Amosando publicacións coa etiqueta Edición. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Edición. Amosar todas as publicacións

18.10.25

Discurso Premios Xerais 2025

 


DISCURSO DE APERTURA DOS PREMIOS XERAIS 2025

Museo do Mar de Galicia

11 de outubro de 2025

 

FRAN ALONSO

DIRECTOR DE XERAIS

Bo día:

Benvidas, benvidos, benvides. Moitas grazas por acompañarnos. Celebramos hoxe unha nova edición dos Premios Xerais. Pero hoxe, sobre todo, celebramos o 40 aniversario do Premio Merlín de Literatura Infantil. Seguramente non me equivoco se digo: o aniversario dun premio que ao longo destes 40 anos se converteu na espiña dorsal da nosa literatura infantil. Foron 40 anos de esforzo colectivo e mancomunado; 40 anos de arelas; 40 anos de ilusión; 40 anos de expectativas. Son 40 anos alentando a literatura infantil e xuvenil galega; 40 anos facendo historia, facendo historias; 40 anos de acompañamento, acaroado ao pé dunha literatura infantil e xuvenil en estado de abrente, que daquela, e ao longo de toda a década dos 80, cando se creou o premio Merlín, librara unicamente 101 títulos, como refiro con máis detalle nese artigo titulado “40 anos de camiño” que tedes na revista conmemorativa depositada sobre as vosas cadeiras.

O veredicto do Premio Merlín de Literatura Infantil e Xuvenil naquela primeira edición de 1986 enchía de esperanza o camiño, sementábao para que abrise, sachando nas estremas a cada nova edición, para ensanchalo e que medrase coa forza dun proxecto editorial anovador e impetuoso e dun tempo desexoso de cambios. A gañadora da edición inaugural foi unha muller: a escritora Úrsula Heinze, coa novela titulada A casa abandonada, un libro que vendeu case 9.000 exemplares.

Desde aquela, o Premio Merlín, como a colección que o abeiraba, filtrouse entre as mesas das aulas e as mochilas dos estudantes, filtrouse entre os andeis das bibliotecas, filtrouse por debaixo da portas das librarías, filtrouse por debaixo das portas das casas e das familias e, sobre todo, filtrouse, coma ese sol discreto que racha a néboa, nos soños dun país capaz de erguer unha cultura de seu, imaxinativa e poderosa, crucial na construción dunha sociedade lectora. E esa capacidade para filtrarse, para enchoupar unha sociedade, quedou rexistrado coma unha radiografía, e continúa a facelo, nas faíscas que prenden na ollada dunha nena ou neno que remata e pecha un libro, nese sorriso cómplice e imperceptible da lectura que aniña para sempre, e coma un faro invisible, dentro dunha cabeciña cativa e mol, balizando os marcos que guiarán o seu futuro.

Por certo, algunhas desas cabeciñas que no seu día leron na escola os libros premiados nas primeiras convocatorias do Merlín, fosen da autoría de Úrsula Heinze, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, ou outra, tamén foron quen, anos despois e tecido parte do periplo da vida, de gañar o Premio Merlín, respondan aos nomes de Érica Esmorís, Andrea Maceiras, Antonio Manuel Fraga, María Canosa, Ledicia Costas ou a outros.

Xa que logo, o círculo está completo… pero nunca… pechado.

O círculo continúa aberto porque en Xerais traballamos desde o agarimo á literatura infantil e xuvenil, desde a reivindicación da súa dignidade, da súa dimensión… xigantesca.

Estabamos en 1986, e dez anos despois da súa creación, en 2006, o Premio Merlín de Literatura Infantil e Xuvenil desprendeuse do segundo apelido para se converter nunha cita unicamente para a literatura infantil. En realidade non se trataba dun divorcio, senón dunha rica convivencia de feito. A traxectoria do galardón bifurcábase, creándose tamén o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil.

En Xerais non dubidamos de que tanto a literatura infantil como a xuvenil serven para facernos máis felices e tamén, tamén, máis conscientes. E, por suposto, máis dialogantes. Porque como dixo Bernardo Atxaga citando a Salinger no seu Alfabeto sobre a LIX, os nenos e nenas nunca falan cos adultos do que verdadeiramente lles importa.

A literatura infantil e xuvenil serve, por exemplo, para compartir as preocupacións universais de Samira e sentir tenrura por ela; por Samira, unha nena palestina que naceu nun libro infantil do escritor Ghazi Adebl-Qadir e que hoxe, probablemente, estará morta; estará, con bastante certeza, abrasada entre as cinzas do que noutrora foi un libro e hoxe son borralla que conforma a pegada brutal do xenocidio que Israel comete impunemente en Palestina, ese xenocidio que devolve o ser humano aos trazos máis primitivos e feroces da animalidade, onde a lectura e o respecto nin sequera teñen cabida.

Pero, para a sorte do coñecemento humano, Samira resucita en cada biblioteca que alberga o libro de Ghazi Adebl-Qadir, en cada páxina en que latexa o seu corazón, en cada lectora ou lector que a revive. Ese tamén é o milagre da literatura, ese que, por fortuna, non se pode borrar.

En fin, regresemos ao Premio Merlín, porque non quixera deixar de atribuírlle outro mérito, non menos importante: o de facer posible que as nenas e nenos galegos puidesen ler, fabular e soñar na súa propia lingua logo do ermo da longa noite de pedra. E, sobre todo, medrar cos sons, coas palabras e cos referentes que esa lingua lles proporcionaba.

Si. Ao longo de todos estes anos, o Premio Merlín creou lectoras e lectores, creou ilusión e tamén creou na infancia ese vencello imprescindible... co idioma que nos define e identifica, creou ese veludo agarimoso, esa alfombra máxica que nos permite voar.

Non cabe dúbida de que o Premio Merlín deu, deunos, dá moitas alegrías, pero tamén bateu con adversidades. Unha das adversidades coas que tristemente bateu a literatura infantil e xuvenil galega foi a dos prexuízos pola lingua en que se expresa.

 Como editoras e editores sabemos que precisamente por iso, a súa defensa require un esforzo maior. E require a complicidade do profesorado, das bibliotecarias e bibliotecarios, das lectoras e lectores… e a complicidade das librarías.

Desde Xerais só concibimos as librarías como aliadas. E, ademais, queremos crer que aliadas… do libro galego. As persoas que teñen ese fermoso oficio de tratar con libros (e digo tratar no sentido tradicional, que outra cousa non é a venda senón un trato: de concordancia e conformidade, entre a libreira/o e a lectora ou lector)… das persoas que teñen ese fermoso oficio de tratar con libros, repito, agárdase esa sensibilidade especial que provoca a empatía do que é xusto (esa empatía que tamén provoca, por certo, a venda). As persoas que teñen ese fermoso oficio de tratar con libros precisan esa luz na conciencia que os leva a defender o que é propio, o que é de todos. Ese ben sobre o que temos unha responsabilidade compartida.

O pasado ano, desde Xerais, propuxemos na Asociación Galega de Editoras que se trasladase ás administracións públicas e tamén á Federación de Librarías de Galicia a necesidade de crear unha nova liña de axudas ou subvencións. Unha nova e, estamos seguros, nestes momentos estratéxica liña de subvencións por parte da Xunta de Galicia. Pero, atención, non solicitamos que esa liña de axudas fose para as editoras. Tampouco para a escritoras e escritores. Solicitamos que esa nova liña de subvencións beneficie ás librarías e que se faga en función da súa facturación sobre a venda de libros en lingua galega. A maior venda de libros en lingua galega, maior contía na axuda pública. Non temos ningunha dúbida de que é unha medida xusta, necesaria e crucial nun momento en que o libro galego factura unicamente o 8% do total dos libros vendidos en Galicia.

A día de hoxe temos coñecemento de que esa medida xa forma parte de propostas e negociacións e temos a confianza de que ninguén se vai opoñer a unha medida coma esa. Quen podería opoñerse a unha subvención que unicamente suma e non resta? Non si?

Ás veces pode semellar anacrónico falar de xustiza ou de conciencia en tempos en que os mercados son os únicos actores que impoñen o ritmo ao que respira o planeta. Pero… que sería da literatura sen conciencia? Que sería de Palestina sen conciencia? Que sería dos perseguidos e marxinados sen conciencia? Que sería da democracia… se non a defendemos desde a conciencia?  E… que sería do libro galego se non partimos da conciencia de unir as nosas voces e as nosas demandas?

