenaxe en moitas das súas páxinas. Se para min é certo que só despois de escribir «Males de cabeza» comecei a crer na literatura como salvación persoal, como terapia emocional e intelectual, non o é menos que cando descubrín Léolo pensei que o feito de ver unha película coma esa xustifica a vida enteira.