Amosando publicacións coa etiqueta Lecturas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lecturas. Amosar todas as publicacións

22.3.17

Os versos da tormenta: «Mantente firme», de Kate Tempest

Hai xa demasiado tempo que non comento ningunha lectura, pero aínda que o tempo para as lecturas, como di Daniel Pennac, sempre existe porque é tempo que se lle rouba, como o amor, á vida, fáltame o momento para comentalas. Entre os libros dos últimos meses, elixo, sen dúbida un libro de poemas: Mantente firme, de Kate Tempest, una das máis novas e radicais revelacións da poesía británica, que paga moito a pena. (Cito a partir da tradución ao castelán).

Os versos da tormenta: «Mantente firme», de Kate Tempest


O seu nome literario parece evocar o punto de explosión dos seus versos: a tormenta da realidade. Kate Tempest é unha das últimas e máis interesantes tempestades da poesía británica. Emerxe do anonimato dun barrio humilde de Londres, adestrada no ámbito do spoken word; por iso a poeta revelación da escena literaria londinense é tamén rapeira –se cadra, a súa vocación primordial– e performance. Ora, as súas inquedanzas non rematan aí e desconcerta cos seus referentes culturais amplos («Dentro de mi cabeza, escuchaba a Chopin y leía a Joyce y estaba enamorada de ellos por ser tan humanos y expresarlo tan bien») e a súa enorme versatilidade, tamén como dramaturga e novelista (e xa teño enormes ganas de ler a súa novela, The Bricks That Built the Houses) aínda que é, sobre todo, unha muller da acción directa e da proximidade desde o escenario. Foi na improvisación do escenario, pequeno, inmediato, dun barrio humilde de Londres onde atopou a poesía e, desde ela, retornou de novo ao escenario para deitar a súa enerxía sobre o hip hop. La Bella Varsovia tivo a iniciativa de traducila ao castelán da man de Alberto Acerete e editala en edición bilingüe.
Como escritor, síntoa moi perto; se cadra había tempo que non sentía un libro de poemas tan perto da miña ollada literaria como Mantente firme, (titulado en inglés Hold You Own); salvando as distancias, en moitos aspectos mesmo o sinto perto de Terraza, libro que rematei bastante antes de ler a Tempest.
A ollada da poesía de Tempest diríxese ao seu propio entorno, nese lugar onde habitan as persoas silenciadas, oprimidas e minusvaloradas, con raparigos e mulleres de adolescencias difíciles, que se dirimen entre a diferenza e a identidade do grupo, confusas, perplexas, inadaptadas («A mi lado, con sus finas cinturas y sus ojos de naufragio, / las chicas bailaban y yo moría»), que se converten en minúsculos heroes do día a día. E os seus versos, tempestivos, nacen da experiencia persoal nese entorno e enraízan na infancia e, sobre todo, nos conflitos da adolescencia para falar de problemas humanos de dimensión universal. Pero escríbense na madurez, porque «Entonces era mucho más vieja, soy mas joven ahora».
A figura de Tiresias, o adiviño da mitoloxía da Grecia clásica, centra o poemario e constitúe o seu fío. En realidade, Tiresias é unha desculpa para falar da vida, da cotianidade, da dor, do conflito persoal, político e de xénero, da vulnerabilidade. Kate Tempest reconstrúe as vivencias de Tiresias desde catro puntos de vista: a infancia, a masculinidade, a feminidade e a profecía, de xeito que estas categorías estruturan o poemario –en paralelo á propia vida do mito: «Todos los tús que has sido»–, pero emprégaas para elaborar o seu propio discurso, que pasa pola trasposición de xénero, en todas as dimensións (tamén na literaria) da palabra: «Nació siendo un hombre. / Ella es la que se queda», di un verso que parece un desafío á transfobia, pero que non é máis que unha afirmación de identidade. Sen dúbida interésame moito ese aspecto da súa poesía.


É curioso, porque a súa obra, que dá conta do proceso descomposición social do seu país como paradigma do mundo desenvolvido, ten un nítido perfil político –ela é declaradamente de esquerdas– pero, aínda que pareza unha contradición, nas súas declaracións e aparicións públicas foxe do posicionamento político e/ou partidista porque, segundo afirma, a xente que pensa coma ela xa sabe como se sente e, precisamente, asegura, o que máis lle interesa é chegar ás persoas que teñen ideas políticas diferentes ás súas. Con todo, poemas como «Progreso» non deixan ningúnha dúbida da súa postura radicalmente crítica: «Necesitábamos algo nuevo / para llenar el vacío que crecía; / y en qué podíamos creer mejor / que en la Libertad de ¡Consume-Cuanto-Puedas!». E, aínda que a súa declaración de principios ou de intencións está máis ben no poema «Las cosas que sé», en «Bien, gracias» móstrase absolutamente demoledora: «Por favor, no os molestéis en levantar los brazos para dispararnos; / nos dispararemos nosotros solos. No, de verdad, insistimos. / Sin pistolas. Dadnos simplemente marcas y facturas y salarios.» 
A derradeira parte, «Profecía», a que se corresponde coa cegueira de Tiresias, é unha catapulta que, desde unha dimensión da vida politicamente inalienable, guinda pedradas á conciencia das súas lectoras e lectores.
A lingua, en todo o poemario, é coloquial, pero coloquialmente elaborada, fresca e directa, aínda que bastante metafórica. E produce unha enorme empatía lectora.
Pero a súa poesía intérnase tamén, e moito, no corpo, a través de cada poro da pel, de cada movemento respiratorio. Sen dúbida, máis intensamente nos poemas en que fala da adolescencia, con ecos atronadores desa intimidade vulnerable e insegura dunha adolescencia en que, por outra banda, a poeta era máis vella que agora, cando escribe e publica. Vese en poemas tan demoledores como «La abusona» ou «Trece»: «Los chicos cuentan con el fútbol y las pistas de skate. / Pueden montar una BMX / y jugar al baloncesto, en las canchas junto a los pisos, hasta la medianoche. / Las chicas tienen vergüenza». Esa adolescencia prexuizosa, acomplexada, vítima de acoso, temerosa e incerta pero aparentemente transgresora, que linda co prohibido e o ilícito («Soy una ladrona audaz. / Empujo carros, cargados con el alcohol que se nos antoja») lembroume outra lectura próxima no tempo, a de Crezco, a novela coa que Ben Brooks se deu a coñecer, escrita cunha sinceridade desgarradora en plena adolescencia do autor. Cando lin a novela de Brooks, que dá conta dese mesmo tempo da adolescencia británica (aquí máis rufiá, máis Virginie Despentes), preguntábame por que non habería unha novela así contada desde o punto de vista feminino, por que tiña que ser esa perspectiva masculina, moito máis coñecida, a que chegaba novamente a nós desde a prosa. A visión desa adolescencia a través de Kate Tempest é bastante máis crítica e moito menos politicamente incorrecta que a de Brooks, pero igualmente sincera e, ademais, vehiculizada con toda a enerxía da que bota man para condensar os conflitos da vida nos poemas. Nos seus versos, a lingua vibra porque cobra vida e as referencias literarias ausentes están máis presentes que nas palabras de Brooks; por exemplo, lendo viñéronseme á cabeza, sen evocalos, os versos de Parade os reloxos, de Auden –sobre todo na parte da «Profecía»– pero tamén, como lin nalgures, a música de Pink Floyd (pero non nos versos referidos á educación, como lembro ler, senón nos delirios de Bob Geldof en The Wall de Alan Parker que atronan no poema «Balada de un héroe»).  
A vida de Tiresias permítelle a Tempest revisar tamén o concepto de masculinidade –algo ao que non é allea a poesía galega–, masculinidade que se presenta esmagadora na adolescencia («Me muevo como los chicos. / Hablo como los chicos«) pero que sitúa contra as cordas no poema «Hombre abatido»: «Eres más hombre cuando te rompes y lloras, / cuando tiembras y duermes / (...) Llorarás por los poros si no lo haces por los ojos. / Tu sangre tiene el mismo color que la mía». 
E, por se non abondase, a cegueira do personaxe mitolóxico permítelle dinamitar con versos a cimentación do consumismo, o capitalismo, as convencións sociais e a relixión. E, sobre todo, poñer de relevo cal é o noso tempo, directamente ou con retranca sutil: «Ahora nos pertenece la Pantalla, / y funciona. / Nuestros niños están permanentemente conectados a su promesa, / admirando sus joyas. / Y las parejas cenan / a la tenue luz de sus rayos, / la miramos fijamente hasta / que hemos aprendido cómo funciona el mundo».
Pero, malia todo, é consciente de que a poesía, de seu, tampouco nos vai salvar; cómpre ter os pés no chan e vivir: «Que no te entusiasme más una idea de qué es la vida que la vida misma».
E é que, a fin de contas, o poema é o poema e a vida é a vida:
«Que le den al poema. / Hay una cama aquí / y tú me quieres dentro».

21.12.16

O relato mordaz de Yolanda Reyes: «El terror de Sexto B»

El terror de Sexto "B", de Yolanda Reyes. Un libro excepcional. A escritora Yolanda Reyes é unha das miñas debilidades literarias no ámbito infantil e xuvenil. Directa, mordaz, cunha abraiante forza narrativa e unha inusitada capacidade para meterse na pel dos seus personaxes, en El terror de sexto B, a escritora colombiana aborda os conflitos da infancia e adolescencia no ámbito escolar a través de diversos relatos eficaces, divertidos, cheos de gracia e gran altura narrativa.

8.11.16

Un sopro de aire fresco en portugués slam: «Nómada», de Joana Cabral

Hai bastantes anos descubrín e merquei Nómada, de Joana Cabral, nalgunha libraría portuguesa. Lina de inmediato. Lamentablemente, nunca poiden localizar a segunda e, que eu saiba, derradeira novela desta autora, A cabra urbana. Publicada en 2007, está descatalogada desde hai tempo e non volveu publicar ningunha outra. Tampouco ela, Joana Cabral, deixou demasiada pegada da súa prensenza en ámbitos literarios, apenas unhas migallas de Polgariña perdida na fraga escura. Ás veces teño a intuición de que podería ser unha escritora espectral vencida polas brétemas da decepción.

Nómada (2004) é un desas novelas tan desenfadadas e tan afastadas do canon da literatura portuguesa que, se callar, naceu condenada a pasar desapercibida nun país con tendencia ao academizante. Fresca, escrita nun portugués slam (do que aprendín moito vocabulario da rúa) nace coa vocación de reflectir o fastío e a estupidez das clases acomodadas en Lisboa desde a visión dunha rapariga rebelde e desencantada que decide fuxir da rutina nunha aventura á beira da ilegalidade. Unha especie de Thelma e Louise, pero menos efectista e máis apegada á terra. Gostei moito.

17.10.16

Castelao: a alquimia do humor na literatura

Sempre me preguntei por que estes dous libros tan contrapostos de Castelao se editan xuntos. Supoño que debido a ese criterio extraliterario pero práctico que é a extensión. Un (Retrincos) representa a sensibilidade e oficio dun escritor excelente; o outro (Un ollo de vidro) representa ao humorista que desborda e afoga ao escritor, naufragando no seu intento de facer boa literatura. En Retrincos, en cambio, vemos un escritor sublime, que é quen de converter a anécdota en dor e vida e levala ao papel nun engaiolante proceso de alquimia literaria que dosifica o humor con sabedoría. Dúas obras, dous Castelaos.

