27.12.06

Axexando o edificio



Axexando tras o cristal da porta principal, tres persoas escudriñan o edificio por dentro. A obra xa está rematada e, entre os veciños, existe certa expectación. De boca en boca, circula que é o edifico das Federacións Deportivas. Os seus distintos corpos, longos como a pel abrupta dun cocrodilo, danlle un aspecto tremendamente novidoso no entorno, que rompe a monotonía establecida polas vivendas dos arredores. Unha das tres persoas achégase á parede para comprobar o material empregado: cinc. Deixa que os seus dedos sintan a textura. A fachada frontal parécelle estraña e fermosa; efectiva polo contraste entre a opacidade do cinc e a viveza do corpo central en madeira. A pérgola, coa cobertura lixeiramente inclinada, engule o visitante cara ao interior, transformando a granítica horizontalidade da construcción nun fugaz seísmo.
Na cafetería Burbujas, un aparellador que foi resolver problemas técnicos nunha obra da adxacente Praza da Miñoca comenta cun capataz, por curiosidade, algunhas cuestións do Edificio das Federacións Deportivas. Desde a cafetería, o aparellador, aínda que non os ve, sinala os tres corpos que o edificio mostra nesa fachada da rúa Xosé Gil, a súa cara máis complexa e dinámica, de animal en evolución. Dous corpos de cinc (un deles o auditorio, de base curva e verticalmente marcado) e un terceiro de lousa, verdosa coma a carriza, denotando no interior os intestinos claramente diferenciados do resto do estómago. E aínda aparece un cuarto corpo, central, estomacal e acristalado.
A sobresaltada verticalidade dos edificios de vivendas de atrás, con nove ou dez alturas, delgados e longos coma se fosen a sombra dunha patética imitación dos edificios iemenís de Sanaa, aparece contrarrestada pola intencionada horizontalidade do edificio do arquitecto Santiago González. Pero como Vigo, ata o de agora, se constrúe (ou reconstrúe) sobre espacios roubados, o das Federacións Deportivas aparece arrinconado contra ese fondo que, coma as pinturas do Greco, tenta impoñer a súa lei e a súa sombra para apropiarse del. Só a forte personalidade da súa estructura de lousa, cinc, cristal e madeira e a súa declarada modernidade é quen de separalo, individualizalo, e de poñer distancia na angustiante estreitez da rúa Segundo Mariño, facéndoa miragrosamente ancha, moito máis ancha do que realmente é.
A rúa Segundo Mariño, coa súa deseperada pendente, precipítase cara abaixo, sobre A Florida, deixando ver nesa indecisión de espacio limítrofe entre os barrios de Coia e A Florida que a súa preferencia se inclina por este último.
E na desbocada precipitación da rúa, o edificio sostén dignamente a súa horizontalidade sobre pilotes, prologándose rectilíneo coma o vagón dun tren e deixando que xurda un espacio aberto para aparcamento. Seguindo o descenso, aparece a fachada posterior, declaradamente sobria, verdosamente densa, con pequenas incrustacións coma caixóns que son xanelas horizontais a media altura. E, novamente, os dous corpos de cinc, de formas desiguais. Desde esa fachada, o edificio ten o aspecto dun primeirizo e simpático robot.
Os veciños poden intuír sen problemas os espacios interiores, amplos, luminosos, funcionais, onde a luz se configura como o elemento que ordena e distribúe realmente o edificio, axudada polo xogo de sombras, claridades e penumbras que ofrecen as persianas venecianas, proporcionando ao tempo apertura e calidez. En definitiva é a luz, conxugada coa madeira, o metal e o cristal, e un mobiliario ben harmonizado, a que configura a personalidade do espacio, onde só a frialdade da zona de servicios e a extrema calidez do auditorio poñen unha nota diferenciadora.

Ningún comentario: