Agora que as FARC e o goberno colombiano parecen dispostas a
un acordo definitivo de paz, mesmo malia o resultado adverso do referendo, e parece consolidado ese alto o fogo co que a guerrilla manifesta a súa vontade de deixar armas, é bo
momento para ler a novela póstuma de Carlos Fuentes.
Aquiles o El guerrillero y el asesino (con ese título que non me gusta nada) é unha magnífica novela de non ficción que dá conta da vida e morte de Carlos Pizarro, comandante e líder da guerrilla do M-19 que foi asasinado en 1990 logo de deixar as armas e integrarse á vida política pola vía dun acordo de paz.
Aquiles o El guerrillero y el asesino (con ese título que non me gusta nada) é unha magnífica novela de non ficción que dá conta da vida e morte de Carlos Pizarro, comandante e líder da guerrilla do M-19 que foi asasinado en 1990 logo de deixar as armas e integrarse á vida política pola vía dun acordo de paz.
Antes de comezar a lectura, a miña memoria botou man
doutras novelas que abordasen o tema da guerrilla en América Latina, como La montaña es una inmensa estepa verde,
de Omar Cabezas, que no seu día me trasladou á montaña das incursiones
guerrilleiras, os encontronazos co exército e as camiñatas inacabables. Pero a
de Carlos Fuentes –un escritor incuestionable– é moito máis ca iso e dá conta,
como non podía ser doutro xeito, do seu adn literario.
En realidade, botando man dun título emblemático de
Eduardo Galeano, Las venas abiertas de América Latina, o que aborda o escritor
mexicano na súa novela é a profunda ferida que causou en Latinoamérica o endémico divorcio entre a sociedade civil e a oligarquía política, e os danos
estruturais que esa ferida, persistente ao longo de toda a historia recente,
cincelou na pel dun continente que vive en carne viva o drama da desigualdade
social e da represión.
Desde esa vocación panamericana de Fuentes, a novela
aborda a realidade colombiana: a política, a corrupción, a guerrilla, a ética,
a pobreza, a violencia, a rebeldía, o narcotráfico e a figura dos sicarios, encarnados nun
personaxe chamado Kike. Ese personaxe –como todos os personaxes– constrúese desde esa prosa elegante, intelixente,
suxerente, xoguetona, de percorrido longo, serpeante, que está moi lonxe do
estilo directo e impactante, sen artificios, co que outro bo escritor colombiano
Fernando Vallejo nos falou do seu país nunha novela que non daba respiro: La virgen de los sicarios.
Dise no limiar –de Julio Ortega, responsable da
edición, póstuma– que Aquiles o El guerrillero y el asesino se postula como unha crónica –seica así a
consideraba tamén Carlos Fuentes– e mesmo cita «intentos» doutros narradores contemporáneos entre os que está Javier Cercas (sen dúbida, o narrador español que, a min persoalmente, máis me
interesa desde hai anos).
Será, probablemente, unha crónica, aínda que non me
entusiasma ese apelativo que eu mesmo empreguei hai moitos anos para a miña novela Tráiler. Será, non o sei. Pero o que si
é, e o termo evita a confusión, é unha novela de non ficción (igual que Tráiler, desculpando a comparación, que no seu día combinaba a ficción coa non ficción). E
se o fose –unha crónica, digo– sería unha crónica nada exhaustiva e
acronolóxica, do proceso de conformación e desaparición do movemento
guerrilleiro M-19; unha suposta «crónica»
desdebuxada que se parapeta na linguaxe e na súa capacidade subversiva e
reveladora e que só cata –coma quen pincha a carne no forno para ver se xa está
feita– aqueles latexos do corazón da guerrilla que poñen ao descuberto a
verdade sen que o lector ou lectora presinta que está a ler, verdadeiramente,
unha novela.
E esa é a diferenza desta non ficción de Fuentes coa
non ficción de Cercas: mentres o segundo adoita reconstruír os feitos para
poñer patas arriba a literatura e facela evidente para crear metaliteratura, o primeiro
emprega as novas armas da literatura para que o lector non se decate de que a
literatura é literatura.
E, en calquera caso, ambos os dous son dous
narradores enormes, cunha punzante capacidade transgresora, que consiguen
rachar a estrutura da novela para abordar a realidade desde unha nova ollada.
En fin, esperemos, como querería Carlos Fuentes, que a vontade de paz triunfe, dunha vez por todas, en Colombia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario