27.2.09

A imposición do galego (2)

—Universidade da Coruña: úsano o 10% dos profesores
—Universidades galegas: Ningunha chega ao 20% en galego e hai carreiras que exclúen o o galego ao 100%
—Profesorado de infantil de Galicia: 0 87,6% usa só ou máis o castelán.
—Medios de comunicación escritos: o galego ocupa o 9%
—Televisión: 1 das sete cadeas de TV emite en galego.
—Actuacións xudiciais (orais ou escritas): en galego o 8% (¡que xusta a xustiza!)
—Libros en galego nas librerías: o 15%
—Documentación dos corpos de seguridade do Estado: o galego é o 1%
—Estreas de cine, dvs e videoxogos: o galego non pasa do 1%

Fonte: Semanario A Nosa Terra, nº 1346

18.2.09

A política lingüística, no CIS

Os resultados da enquisa do CIS (Centro de Investigaciones Sociológicas) refrendan os dunha enquisa anterior, publicada polo diario Público, cuxas conclusións descataban que a actual política lingüística era unha das cuestións máis valoradas polos galegos e galegas entre todo o traballo realizado polo goberno bipartito. A nova enquisa, esta vez do CIS, dálle lexitimidade á política de igualación dos dereitos lingüísticos para o galego e o castelán. Por coherencia, a nova debería ser amplamente recollida na prensa galega, tendo en conta o espazo que os medios de comunicación lle dedicaron a un conflicto lingüístico anteriormente inexistente e agora fomentado por Galicia Bilingüe, asociación, por certo, que debe considerar unha cuestión estratéxica que a súa dirección asuma labores de comentarista(s) "anónimo(s)" (ver o primeiro comentario do artigo de opinión enlazado), empregando tamén o meu blog para expresarse.
A responsabilidade dos medios de información debe apuntar agora inequivocamente que cómpre darlle ampla cobertura a unha noticia tan excelente coma esta para este país e para a convivencia pacífica que sempre nos caracterizou con respecto ao emprego da lingua.

17.2.09

Facendo quilómetros

O pasado martes percorrín 500 quilómetros e atravesei as catro provincias para dar dúas charlas. A primeira, a última hora da mañá, no IES Leiras Pulpeiro de Lugo, onde fun falar de poesía e recitar algúns poemas de Poetízate. A instancias das profesoras, os rapaces elaboraron, por certo, un lúdico traballo sobre o libro.
A segunda, pola tarde, no Club de Lectura Balbordo, do IES Río Cabe, en Monforte, a onde acudín a falar de Cartas de amor ante un nutrido grupo de profesore@s.


15.2.09

As bruxas de Iolanda Zúñiga

¿Converteuse Iolanda Zúñiga nunha bruxa? ¿É peluda? ¿Teimuda? ¿Come samesugas?
Murmelbruxas descubre un aspecto descoñecido da escritora de Coruxo.
¿Aínda non lérades Vidas post-it? ¿Amor amén?
Pois agora tamén podedes escoitar o "Contraconxuro" na voz das bruxas máis bruxas de todas as bruxas.
Naceu Murmel e non van pasar desapercibidas.
Murmel son Lucía Vázquez, Iolanda Zúñiga, Mónica de Nut e Paco Dicenta.
Rabudas, malas e contestatarias.



13.2.09

Teño rede!!!!!!!

Estou tan impresionado, tan alporizado, tan incrédulo de que sexa verdade, de que poida navegar (aínda que só sexa por unhas horas) por este inmenso universo que é a rede, que non teño máis que palabras de agradecemento:

GRAZAS, DEUS TELEFÓNICA
GRAZAS, DEUS FENOSA


por permitirme este marabilloso luxo de poder navegar de cando en vez só pola módica cantidade que pago ao meus polo meu adsl.


(Corro a publicalo antes de que se apague a luz verde do meu router).
¡Seguro que algúns dos meus veciños tamén están embriagados pola emoción!

Non podo poñer un corpo de letra máis grande porque non me saen todas as ferramentas de blogger, pero iso non é nada ao lado deste inmenso privilexio que é navegar.

REPITO:

Grazas Fenosa
Grazas Telefónica

por permitirme este luxo que tiña prohibido desde hai 15 días só a cambio da modesta cantidade que me cobrades ao mes desde hai un lustro.
¡Son un privilexiado!!!!

4.2.09

Revolución emocional

Abril de 1983, os meus 20 anos aínda non cumpridos. Nicaragua, revolución emocional e sentimental. Anos máis tarde, metéuseme en Subversións (2001).









Con todo, e por desgraza, a revolución sandinista rematou así:

1.2.09

O PP contra o galego

Esta entrevista (pode escoitarse abaixo) que o voceiro da extrema dereita española e xornalista da COPE Federico Jiménez Losantos lle fai ao triste candidato do PP en Galicia, Alberto Núñerz Feijoo é terrible. Vemos a un Jiménez Losantos que, a través dunha selección manipulada e ben orientada de preguntas dos oíntes, presenta como verdade o acoso ao castelán en Galicia e pon ao dobregado Núñez Feijoo contra as cordas. Núñez Feijoo, que ultimamente se acompaña da galegófoba Corina Porro, deixa claro nesta entrevista que o PP galego asume os postulados da COPE madrileña e de Jiménez Losantos contra a lingua galega.

Estou seguro de que Feijoo non cre o que di. Non pode ser tan idiota. Está xogando a gañar algúns votos, pero quen xoga con lume acaba queimándose, porque os galegos e galegas non somos tontos. ¿De verdade cre Alberto Núñez Feijooo tanta mentira, tanta falacia, tanta intoxicación informativa, tanta maldade como a que sae da súa boca e do xornalista principal da cadea da igrexa católica?

Por certo, asegura Feijoo que se o PP chega ao poder o suprimiría inmediatamente as galescolas, o que en realidade sería contradictorio con esa liberdade de elección que din defender, pois ninguén obriga os nenos a ir ás galescolas. É unha elección libre. O PP demostra, unha vez máis, que non lle interesa loitar a favor dos dereitos das persoas ás que di defender senón negarnos os dereitos aos demais. ¿Acaso non é fascismo negar os dereitos aos outros? Eu téñoo moi claro, señor Feijoo. Só espero que caia vostede nun interminable pozo negro co resultado das eleccións. É o que merece. Vostede nin sequera dá a talla de político. É un perigoso manipulador que consinte a manipulación. E iso sobrepasa os límites da decencia política.