25.3.09

Equipos de Normalización dos Centros de Ensino

Recibín o seguinte correo electrónico, que reproduzo:

Ao coidado dos responsables e membros dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística do centros de Ensino Infantil, Primario e Secundario.

Ola a todos/as:

Somos un grupo de persoas que está a traballar en ENDL de diferentes centros de Ensino da zona de Santiago que nos xuntamos para falarmos de como podemos afrontar a nova situación canto á normalización da nosa lingua. Dado que as cousas van mudar, e parece que non para ben, consideramos que é necesario transmitirlle á sociedade e ao novo goberno o que pensamos ao respecto dos cambios anunciados. Por iso vos convocamos a unha reunión que se celebrará o vindeiro sábado 28 de marzo ás 16.30 da tarde no Instituto Galego de Información (IGI) (San Marcos, Estrada do Aeroporto, ao pasar o Hotel Apóstol Santiago). O obxectivo da reunión é o seguinte:

-Avaliarmos a posibilidade de facermos pública a nosa posición canto ao Decreto 124/2007, que se quere derrogar. Levaremos un texto base para consensuarmos antes de mandalo aos medios. Sería un texto de carácter técnico, como normalizadores que somos, e para nada incompatible con outros posicionamentos que poidan facer outras organizacións sociais e políticas que fagan algo ao respecto.

-Pensarmos na posibilidade de crearmos unha Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística para actuar colectivamente a prol da nosa lingua tanto a nivel particular, nos nosos centros, como en xeral, na sociedade.

Por favor, comunicádelle esta convocatoria a todos cantos membros dos ENDL coñezades, e que polos motivos que foren non leron esta información.
Agardamos contar coa vosa asistencia para entre todos poder traballar para conseguir obxectivos normalizadores.
Por favor, confirmade asistencia.

Saúdos a todos/as,

Román Landín Cerqueiro (CEIP Aurelio-Cuntis)
Valentina Formoso Gosende (IES Félix Muriel- Rianxo)
Xesús Mosquera (CRA de Santa Comba)
Luís Aldegunde (CEIP de Rois)
Sara Paz (CEIP da Baña)
Pila Buela (IES de Valga)
Gracia Sanctorum (IES Pintor Colmeiro-Silleda)
Sechu Sende (IES Marco do Camballón-Vila de Cruces)
Daniel Asorei (CEIP de Touro)
Xoán Constenla (CEIP de Portas)
Ana Rial (IES de Caldas)
Miguel Louzao Outeiro (IES Coroso-Ribeira)

15.3.09

Unha entrevista e catro recensións críticas

En Praza das Letras aparece unha entrevista comigo centrada, especialmente, en Un país a medio facer, pero tamén no futuro da cultura galega e no novo contexto político. Precisamente, sobre Un país a medio facer publicáronse recentemente catro recensións críticas: unha no Cartafol de libros, realizada por Manuel Rodríguez Alonso; outra no suplemento Culturas, de La Voz de Galicia (con entrevista), realizada por Ramón Nicolás; a terceira, no Faro da Cultura (Faro de Vigo), publicada por Pilar Ponte; e a cuarta, no Protexta, o suplemento de Cultura de Tempos Novos, feita por Xosé Carlos Hidalgo. A tod@s el@s, grazas polo seu labor.

7.3.09

A lingua de Feijoo

A Feijoo xa lle comeza a suar a lingua. ¡Vaia sarillo está montando con ela! Pobre, meteuse nunha boa. A min dame pena. Por min, nada: se resistimos 600 anos de represión contra o galego, imos resistir catro máis. El, a ver como sae desta. De primeiras, lento, porque o C6 corre menos que o Audi. Ademais (¡vaia metedura de zoca!) non se fabrica en Vigo, senon en París. ¡E xa levaba 3 anos de morro! E, por se fose pouco, os de Audi prométenlle guerra.

Magnífico comezo, señor Feijoo. ¡Canto lle súa a lingua! Tanto, que non sabe que facer con ela. A pesar de gabar aos seus aínda amigos de Galicia Bilingüe, Feijoo non as ten todas consigo, e é que a cousa é complicada. Por un lado, está a mobilización que a imposición do castelán que pretende Feijoo vai provocar, con importantes sectores de opinión en contra.

Por outra banda, a política lingüística de Feijoo a favor do castelán vai agravar seriamente a crise económica, pois lexislar contra o galego favorecendo o castelán (que iso e non outra cousa é a derogación dun decreto xusto e integrador e anunciar que a Xunta deixará de emitir só en galego a súas información oficial, coma se a Xunta fose o Gobierno de España, desoíndo o espírito do Estatuto de Autonomía) favorecendo o castelán –dicía– no ámbito da cultura (así parece no propio programa electoral do PP, e é algo que nunca se fixo na historia da democracia), debilitará considerablemente a industria cultural, musical, editorial galega, as empresas de tradución e asesoramento, a iniciativa privada no ámbito do ensino do galego, a industria de dobraxe, o audiovisual galego, o ámbito das novas tecnoloxías en galego, as empresas de comunicación na rede, o xornalismo en lingua galega, etc, etc, etc. E hoxe por hoxe, constitúen moitas empresas e moitos postos de traballo.

A lingua galega representa hoxe tamén a un sector económico dunha importancia que non se pode minusvalorar. ¿Quere Núñez Feijoo agravar a crise ou atallala? Parece que, ademais de agravar a situación de indefensión da lingua galega, quere tamén agravar a crise. Menos hipocresía, señor Núñez Feijoo, e sente a pensar un pouco.
¿Como pensará facer o futuro presidente da Xunta para que os pais e nais decidan a lingua das materias troncais dos seus fillos? ¿Obrigando ao profesorado galego-falante? Pensarao, pero non se van dobregar. De feito, xa se respira un estado de insumisión no tecido social máis dinámico e combativo do país ante esa ofensa que o PP está a dirixir aos dereitos dos galego-falantes, e contra o espírito integrador do decreto. O PP –empuxado por Galicia Bilingüe– opta por un modelo segregador: os galego-falantes por un lado e os castelán-falantes por outro, non vaia ser que se contaminen. Vaia pedagoxía de merda, desculpando.

Curiosamente, nin debe haber un só alumno galego-falante en Galicia que non saiba falar en castelán; en cambio, hai bastante s alumnos castelán-falantes que non saben falar en galego. ¿En que lado está o desequilibrio? , ¿quen ten a súa formación incompleta? Pois nada, a derogar o decreto e a que cada quen elixa a lingua que queira. Eu, se puidese, para min elixiría só swahili (que, por número de falantes, é un dos idiomas máis importantes do mundo).

¿E como pensará pagar a duplicidade de recursos? ¿Duplicando gastos para controlar a crise ou a costa dos dereitos dos galego-falantes outra vez?(Feijoo xa anunciou que duplicar non era posible)

Porque, se do que se trata é do dereito a elixir, os galego-falantes esiximos liñas educativas en galego para os nosos fillos, algo que nunca tivemos, por certo. Faltaría máis. Porque non somos menos (e ningún sentido, por certo). ¿Privatizará o PP as bilingüelas (antigas galescolas)? Cando se di que se vai gobernar para todos, hai que demostralos. E anular o decreto do galego é lexislar contra os máis desfavorecidos. Así de claro. Vai ter que pensar moito, o futuro presidente da Xunta, porque non somos poucos, non somos poucas, e –como cantaban os Diplomáticos de Monte Alto– temos forza abonda para tronzar o universo. Se resistimos 600 anos de represión, catro máis non son nada na inmensidade do universo. E van ser movidos.

3.3.09

Eleccións 2009, aproximación poética

Poema "Galicia", do meu libro Subversións (Edicións Xerais de Galicia, 2001). Vídeo gravado en novembro de 2008.