17.12.06

Isaac e a memoria

Xa que Brétemas cita a miña intervención de onte na Noite da Edición, aproveito para reproducir aquí un fragmento da miña loa a Isaac Díaz Pardo que me parece especialmente significativo e revelador de cal foi o espírito fundacional do proxecto Do Castro-Sargadelos.

En 1963, a súa decidida vontade de recuperar para o país a memoria histórica secuestrada polo réxime franquista consigue que o aire das mariñas encha o pulmón de Galicia co rico sabor da arxila e do caolín. A historia prende nas faíscas do Laboratorio de Formas, unha iniciativa sen precedentes que vai ser decisiva como motor cultural e industrial para o futuro do país. A partir del agroman tamén os perfís de Ediciós do Castro, que xurde ese mesmo ano; as estruturas do Complexo Industrial Sargadelos; a configuración do Real Patronato de Sargadelos; a iniciativa do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside (1970); o Instituto Galego da Información ou o renovado Seminario de Estudos Galegos.
Cultura, lucidez, tradición, compromiso, dinamismo, talento, memoria e futuro son algunhas das palabras que poderían definir a xigantesca trascendencia que todas estas institucións significaron para o devir histórico de Galicia e para a conformación e toma en valor da súa singularidade e personalidade. E detrás de toda esta industria da palabra, que quizais sexa como mellor se pode definir a vontade inicial do Laboratorio de Formas, estivo sempre a figura puxante, discreta, humilde, constante, áxil e silenciosa de Isaac Díaz Pardo, que foi quen de conseguir que Ediciós do Castro posúa, sen ningunha dúbida, un dos fondos editoriais máis emblemáticos do país. Non só a materialización en 1963 do Laboratorio de Formas senón tamén a estratéxica creación da colección «Documentos para a Historia Contemporánea de Galicia» constituíron un dos elos imprescindibles para que este 2006 puidese ser declarado Ano da Memoria. Sen Isaac e sen Ediciós do Castro, non teñan dúbida ningunha, a nosa memoria hoxe por hoxe estaría profundamente eivada, mortalmente ferida.

Ningún comentario: