15.2.24

O kiosko das almas perdidas

O peche definitivo do kiosko das o Almas perdidas, quizais o máis mítico dos bares vigueses, que se anunciou a principios de xaneiro na prensa, pon fin a un tipo de cidade que xa despareceu (quizais podería parecer que morreu con Abel Caballero 😅, pero non, foi antes e está relacionado co proxecto, en boa medida frustado, de «Abrir Vigo ao mar»).
Cando publiquei, en 1994, o meu libro de narrativa «Cemiterio de elefantes», en realidade, ía titularse «Almas perdidas», inspirado no nome do bar. O libro comeza ás 12,00 AM e remata (coa derradeira historia) ás 8,00 AM, xa ao mencer, percorrendo un Vigo nocturno que xa non existe e procurando unha estrutura narrativa que tentaba tirar abaixo, daquela, a fronteira entre a novela e o relato.
En «Cemiterio de elefantes» aparece un bar que está inspirado no Almas perdidas, aínda que non lle puxen ese nome; púxenlle Corazóns Solitarios. E non llo puxen porque o nome quixen poñerllo a un programa de radio ao que, a ese si, lle chamei Almas perdidas; o programa é un dos fíos condutores do libro.
«Cemiterio de elefantes» é un libro sobre a noite ambientado en Vigo que parte da miña experiencia como camareiro nocturno na voráxine dos 80 pero tamén da vocación noctámbula que me acompañou ao longo de toda a miña vida. En realidade, é un libro sobre a pulsión da noite e o desgaste que provoca nas persoas (de aí o novo título, «Cemiterio de elefantes«, que substituíu ao que pensara inicialmente).
O título que elixira para o meu libro era «Almas perdidas» e tiven que cambialo cando descubrín que exitía unha obra de teatro máis ou menos recente de Xosé Cermeño que tamén se titulaba así.
Agora, o peche do kiosko das Almas perdidas lémbrame que era o último bastión dunha cidade que desapareceu, ou que mudou como teñen que mudar todas as cidades, unha cidade caracterizada por unha zona portuaria chea de personaxes vivísimos e bastante deprimida que só permanece na memoria dos que a vivimos.
Adeus, Almas perdidas!

 

3.2.24

O ambicioso proxecto de Espazo Lectura en Gondomar

O proxecto que Espazo Lectura levou a cabo en Gondomar durante os últimos 16 anos é tan singular e poderoso que non existe nada igual nin en Galicia nin no Estado español. Díxoo o sábado a escritora, actriz e contacontos Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática 2023.

Díxoo na inauguración das novas instalacións da Casa da Lectura. E é certo. O acto do sábado supuxo o remate da primeira fase do futuro proxecto do Museo do Conto creado hai dez anos por Espazo Lectura e que agora comeza a facerse realidade.

O proxecto do Museo do Conto, a cargo do arquitecto Vicente Pintos, é moi singular e ten moito máis que ver cun Centro de Dinamización do Libro e a Lectura que cun museo convencional; o seu perfil convérteo, atención, en vangarda da dinamización lectora en lingua galega.


O proxecto do Museo do Conto está situado nun terreo na parroquia de Donas, en Gondomar, entorno rural. Consta de 5 pequenos edificios, dos que 2 xa están construídos e en funcionamento, e nace do edificio inicial denominado «Casa da Lectura», con programación desde 2009.

A asociación Espazo Lectura deseña a dinamización desde 2008 (aínda que hai actividades desde 2006) a través do traballo desinteresado dun voluntariado que adoita rondar as 30 persoas que en 2009 recuperou unha escola infantil en desuso para convertela na Casa da Lectura.

Ao longo destes anos, Espazo Lectura apostou por unha programación estable, gratuíta e permanente, que case nunca é noticia, pero que ten unha enorme consistencia na práctica lectora, e a asociación foi capaz de renovarse permanentemente e atraer xente nova.


O voluntariado de Espazo Lectura foi quen de manter estable unha oferta de dinamización lectora infantil e para adultos gratuíta abraiante: 82 sesión de Contos en Cueiros (dinamización lectora para bebés); 397 sesións do Contomar (sesións de contacontos na biblioteca municipal);
336 sesións dos Mércores da Casa da Lectura (dinamización lectora aberta a outras disciplinas); 128 sesións do Lendo Contigo (club de lectura infantil); 74 sesións do Comando Le (actividade lectora pra adolescentes); 138 sesións do Sete Vidas (lectura de narrativa); 137 sesións do Lecturas Debuxadas (club de lectura de novela gráfica); 22 sesións do Daquelas que len (club de lecturas feministas); 12 Noites na biblioteca; 11 Fogueiras dos Versos (lectura poéticas arredora da fogueira en San Xoán); 16 Dar de Ler (lecturas en voz alta); ademais doutras moitas actividades como Noites Golfas, Club de Formación Lectora e Oficina de Formación (para autoaprendizaxe do voluntariado); obradoiros de ilustración; programación teatral; Sentada Lectora; Accións poéticas na rúa; xornadas escolares, para familias; actuacións relacionadas cos libros para os centros de ensino; e tamén concertos musicais da Banda dos Cueiros, un grupo de música infantil nacido da actividade lectora para bebés Contos en Cueiros que gravou un disco cos temas das sesións e realizou numerosas actuacións e algo moi importante: préstamo bibliotecario dentro do proxecto Meiga da Rede de Bibliotecas de Galicia, porque Espazo Lectura conta cunha biblioteca en lingua galega permanentemente actualizada grazas ás 17 editoras que son socias protectoras da asociación.

Polas actividades de Espazo Lectura pasaron un inxente número de escritoras/es ilustradoras/es, contacontos, espectáculos e todo tipo de dinamizadoras/es, que sempre foron e son retribuídos polo seu traballo profesional porque Espazo Lectura entendeu desde o principio que o voluntariado tiña que limitarse ás persoas, non profesionais, que manteñen o traballo da asociación pero nunca debía estenderse aos profesionais que son chamados para conformar a programación.


A primeira fase do proxecto do Museo do Conto foi financiado polo Concello de Gondomar e pola Deputación de Pontevedra  e no acto de inauguración participaron a presidenta de Espazo Lectura Beatriz Núñez; o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira,
o subdelegado do goberno en Galicia Abel Losada; a vicepresidenta Yaiza Peixoto; e a expresidenta Concha Costas. O acto tivo unha forte carga emotiva para todas as persoas que nalgún momento fomos partícipes do proxecto Espazo Lectura e esa emotividade está relacionada coa enerxía emocional que supón axudar a descubrir nos demais o proceso cognitivo da lectura; de feito, poucas veces teño visto expresar con tanta emoción o seu traballo como ás persoas que se entregan á dinamización lectora

Na actualidade, Espazo Lectura, con arredor de 1.500 actividades realizadas ata o de agora e o ambicioso proxecto de finalizar o Museo do Conto, supón un soporte enormemente simbólico para o libro e a lectura en lingua galega por iso nestes momentos desde Espazo Lectura estase prepar  tamén unha longametraxe documental para difundir como se foi conformando a asociación, o significado real de todo traballo feito ao longo dos anos e a súa proxección de futuro. 

Espazo Lectura non ten os medios da magnífica Fundación Germán Sánchez Ruipérez pero posúe un tesouro tremendamente valioso: a plusvalía humana que xenera o seu voluntariado e unhas ganas enormes de ser un modelo a imitar a favor da lectura.