21.4.12

Únete á rebelión da lectura

Únete á rebelión da lectura. Sentada Lectora, mañá ás 12 h. na Alameda de Gondomar. Colle un libro e ven a Gondomar!


Actuará o grupo Migallas e o coro Cantares do Brión. A actriz e escritora Paula Carballeira e a xornalista e escritora Araceli Gonda lerán o Manifesto a favor da lectura.
Únete á rebelión da lectura.

16.4.12

Ich Geh' Mit Meiner Laterne: a canción da miña infancia



Esta era canción máis esperada da miña infancia no Colexio Alemán de Vigo. Tratábase dunha celebración pola que agardabamos con devoción, xa que ese día os nenos e nenas percorriamos todo o edificio do colexio en fila india, coas luces apagadas e os Laterne prendidos. O edificio estaba situado entre Torrecedeira e Pi i Margal, que daquela se chamaba General Aranda e, anos despois, foi desmontado pedra a pedra, sen que hoxe se saiba moi ben que foi del. Non sei que tiña aquel centro de ensino, unha especie de illa educativa nos últimos anos do franquismo, pero deixounos unha lembranza especial.  Nada que ver co seguinte colexio que pisei para rematar 7º e 8º de EXB, cando se iniciaba a Transición. Eu debín entrar no Colexio Alemán en 1968 ou 1969, en Kindergarten. Alí compartín aula con Helena de Carlos, que tampouco esqueceu ese Vigo. As cousas que penetran a pupila durante a infancia márcannos para sempre.


2.4.12

Luz Verde, curtametraxe sobre 01 AM, de «Cemiterio de elefantes»

Hai xa varios meses que asistín en Vigo á estrea de Luz verde, a curtametraxe baseada en «01 AM», un relato do meu libro Cemiterio de elefantes. O traballo realizado polo equipo de persoas dirixidas por Sara Casal paréceme excelente, e desde aquí quero felicitalas publicamente. Por outra banda, compráceme moito a interpretación que a actriz Dorotea Bárcena, da que sempre admirei o seu traballo, realiza do meu personaxe, así como o soberbio papel que fai César Cambeiro, quen encarna a figura antipática do farmacéutico. Todo o equipo de actores merece un estupendo aplauso e, moi especialmente, todo o equipo técnico o meu recoñecemento polo seu enorme esforzo e polos magníficos resultados obtidos. Parabéns.