O ano pasado, co Premio Nacional de Poesía que recibiu Materia, de Yolanda Castaño, editado por Xerais, salientabamos a excelencia da poesía galega, con catro Premios Nacionais gañados nos últimos seis anos. Esta semana, a alegría acaba de dárnola Samuel Merino, elixido como gañador do Premio Nacional de Poesía Viva entre máis de 500 candidatos, un autor que onte recitou Manual de camuflaxe en galego no Thyssen.

Pero este ano é obrigatorio salientar a excelencia da literatura infantil e xuvenil galega. No Premio Lazarillo, convocado pola OEPLI para obras de literatura infantil e xuvenil nas catro linguas do Estado, foron premiadas 11 obras en lingua galega durante os últimos 25 anos. A proporción é abraiante para unha poboación tan pequena coma a nosa.

Editamos historia, editamos historias, editamos boas historias. Grazas por escribilas. Grazas por recomendalas. Grazas por prescribilas. Grazas por vendelas.

Editamos porque cremos na empatía, cremos no diálogo, cremos no futuro. Aínda que ás veces editemos libros que nos gustaría non ter que editar, como Lume. Análise social dos incendios forestais, escrito polas investigadoras Elvira Santiago, Carmen Rodríguez e Ariadna Rodríguez, que chegou ás librarías o mes pasado. Sen dúbida, é un libro que queima na pel, pero que supón unha reflexión necesaria que achega solucións a ese esquecemento ao que está sometido o rural, onde o lume prende con tanta voracidade.

Ás veces, as apostas editoriais son necesarias, como a que fixemos coa serie Heartstopper, traducida ao galego por Nee Barros, dentro desa liña de visibilización que mantén Xerais a prol dos contidos LGTBIQA+. É unha sorte que o Premio Xerais de Novela 2025 camiñe nesa mesma dirección. As de Heartstopper son historias que conquistaron e conquistan a ilusión de moitos adolescentes de todo o planeta que non queren un mundo monolítico e reivindican o dereito á súa orientación sexual e identidade de xénero.

Este ano temos un Premio Merlín extraordinario: Erin e o lobo, de Érica Esmorís. Unha novela simbólica, que provoca unha lectura enfeitizada, durante a que as palabras cobran valor ao seren pronunciadas en comunidade. Por fortuna, tamén temos un extraordinario Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil: O corvo sobre a neve, de Andrea Maceiras. E celebramos que ela non estea hoxe aquí. Celebrámolo porque está no respouso imprescindible para afrontar esa experiencia extraordinaria que debe ser traer un novo lector ao mundo: o seu primeiro fillo, que se chamará Alén. O corvo sobre a neve é unha novela fantástica na que a aventura e a literatura se dan a man nun mundo dominado pola Intelixencia Artificial.

O Premio Xerais de Novela 2025 chega da man de Abril Camino, que se estrea na nosa lingua -na súa lingua- (benvida!) baixo o título Mulleres que viven xuntas, unha novela marcada pola paixón amorosa entre dúas mulleres nos difíciles tempos do franquismo e a represión.

Aínda que non o dixen ata o de agora, elas tres son hoxe as protagonistas; elas tres centran hoxe a nosa atención; elas tres son hoxe o presente e o futuro da literatura galega. Xa que logo, para as tres, moitas grazas.

Por fortuna, a literatura renóvase en cada lectura e xa agora intuímos que Alén quere vir ao mundo, cando menos, para desfrutala. A vida non deixa de ser unha ousadía, ás veces cruel, coma este ano cando abandonou ao escritor Carlos Taboada, tan prematuramente. Carlos acababa de publicar connosco O caderno de Roque no mes de xaneiro. Nos últimos meses tamén faleceron o escritor Bernardino Graña (os seus libros de poemas sementaron as raizames fundacionais da editorial) e o dramaturgo Manuel Lourenzo, a quen acollemos na colección de Clásicos.

É xa o intre de darlles voz ás protagonistas deste ano. Pero antes, queremos compartir os nosos agradecementos. Por suposto, ao xurado, pola súa xenerosidade e por asumir un papel tan comprometido. E tamén, para comezar debemos agradecer o importante apoio da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, así como a cesión que nos fai deste espazo: grazas a ese apoio podemos poñer nas vosas mans estes exemplares de agasallo dos tres libros gañadores dos Premios Xerais 2025. Hoxe, en representación da Xunta de Galicia acompáñanos Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística, a quen lle agradecemos a súa presenza e o seu interese.

Tamén queremos agradecerlles a súa presenza á presidenta de GALIX, Irene Penas; á representante da Federación de Librarías de Galicia, Celia Fernández; así como á representante da Real Academia Galega, Ana Boullón. Comprácenos o seu acompañamento institucional, igual que nos comprace o de Alicia Soria, responsable da área Infantil e Xuvenil do Grupo Anaya.

E non debemos dar por rematada esta intervención de apertura sen o recoñecemento a todas as persoas que fan posible este acto: a Sara Vila pola coordinación dos Premios Xerais; a todo o equipo da editorial pola súa sensibilidade e a súa entrega; á nosa rede comercial e de promoción, que lles dá vida aos libros levándoos ás mans das lectoras, lectores e aos centros de ensino; ao estudio de gravación de Casa de Tolos que está a retransmitir en directo este acto; a Manuel G. Vicente, que leva moitos anos fotografando estes premios; á empresa AT SERVICIOS, que nos acompaña cada ano nas montaxes dos Premios Xerais e do Culturgal; ao persoal de Albarín Catering, e á dirección e todo o equipo do Museo do Mar pola hospitalidade e atención.  

Coa proximidade do ano 2026, que festexará con xustiza a obra de Begoña Caamaño, neste 2025, a celebración das Letras Galegas ten un significado moi especial: aquel que recoñece o papel e o valor das mulleres na poesía oral popular, a figura das cantareiras e, claro, das pandeireteiras.

Precisamente por iso, ao remate do acto teremos unha actuación ben asisada: a de Adonairare, un grupo de música tradicional galega, no que as cantareiras e pandeireteiras nos ofrecen o mellor da nosa tradición oral. A elas, moitas grazas por acompañarnos nesta festa, a festa da palabra, a que pode ser escrita nun papel pero que, moito antes, naceu elaborada e pronunciada desde a oralidade. Música e poesía, da man. Moitas grazas.

Agora si, por fin, cédolle a palabra á xornalista Susana Pedreira, que temos a fortuna de que nos acompañe poñendo a súa valiosa profesionalidade ao servizo destes Premios, conducindo novamente este acto.

Moitas grazas.

31.12.16

Tres películas literarias

Nas últimas semanas circularon polas salas de cine, de xeito case simultaneo, tres películas literarias, tres películas que abordan a literatura como tema.

Teño a impresión, polo que puiden ler, de que a máis valorada pola crítica foi Paterson, curiosamente a que a min menos me gustou. Dirixida por Jim Jarmusch, Paterson conta a historia dun condutor de autobús que escribe poesía e faino nunha cidade, Paterson (New Yersey, USA), que foi berce de Allen Ginsberg e residencia literaria de parte da obra de William Carlos Williams, o poeta ao que o condutor do bus máis admira. A película, que se fai extremadamente aburrida, vai narrando o proceso de escrita do protagonista e a súa relación coa contorna. É, precisamente, a mirada poética que lanza sobre o seu redor en torno ao cotián o máis interesante dunha película que, lamentablemente, non consigue atrapar o interese do espectador ou espectadora e, nin tan siquera, espertar o interese pola poesía. A escasa consistencia do argumento non se contrarresta con ningún outro mecanismo que a faga atractiva e apetecible. Teño que dicir que me defraudou enormemente, cando menos con respecto ás expectativas creadas. Se do que se trata é de ver a linguaxe cinematográfica imbuída da linguaxe poética, hai películas que son verdadeiros referentes, como Bestias del sur salvaje ou Léolo. Se do que se trata é de levar a poesía ao cine como tema, sería conveniente facelo de xeito bastante máis atractivo, sen abandonar a propia linguaxe cinematográfica, porque a palabra espida, no cine, esixe que se combine coas regras propias da pantalla.

A segunda película literaria foi El editor de libros, dirixida polo británico Michael Grandage (por certo, titulada Genius na versión orixinal). Conta a relación entre o escritor Thomas Wolfe e o seu editor e descubridor Max E. Perkins (editor de Hemingway e Scott Fiztgerald) nun tempo en que a edición era ben diferente a hoxe e os editores aínda mandaban nos mercados. A película reflicte bastante ben a obsesión creativa de Thomas Wolfe e os seus excesos coa palabra, excesos que axiña corrixe o seu editor, entregado a el e os seus libros en corpo e alma. Unha das cuestións que se abordan con máis acerto son as dúbidas que asolan ao editor á hora de intervir decididamente no texto do escritor e as preguntas –que quedan no aire– de cales deben ser os límites, onde está a fronteira entre a colaboración e o desvirtuamento, entre a suxestión e a imposición; ata onde pode chegar a diferenza entre a obra orixinal e a obra publicada. Eu creo que o teño bastante claro, pero, como na película, tampouco o vou desvelar.
Unha reflexión literaria desde o cine que se deixa ver con gusto e interese. Por certo, salvando as distancias esta película ten ese aquel de ficcionar os propios escritores que me lembrou unha novela en torno á... literatura? que lin este ano, e que espero ter tempo para comentar algún día en Cabrafanada.

E a terceira película literaria destas últimas semanas foi para min, sen dúbida, a mellor das tres: El ciudadano ilustre, dirixida por Mariano Cohn e Gastón Duprat. Trátase dunha proposta arxentina que relata a historia dun recoñecido escritor (ficticio) que gaña o Premio Nobel e case inmediatamente é convidado polo alcalde da súa vila natal a unha serie de actos na súa honra. O escritor, que vive en Europa e abandonou o lugar onde naceu cando era moi novo, hai máis de 40 anos, e nunca regresou, decide cancelar todos os seus compromisos e aceptar o convite. Máis que unha película sobre a literatura, é unha película que nos obriga a reflexinar, desde a súa ironía e sarcasmo devastadores, en torno a como a literatura e a figura do escritor/a son vistos pola sociedade e como a dimensión mediática do escritor/a interfire na súa relación cos demais. Pero o debate céntrase, moi especialmente, nos convencionalismos da arte en relación co seu entorno, na súa proxección mediática, na capacidade ou disposición do escritor de compracer o poder cando todos esperan que o faga e na incomodidade e os problemas que provoca o feito de que o escritor/a non acepte esas convencións e reivindique a dimensión irreductible e insubornable da literatura como arte, como rebeldía. Cunha trama magnificamente ben construída e moi ben dosificada, a narración fílmica consegue envolvernos nunha atmosfera que chega a ser terriblemente inquedante.
Que sexa benvido o cine que aborda a literatura desde a gran pantalla, pero se tivese que elixir unha destas tres películas, sen dúbida ningunha, quedaría con esta última.


14.3.11

Alfonso García Sanmartín, socio de honra da AGE

Hai unhas semanas fíxoseme o encargo de realizar, durante a celebración da Noite da Edición, que tivo lugar antonte sábado en Lugo, o discurso do nomeamento de Alfonso García Sanmartín como socio de honra da AGE, quen se xubila este ano logo dunha longa traxectoria profesional. Dado o aprezo persoal que sinto por Alfonso, quero publicar en Cabrafanada o texto íntergro que lin durante a gala da Noite da Edición. O discurso tamén pode ser descargado en pdf.


Eu aínda non tratara a Alfonso García Sanmartín o día en que, en 2006, me integrei como vicepresidente na Xunta Directiva da Asociación Galega de Editores que el presidía. Se cadra por iso, asistín con certa cautela a aquela primeira reunión da nova directiva. Non sabía o que a sorte me ía deparar. Sentado á mesa, ollaba de esguello para aquel home, que acababa de ser nomeado presidente da AGE, un home de ollada clara, de escaso pelo, que nos avantaxaba, digamos xenerosamente, a todos en idade.

¿Quen era aquel tipo sesentón que á súa idade parecía ser capaz de abordar unha nova etapa vital, como presidente da AGE, coa mesma ilusión e a mesma forza de quen ten vintetantos anos? Pois só hai unha palabra que o defina: axitador. Era un axitador. Axitador pacífico, pero axitador. Un axitador a prol da pedagoxía docente máis renovadora, un axitador a prol da lingua, un axitador a prol do libro galego, un axitador a prol da defensa e profesionalización do tecido editorial galego.
Entregado en corpo e alma a defender a causa da edición galega desde o primeiro ao último día que asumiu ese compromiso, Alfonso conservou ata hoxe, coma un segredo invencible que alguén leva agachado no peto, a vitalidade daquel rapaz de vintetantos anos que el foi e que había pouco que regresara á Coruña logo de estudar teoloxía en Salamanca e doutorarse cunha tese sobre Unamuno.

Corrían os anos 1972, 1973, 1974, 1975. Aquel mozo apelidado García Sanmartín era profesor no Fogar Santa Margarita da Coruña, institución que fora fundada polo popular Pai Sardina, e naqueles derradeiros pero duros anos do franquismo sentíase desbordante de enerxía, de vitalidade, de ideas, de renovación, devecendo cambios. Eran tempos en que o mundo aínda se podía transformar. Daquela, xunto cos seus ex compañeiros de estudos Andrés García Vilariño e José Antonio Vázquez deseñou unha estratéxica revolución pedagóxica que, e aquí ven o máis abraiante, levaba á práctica todo canto deseñaban e debatían, abrindo paso en Galicia a unha experiencia verdadeiramente irrepetible.

Foi naqueles anos cando tamén entrou no Fogar Santa Margarita un profesor mozo que respondía ao nome de Xabier Puente Docampo, profesor que, ao ano seguinte, acolleu baixo a súa tutela e en réxime de prácticas a outro docente que encaixou á perfección naquela engranaxe e que no seu DNI era identificado como Agustín Fernández Paz.

Enleados nas lecturas de Gianni Rodari, de Paulo Freire, Mario Lodi, Helen Parkhurst, aquel explosivo grupo decidiu elaborar un Plan Dalton para aplicar no Fogar Santa Margarita. O Plan Dalton implicaba a desaparición da clase, e mesmo da asignatura, para converter a aula nun laboratorio onde toda actividade e docencia é personalizada, individualizada. Alfonso actuaba como un incansable dinamizador que se preocupaba de que todo o que se pensaba ou decidía puidese ser levado a práctica, procurando os medios mesmo cando semellaban inalcanzables.

Da man de Alfonso García Sanmartín, o Fogar Santa Margarita converteuse nun fervedoiro pioneiro da renovación pedagóxica en Galicia. Se cadra, a consideración xa daquela por parte de Alfonso do ciclostil e das primeiras máquinas domésticas de impresión offset como arma aliada da revolución didáctica nas aulas foi unha premonición do camiño que o levaría, anos despois, a unir pegadagoxía, edición e lingua galega.

Aquel primeiro ano de aplicación do Plan Dalton, lonxe de minguar as súas forzas, revalidou o seu entusiasmo, feito que levou a aquel grupo humano a pecharse, unha vez rematado o curso e durante todo o verán, nun apartamento de Bastiagueiro para crear os primeiros libros de texto de produción propia. Un esforzo titánico para quen aínda non dispoñía de man dun selo editorial nin dunha coxuntura política favorable.

Pero alí estaba a xermolar un dos obxectivos nos que Alfonso teimou ao longo de toda a súa vida profesional: o de crear, habilitar e facilitar materiais aula e de texto en lingua galega para as máis diversas materias e, moi especialmente, para aquelas ligadas á formación profesional. Como pedagogo e como editor, Alfonso, que amaba e defendía a lingua galega, era un individuo clarevidente. Foi esa mesma clarevidencia, por certo, a que o levou a dirixir o Fogar Santa Margarita durante tantos anos.

Cando aquel tipo valente e irredutible que Alfonso foi sempre entrou profesionalmente no ámbito da edición, a través do contacto cun home apelidado Represas, comercial de Edebé, el levaba canda si toda esa bagaxe dinamizadora. E, cando en 1994, Agustín Fernández Paz gañou o Premio Edebé con Trece anos de branca e se atopou a Alfonso na entrega do premio en Barcelona, o escritor ignoraba que o seu libro sairía nun novo selo galego do grupo Edebé que, baixo o nome de Rodeira, se creaba en Galicia da man do propio Alfonso e ligado a algunhas persoas máis como Xosé Manuel Mouriz.

Desde entón, non só dirixiu, coa súa característica capacidade de diálogo e a súa aposta decidida pola cultura galega, o selo de Rodeira, senón que, ademais, apoiou e participou no traballo gremial da Asociación Galega de Editores con ese inequívoco espírito de colaboración desinteresada do que sempre fixo gala.

En 2006, naquela primeira reunión da nova directiva da AGE que Alfonso presidía, eu ignoraba aínda que estaba diante dunha persoa humanamente excepcional, cunha extraordinaria capacidade para lograr ese consenso que levou a un notable ensanchamento da Asociación Galega de Editores. E tamén cun altísimo sentido da responsabilidade, focalizado na defensa da profesionalización e dignificación do gremio editorial galego. Pero, sobre todo, con Alfonso como presidente, os distintos membros do seu equipo recibimos o máis importante: entusiasmo, sintonía e compañeirismo. É dicir, amizade.

A estas alturas resulta evidente que foi un inmenso pracer compartir con el eses catro anos e admirar del, como dicía xa ben entrado en anos, esa entusiasta vocación de axitador irredento que sempre leva canda si e que con tanto maxisterio sabe administrar consensuadamente. O Culturgal, o Clúster Libro, a vehiculización do proceso de internacionalización, a súa loita a favor do libro educativo e, sobre todo, a consolidación da Asociación Galega de Editores como a casa de todos e todas son algúns dos edificios que Alfonso deixa ben construídos.

Xa que logo, pouco máis teño que engadir á realidade dunha traxectoria profesional sólida, compacta, longa, chea de compromisos dos que sempre soubo dar conta e dos que aínda continúa a dar porque, desde xuño de 2010 preside o Clúster Libro, o lugar cara ao que agora canaliza esa envexable capacidade de entrega.

Alfonso, serás nomeado membro de honra, pero a honra, de verdade, é nosa.

FRAN ALONSO
Lugo, 12 de marzo de 2011

19.7.10

Novos retos para a AGE

O pasado xoves, as asembleas ordinaria e extraordinaria da AGE impediron que participase no Cortexo Cívico a Rosalía. Estabamos poñendo fin a catro anos intensos de traballo e colaboración, guiados pola profesionalidade e a amizade entre os membros da directiva. Pola miña parte, cesei no cargo de vicepresidente, representando a Xerais, para dar paso a unha nova xunta directiva, presidida por Manuel Bragado e elixida por unanimidade, á que lle desexo a mellor sorte posible. Non teño máis que palabras de recoñecemento para o traballo feito por Alfonso García Sanmartín, entregado en corpo e alma á edición galega, así como para todo o equipo co que compartín esta andaina, na que aprendín moitísimo.

14.6.10

Vivo empapelado

Unha boa parte da miña vida desenvólvese entre libros, pero tamén entre papeis, que ás veces se acumulan de xeito descontrolado. Cando estou no despacho, poucas veces son consciente do xeito en que os papeis e os libros me rodean. Hai uns días, o meu amigo fotógrafo Manuel G. Vicente fíxome unha visita á editorial e sacoume unhas fotos no despacho. Cando mas enviou por correo electrónico levei un susto: os papeis están a piques de devorarme, envolvéndome de xeito preocupante.
E no meu estudio da casa aínda é peor. ¡Auxilio!!!!

10.5.10

Intervención na TVG o Día do Libro

A miña intervención no programa Bos Días, da TVG, o 23 de abril, Día Interncional do Libro, representando á Asociación Galega de Editores.

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

3.12.08

Un país na cuberta

A cuberta de Un país a medio facer é un deseño excepcional (como a maior parte dos seus) de Miguel Vigo. A cuberta representa a imaxe dun país que vivía obsesivamente o feito de querer ser normal ao tempo que descubría as feridas no seu propio corpo. O feísmo aínda non se chamaba "feísmo", pero Galicia quería a toda costa mudar o pelexo, cubrir o ladrillo con mampostería ou con pedra máis elaborada. A nosa, era a pel dun país que retiña aínda o sabor dos longos anos da represión. O libro abre cunha cita de Manuel Rivas de maio de 1990 que pertence a unha das entrevistas do libro:

"En Galicia hai un esqueleto, hai uns cimentos, pero fáltalle a alma, falta habitala con plena consciencia, completar a obra, poñerlle as súas paredes e prender un lume dentro. Esas casas están aí porque a xente non conseguiu os medios suficientes para acabalas ou renunciou a ter unha casa de seu. Espero que para Galicia o final da metáfora sexa distinto".


13.11.08

O libro galego no mundo

Comeza hoxe. Vai estar completo, sen prazas libres, cun progama intenso.