3.10.16

Carlos Fuentes e a non ficción da guerrilla colombiana

Agora que as FARC e o goberno colombiano parecen dispostas a un acordo definitivo de paz, mesmo malia o resultado adverso do referendo, e parece consolidado ese alto o fogo co que a guerrilla manifesta a súa vontade de deixar armas, é bo momento para ler a novela póstuma de Carlos Fuentes
Aquiles o El guerrillero y el asesino (con ese título que non me gusta nada) é unha magnífica novela de non ficción que dá conta da vida e morte de Carlos Pizarro, comandante e líder da guerrilla do M-19 que foi asasinado en 1990 logo de deixar as armas e integrarse á vida política pola vía dun acordo de paz.
Antes de comezar a lectura, a miña memoria botou man doutras novelas que abordasen o tema da guerrilla en América Latina, como La montaña es una inmensa estepa verde, de Omar Cabezas, que no seu día me trasladou á montaña das incursiones guerrilleiras, os encontronazos co exército e as camiñatas inacabables. Pero a de Carlos Fuentes –un escritor incuestionable– é moito máis ca iso e dá conta, como non podía ser doutro xeito, do seu adn literario.
En realidade, botando man dun título emblemático de Eduardo Galeano, Las venas abiertas de América Latina, o que aborda o escritor mexicano na súa novela é a profunda ferida que causou en Latinoamérica o endémico divorcio entre a sociedade civil e a oligarquía política, e os danos estruturais que esa ferida, persistente ao longo de toda a historia recente, cincelou na pel dun continente que vive en carne viva o drama da desigualdade social e da represión.
Desde esa vocación panamericana de Fuentes, a novela aborda a realidade colombiana: a política, a corrupción, a guerrilla, a ética, a pobreza, a violencia, a rebeldía, o narcotráfico e a figura dos sicarios, encarnados nun personaxe chamado Kike. Ese personaxe –como todos os personaxes– constrúese desde esa prosa elegante, intelixente, suxerente, xoguetona, de percorrido longo, serpeante, que está moi lonxe do estilo directo e impactante, sen artificios, co que outro bo escritor colombiano Fernando Vallejo nos falou do seu país nunha novela que non daba respiro: La virgen de los sicarios.
Dise no limiar –de Julio Ortega, responsable da edición, póstuma– que Aquiles o El guerrillero y el asesino se postula como unha crónica –seica así a consideraba tamén Carlos Fuentes– e mesmo cita «intentos» doutros narradores contemporáneos entre os que está Javier Cercas (sen dúbida, o narrador español que, a min persoalmente, máis me interesa desde hai anos).
Será, probablemente, unha crónica, aínda que non me entusiasma ese apelativo que eu mesmo empreguei hai moitos anos para a miña novela Tráiler. Será, non o sei. Pero o que si é, e o termo evita a confusión, é unha novela de non ficción (igual que Tráiler, desculpando a comparación, que no seu día combinaba a ficción coa non ficción). E se o fose –unha crónica, digo– sería unha crónica nada exhaustiva e acronolóxica, do proceso de conformación e desaparición do movemento guerrilleiro M-19; unha suposta «crónica» desdebuxada que se parapeta na linguaxe e na súa capacidade subversiva e reveladora e que só cata –coma quen pincha a carne no forno para ver se xa está feita– aqueles latexos do corazón da guerrilla que poñen ao descuberto a verdade sen que o lector ou lectora presinta que está a ler, verdadeiramente, unha novela.
E esa é a diferenza desta non ficción de Fuentes coa non ficción de Cercas: mentres o segundo adoita reconstruír os feitos para poñer patas arriba a literatura e facela evidente para crear metaliteratura, o primeiro emprega as novas armas da literatura para que o lector non se decate de que a literatura é literatura.
E, en calquera caso, ambos os dous son dous narradores enormes, cunha punzante capacidade transgresora, que consiguen rachar a estrutura da novela para abordar a realidade desde unha nova ollada. 
En fin, esperemos, como querería Carlos Fuentes, que a vontade de paz triunfe, dunha vez por todas, en Colombia.



7.9.16

Raduan Nassar: sensualidade, cólera, dominación e masculinidade


Aproveitando a concesión do Premio Camões 2016 ao escritor brasileiro Raduan Nassar, que provocou a reedición da súa escasa obra por parte da editora Companhia das Letras, merquei na libraría Bertrand un exemplar da súa novela de culto Un copo de cólera. Escrita en 1970 e publicada oito anos despois, ten as características que en principio máis me interesan a min dunha boa novela: brevidade e intensidade.
Desde logo, é breve e intensa, como tamén é densa, delicada, rica, complexa, sorprendente, demorada e sutíl e supón un desafío constante para o lector ou lectora, que debe soster, para desfrutar, os constantes embates do narrador. Estamos ante un narrador en primeira persoa, masculino (agás no derradeiro capítulo, cando se pecha a estrutura a xeito de círculo, no que é a muller a que fala), que narra unha historia de posesión e dominación construída a partir dun «xogo» de seducción extraordinariamente sensual.
Ten toda a carga e a potencia da mellor literatura brasileira, forte, decidida, contundente, implacable nos seus plantexamentos literarios e na forma de narrar. Un copo de cólera é un exercicio de estilo esixente, que nos obriga a dar todo de nós, que prescinde completamente de puntuar pois cada capítulo (e hai seis en toda a novela) constitúe unha única e longüísima oración. Através da novela, asistimos a ese xogo de dominación e tamén ao enorme e sutil combate dialéctico da parella protagonista (aínda que só cando chega o «copo de cólera»), tan matizado, tan cargado de ironía, de viveza, de profundidade e, ao tempo, de banalidade (algo que ocorre con frecuencia nas discusións de parella).
O problema, que se percibe con claridade case cincuenta anos despois de ser escrita, é que a dominación é exclusivamente masculina («sabendo que ela arrebatada pelo meu avesso haveria sempre de gritar é este canalha que eu amo» ) e a sumisión e o sometemento é exclusivamente feminino («magnífico, você é especial»). Esa dominación non se precibe tanto na discusión, no combate dialéctico, onde a muller conserva toda a súa destreza e capacidade, como no acordo, na sedución (patrón da masculinidade tradicional) e na iniciativa permanente e abouxante do home. E a dominación..., domina. Tamén no final. Ora ben, é unha novela que non se esquece, especilmente recomendada para lectores e lectoras que gozan co vigor da palabra; a palabra dun escritor que foxe dos medios de comunicación e das entrevistas e que apoiou abertamente a Dilma Rousseff durante toda a operación política que acabou apartándoa do poder.


31.8.16

A forza dos soños

Probablemente nunca tería chegado á lecura da novela Sueños de piedra se non fose pola recomendación da miña filla. As autoras deste libro, escrito a dúas mans, son Iria G. Parente (1993) e Selene M. Pascual (Vigo, 1989). Sueños de piedra é unha desas novelas que gabeou exitosamente polas redes sociais, recomendada polos lectores e lectoras e os principais booktubers e blogueiros para conquistar, sobre todo, un público adolescente. 

 A novela conta as aventuras de tres personaxes que viaxan xuntos para intentar cumprir os seus propios soños, atoparse a si mesmos ou descubrir o sabor da liberdade. O caprichoso príncipe Arthmael, unha moza que foxe da prostitución e que responde ao nome de Lynne e un mago patán son os personaxes que dan vida a unha historia chea de acción, de intriga e de aventuras. Pero, moito máis alá da aventura, o principal logro desta novela é a abraiante profundidade psicolóxica dos personaxes e a súa modulación. A través dos seus comportamentos desfilan os medos, as contradiccións, o desexo, o amor, a frustración, o sexo, os complexos, a construción da personalidade e o valor dos soños do ser humano, moi especialmente nesa etapa de procura e conformación que é a adolescencia. Sobresae a feitura do personaxe de Lynne, tan vivísimo e real, cos seus lóxicos conflitos psicolóxicos que abren o camiño na novela ao tratamento de temas como a violencia machista, a prostitución, os roles de xénero, o papel do corpo, a posesión e os dereitos das mulleres. 

As autoras exhiben, ademais, dous acertos técnicos: o emprego da primeira persoa, que alternan os dous personaxes principais (Arthmael e Lynne) e a narración constante en presente. Sen dúbida, unha novela recomendable para todos os públicos.

2.10.13

Unha novela chapó: «Nada se esquece»

Hai xa varios meses que quería facerlle xustiza ao moito que me gustou unha novela. Lina case involuntariamente, logo de recibir a chamada dunha amiga que me pediu que a presentase nun acto público. Eu nada sabía desa novela, o primeiro libro dunha escritora, amiga súa, totalmente descoñecida para min.


De alí a uns días, a autora enviouma por correo electrónico en formato pdf e eu leveina comigo a unha viaxe a Porto. Aquela lectura, que para min  tiña inicialmente un carácter de exploratorio, permitiume gozar dunha das mellores novelas que lin neste último ano.

Nada se esquece, de Puri Ameixide, publicada por Redelibros, relata en primeira persoa o día a día dunha nena de dez anos. Desde a lóxica do pensamento infantil fronte ao adulto, Laura, a protagonista, vai espertando ao mundo, ás veces clandestinamente, nese tránsito difícil que se sitúa entre a pubertade e a adolescencia.
Está ambientada nunha vila pequena do interior de Galicia a mediados dos anos 70, nese momento prodixioso en que a esperanza era posible aínda que todo estivese peneirado por unha densa e represora cultura franquista que o invadía todo. Eran os tempos de Formula V, de Eva María se fue, da misa obrigatoria aos domingos, do terror que aos cativos e cativas nos producía a confesión; eran os tempos do Bimbó, de Jeanette, das películas en branco e negro con dous rombos.

Era, en realidade, a infancia e a pubertade da miña xeración, e esa foi unha das claves, entendo, me fixo empatizar axiña con cada renglón da novela. Pero, evidentemente, con iso non abondaría. Porque, ademais, esta é unha novela intelixente, fermosa, potente, capaz, fascinante. Chama a atención, por exemplo, a profundidade psicolóxica da personaxe, que é envolvente, coherente e contraditoria (como a vida mesma), e resulta ser quen de nos atrapar coa súa visión do mundo e coa súa forma contemporánea de narrar.

A novela está relatada en primeira persoa, unha primeira persoa que a fai veraz, asumible e verosímil, ao tempo que logra transmitirnos todo o que lle sucede á protagonista nun ton íntimo, confesional, que marca profundamente o carácter da narración. En boa parte, por iso a autora é quen de conseguir un extraordinario clima poético sen necesidade de empregar a linguaxe poética.
Nada se esquece pode ser lida como a crónica dun tempo e é, en consecuencia, unha novela profundamente social pero é, asemade, unha novela intimista e tamén unha novela atemporal. Desas que perdurarán sempre. 

Coa sombra de Franco pairando nós, cunha transición gris e conflitiva a piques de comezar, Laura vive en primeira persoa a represión da época, que actúa sobre ela de xeito íntimo, familiar, social e, máis invisiblemente, tamén político. É a propia voz da nena a que dá conta do que sucede a o seu redor e, sobre todo, do que lle sucede a ela. Por empregar palabras da propia protagonista, asistimos á transformación que experimenta o seu corpo de crisálida para se converter en bolboreta. 
É ese momento en que a nena aprehende o mundo, e digo aprehende, porque realmente o que fai é facelo seu a través do corpo, do amor, da amizade, da vida, do sexo, da infancia, da rebeldía, da lóxica, da conformación do criterio persoal...  Pero a súa ollada, a súa ollada da nena, non é inocente: é coherente e, sobre todo, é pícara e intelixente. E iso sérvelle para ser quen de medrar aínda que sufra intimamente a represión dunha época opresiva, esa que fai que a presión social actúe de xeito demoledor sobre o criterio persoal.

Laura vive a represión que aflora nun entorno que considera tabú unha boa parte da linguaxe, da comunicación, conxurando palabras clave que non se poden pronunciar; vive a represión que aflora nun entorno que a marca por ser muller –en realidade, por ser nena–; vive a represión dunha sociedade patriarcal na que as mulleres están sempre no punto de mira e os homes teñen patente de corso. E por iso, a súa longa melena rubia, que non lle permiten levar ceiba, convértese para ela en símbolo de liberdade, de rebeldía e de madurez.
Evidentemente, Laura habita nun mundo –o da nosa infancia– en que a aprendizaxe de corpo é tópica e faise ás agachadas. 

A novela de Puri Ameixide, claro, está posuída por unha visión claramente antipatriarcal, abeirada na visión inocente da nena, que é nena pero non é tonta. Ofrécesenos, daquela, unha importante reflexión de xénero, sobre os papeis e os clichés que a cultura patriarcal nos asigna desde nenas e nenos. Laura, a protagonista sérvelle a autora de espello para poñelo de manifesto. Pero, atención, é un espello fiel, honesto e claramente vivencial. 

Ao longo da novela as relacións familiares da protagonista son moi importantes. Establécense coa nai e
a irmá maior, xa adolescente, Lucía. A relación coa irmá, loxicamente, é moi conflitiva, e contraditoria, de amor-odio, pero nela funciona a solidariedade de xénero coma unha engranaxe case invisible. 
Ademais, Nada se esquece é, desde a primeira páxina, unha novela intensamente cinematográfica. Éo pola paixón e o interese que a nena sente polo cine, do que aprende a vida e do que extrae a súa abraiante capacidade dialéctica. De feito, a min, os diálogos da nena ás veces lembrábanme aos de Humphrey Bogart en Casablanca. E iso é así porque a protagonista é filla da primeira época de cultura audiovisual que entrou en Galicia, cando os televisores en branco e negro se instalaron masivamente nas casas para enchernos a vila de Nodos e películas.

Daquela, Laura sente que a súa vida é como unha película, sente como se a estivesen a filmar a cada paso, e desenvolve unha estraña pero certeira e inequívoca vocación de converterse en directora de cine.

Tecnicamente, Nada se esquece é unha novela extraordinaria, dunha madurez abraiante para ser a primeira que publica a súa autora. E fai reverter nela as técnicas aprendidas da linguaxe audiovisual, mostrando unha enorme habilidade para enlazar planos, parágrafos, ideas, secuncias e capítulos coa fluidez mutante da linguaxe cinematográfica. 
O cine, para a protagonista, é un espazo de liberdade. O lugar de encontro e socialización nas tardes dos domingos, o lugar onde parellas intimidan, onde se percibe a vida, onde se aprende de Gary Cooper, de Marlene Dietrich, de Richard Wickmark... Sobre todo nos westerns, con eses diálogos tan definitivos e rimbombantes.

 Loxicamente, a novela ten banda sonora. A principal, a que a define de principio a fin é ¿Por que te vas?, de Jeanette. Toda a narración está tensionada polo tempo, ese tempo que se marca junto a las manillas de un reloj, ante decisión da nai de marchar coas fillas para Vigo –na procura de mellor vida– ao rematar o curso escolar. Un tempo, por certo, aquel dos estertores franquistas, no que existía a conciencia de que a escola era un instrumento fundamental para mellorar, para medrar, para ter futuro. Algo que hoxe, tantos anos despois, se esvaeceu sen deixar rastro. Grazas, Puri Ameixide, por facernos revivir a nosa infancia desde o sabor da boa literatura.

3.10.11

Libros pendentes

Sempre hai unha serie de libros que nos quedan pendentes de ler, ás espera do momento máis axeitado. Eu, que sempre teño un longa lista de libros na miña mesa de noite (en realidade téñoos por toda a casa, porque non me gusta ler na cama), aproveitei este pasado verán, como fago habitualmente, para atacar os máis longos. E lin un libro que tiña pendente desde hai tempo e que, de verdade, me engaiolou: Anatomía de un instante, de Javier Cercas. Este libro é unha auténtica lección de literatura e xornalismo, unha obra indefinible que consigue darlle a volta ao concepto de ficción. Todo o libro xira en torno ao xesto de Adolfo Suárez a noite do 23 F pero, en realidade, é unha ollada profundísima, arriscada e interpretativa sobre a transición española.
Todo o que lin no resto do verán, malia gustarme, quedou eclipsado por esa lectura monumental.

18.7.11

Hiromi Kawakami

Acabo de rematar Algo que brilla como o mar, a segunda novela que leo de Hiromi Kawakami. Interésame moito a narrativa xaponesa e cada vez léoa con máis curiosidade. Creo que ten unha vocación moito máis contemporánea (cando menos o que chega a nós) que a europea e, nun país en que a tradición pesa tanto, os escritores xa teñen moi pouco que ver co potente Yukio Mishima. Ora, esta novela tamén contén algo frecuente na literatura dese país: unha viaxe que funciona a xeito de catarse para o protagonista. Seguramente, iso ten moito que ver con esa (estupenda) obsesión dos mozos e mozas xaponesas de dedicarse a viaxar durante un ano da súa vida, algo que fan habitualmente logo de rematar os estudos e antes de poñérense a traballar.

11.4.11

Corea do Norte

O mes pasado non puiden asistir á sesión do Club de Lecturas Debuxadas, de Espazo Lectura, que coordina Félix, aínda que, con todo, tiven oportunidade de ler a novela gráfica en cuestión, titulada Pyongyang, a crónica demoledora dunha estancia do seu autor, o artista plástico Guy Delisle, en Corea do Norte. Hai pouco, outro membro do devandito club enviounos un enlace a este documental de TVE, que tampouco dá tregua, feito por Rosa María Calaf.

4.10.10

O Cairo en Taxi

Hai pouco lin Taxi, de Khaled Al Khamissi. Un libro distinto dentro da tradición árabe, que se converteu nun éxito en Exipto. A súa lectura é como percorrer O Cairo en taxi. Moi recomendable para os afeccionados ás literaturas periféricas, ás lecturas sociolóxicas ou aos que vaian viaxar a Exipto.

27.9.10

O libro da miña vida

Nas charlas nos centros de ensino, as rapazas e rapaces sempre me preguntan cal foi o libro que máis me influíu. O libro da miña vida. Francamente, gustaríame sabelo, porque non o sei. Estou seguro de que houbo libros moi moi decisivos en min, pero nunca me atrevería a dar títulos. Entre outras cousas, porque descoñezo cales foron. Foron moitos, sen dúbida, e débome a todos eles. Tal e como manifestei hai tempo nunha entrevista de Manuel Vidal Villaverde para Galicia Hoxe, "ao longo da miña vida houbo moitos libros moi importantes, pero creo que ningún decisivo. Iso ten que ver co meu carácter, escasamente mitómano e profundamente heterodoxo. Hai determinados libros, determinadas lecturas, en plural, que as vinculo con distintas épocas da miña vida e que constituíron miradas, formas intensas pero parciais de ollar o mundo en cada momento".

26.4.10

Lobo

Lin hai pouco esta curiosa e fermosa novela. De frases longas coma o inverno, narra a vida dun lobo e é a primeira novela dun inglés licenciado en filosofía que se dedica a dar clases de piano.


22.12.06

Palabras contadas

Hai un libro recentemente publicado que non convén perderse. Á marxe da miña manifesta paixón polo microrrelato, a de Camilo Franco é unha obra literaria con maiúsculas, para sacarmos o sombreiro. Non só polo seu demostrado dominio do xénero breve senón pola potencia narrativa que encerra Palabras contadas e pola súa sorprendente capacidade para atopar unha ironía corrosiva e contemporánea. Palabras contadas é Camilo Franco en estado puro e fai gala dunha sinceridade descarnada e insultante. O libro constitúe, ademais, un intelixente e provocador desafío ao sistema literario galego (perdón María, por empregar o sintagma maldito). Un libro a ter moi en conta.

10.1.04

Ácaros verdes

Con Ácaros verdes a narrativa galega aborda un dos temas máis interesantes e controvertidos da historia da humanidade: o últimos días do nazismo, con Hitler recluído no seu búnquer de Berlín. Pero o máis interesante é que as protagonistas desta magnífica novela de Pilar Buela son as mulleres: Eva Braun, a amante de Hitler, e Magda Göbbels, a esposa do tristemente coñecido ministro de información do Führer.

A novela recrea, cun estilo potente e unha grande capacidade poética, o ambiente desquiciado deses últimos días, cando xa sabían que Berlín estaba a piques de caer nas mans dos aliados. Ácaros verdes é unha novela apaixonante, sen prexuízos, que universaliza a literatura galega e obriga ao lector, cando a remata, a buscar máis información sobre eses días de esquizonfrenia histórica e os seus indesexables personaxes. Creo que non é preciso que confese o moito que me gustou.