11.11.07

Libro e mercado

Os vindeiros xoves e venres celébrase o IV Simposio sobre o Libro e a Lectura, organizado pola AGE. O prazo de incrición permanecerá aberto até o mércores. Coa conferencia inaugural a cargo da directora de Lumen, Silvia Querini, abrirase unha edición dedicada, nesta ocasión, ao candente tema de libro e mercado, analizándose as tensións e implicacións entre o mercado e todos os elos da cadea do libro: os autores, os editores, os libreiros, as axencias literarias... O subdirector da revista Qué Leer, Antonio González Iturbe; o director do grupo portugués Edições Asa, Manuel Valente, o presidente da Confederación Española de Gremios y Asociaciones de Libreros (CEGAL), Fernando Valverde; a axente literaria Mónica Martín; o director de Cultura da FNAC, Ramón Reboiras; a escritora e crítica literaria Inma López Silva; ou o responsable do suplemento Culturas de La Voz de Galicia son algúns dos participantes. O programa completo pode verse aquí.


17.12.06

Isaac e a memoria

Xa que Brétemas cita a miña intervención de onte na Noite da Edición, aproveito para reproducir aquí un fragmento da miña loa a Isaac Díaz Pardo que me parece especialmente significativo e revelador de cal foi o espírito fundacional do proxecto Do Castro-Sargadelos.

En 1963, a súa decidida vontade de recuperar para o país a memoria histórica secuestrada polo réxime franquista consigue que o aire das mariñas encha o pulmón de Galicia co rico sabor da arxila e do caolín. A historia prende nas faíscas do Laboratorio de Formas, unha iniciativa sen precedentes que vai ser decisiva como motor cultural e industrial para o futuro do país. A partir del agroman tamén os perfís de Ediciós do Castro, que xurde ese mesmo ano; as estruturas do Complexo Industrial Sargadelos; a configuración do Real Patronato de Sargadelos; a iniciativa do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside (1970); o Instituto Galego da Información ou o renovado Seminario de Estudos Galegos.
Cultura, lucidez, tradición, compromiso, dinamismo, talento, memoria e futuro son algunhas das palabras que poderían definir a xigantesca trascendencia que todas estas institucións significaron para o devir histórico de Galicia e para a conformación e toma en valor da súa singularidade e personalidade. E detrás de toda esta industria da palabra, que quizais sexa como mellor se pode definir a vontade inicial do Laboratorio de Formas, estivo sempre a figura puxante, discreta, humilde, constante, áxil e silenciosa de Isaac Díaz Pardo, que foi quen de conseguir que Ediciós do Castro posúa, sen ningunha dúbida, un dos fondos editoriais máis emblemáticos do país. Non só a materialización en 1963 do Laboratorio de Formas senón tamén a estratéxica creación da colección «Documentos para a Historia Contemporánea de Galicia» constituíron un dos elos imprescindibles para que este 2006 puidese ser declarado Ano da Memoria. Sen Isaac e sen Ediciós do Castro, non teñan dúbida ningunha, a nosa memoria hoxe por hoxe estaría profundamente eivada, mortalmente ferida.

27.1.04

O mellor crítico literario

Hai algo ante o que nunca deixo de soprenderme. Sucédeme cada vez que, polo meu traballo como editor, teño que botar man do arquivo de prensa dalgúns libros publicados hai xa anos. O histórico arquivo de prensa da editorial, amais dunha valiosa fonte de documentación, constitúe para nós unha ferramenta imprescindible na reedición de moitos títulos do fondo de Xerais que se relanzan a través de edicións actualizadas ou que, simplemente, cambian de colección. Para min, ler dun tirón todas as reseñas que no seu día se publicaron sobre un determinado libro constitúe un exercicio de reubicación e reflexión importante. E prométovos que nunca deixa de sorprenderme a abouxante veteranía e a experiencia que lle descubro ao tempo como crítico literario. Sen dúbida ningunha, non hai mellor canon que o paso do tempo. En moitas ocasións, lendo os arquivos de prensa quedo abraiado cando observo o mal tratados que foron algúns libros que hoxe son referentes inevitables da literatura galega ou a excelente consideración que tiveron algúns títulos pouco afortunados dos que hoxe ninguén se lembra. É certo que existen libros inxustamente esquecidos, pero habitualmente o calendario dos anos é un filtro habilmente sabio. E é que o tempo rompe o contexto e, daquela, pode xulgar sen prexuízos.