Amosando publicacións coa etiqueta Políticas Lingüísticas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Políticas Lingüísticas. Amosar todas as publicacións

17.5.10

Os bufóns celebrando o etnocidio

Ninguén dubida xa da nosa identidade, nin os inimigos da Lingua propia, que anque non a queiran nin a falen será sempre o galego. Repito: hai cousas que non as escolle un, escolleunas a historia.

Uxío Novoneyra, Os soños teimosos



O coitelo afundido na lingua
e os bufóns celebrando o etnocidio.

Paco Souto, As árvores do incesto

13.8.09

O futuro da lingua

Este é un artigo meu publicado en La Voz de Galicia, en maio de 2002. ¿Que cambiou nestes máis de sete anos? Que unha corrente minoritaria, moi rancia pero con moito poder político e económico, tratou de vehiculizar estas circunstancias en contra da lingua galega.

O futuro da lingua

Sexamos francos; a sociedade galega non se preocupa demasiado polo futuro da súa lingua. O da lingua, nin é un tema socialmente importante nin está nas cavilacións da maior parte dos cidadáns. E, á marxe dos pronunciamentos politicamente correctos, os últimos traballos de investigación (e, sobre todo, unha simple ollada á sociedade) demostran esa apatía dos galegos e galegas con respecto á sorte da súa lingua. Corenta anos despois de que Celso Emilio Ferreiro definise o galego como «lingua proletaria do meu pobo», e a pesar dos innegables avances, penden sobre ela case os mesmos prexuízos que daquela. Hoxe, e coa complicidade dunha TVG folclorizante, o galego segue estando maioritariamente asociado ás clases sociais máis desfavorecidas, ou aos perseverantes nacionalistas e aos profesores de galego. Ademais, a presión desgaleguizadora da escola resulta esmagadora. De feito, é extraño o neno ou nena que, logo de ser educado en galego, non sufra o abandono da súa lingua ao ser escolarizado: para non sentirse «distinto» acaba falando exclusivamente en castelán, mesmo cos seus pais.
Se algo se desprende de todo isto é que logo de vinte anos da posta en marcha da Lei de Normalización Lingüística, o balance non pode ser positivo. Ademais, no ámbito político prodúcese un feito dobremente perverso. Por unha banda, os partidos de configuración estatal autoexclúense da promoción e defensa da lingua galega, e déixanlle ao nacionalismo o campo libre. Por outra, e en consecuencia, o nacionalismo tende a unha perigosa patrimonialización do galego. Nestas circunstancias, os cidadáns acaban por asumir que hoxe a lingua, que pertence á identidade cultural de todos os galegos e galegas e non ten ideoloxía (as linguas non a teñen), é unha cuestión que só lle afecta ás persoas que se identifican politicamente co nacionalismo.
A pesar de todo, é certo que a nosa lingua ten vida para moitos anos. Pero unha cousa é a vida e outra a vitalidade. Por iso, para vitalizar e restituír socialmente o galego no lugar que lle corresponde é necesario un apoio participativo das e dos cidadáns e unha nova e decidida política lingüística, que implique a todos os sectores sociais, que teña obxectivos e seguimento e que neutralice os principais prexuízos da poboación. Mentres tanto, en torno ao 17 de maio, o Día das Letras Galegas, teremos que seguir falando da lingua en vez de facelo de literatura.

FRAN ALONSO

19.7.09

Nace Falantes

Nace FALANTES, Movemento polos dereitos lingüísticos. Longa vida e moitas iniciativas coma estas.
Por certo, alguén debería organizarse para inundar os medios de cartas a o director, como fan os que están contra o galego.
¿E non hai ninguén que se anime a facer camisetas con este texto?:
¿Ti tamén estás contra o galego?

Directas e con denuncia implícita.
Por certo, de que o manifesto Galego. Patrimonio da Humanidade volveu a duplicar os seus apoios esta semana, informa Brétemas. Os que están contra o galego, en cambio, só son catro, aínda que subvencionados polo Club Financiero e as FAES.

9.7.09

Abre a fiestra e déixate mollar

Fermosos vídeos a favor do galego en Balbordo, o blog do Equipo de Normalización Lingüística do IES Auga da Laxe de Gondomar.


Abre a fiestra


Déixate mollar

21.6.09

Iniciativa a prol do galego

Acabo de recibir este correo electrónico de María Reimóndez, baixo o asunto de "As ameazas son oportunidades":

Amigas e amigos:

Creo que a ninguén lle fai falta explicar a situación de gravidade extrema na que nos atopamos con respecto ao noso idioma e a nosa cultura. As persoas que me coñecedes sabedes que son pouco tendente a agoniar e moito máis tendente a actuar. Por iso creo que, despois de escoitar e observar tanto despropósito debemos deixar de agardar que outr@s fagan por nós e tomar a iniciativa. De aí a razón deste correo.

Hai xa días que veño escoitando voces que pensan o mesmo ca min (Rivas, Cordal, Fernández Paz, entre outr@s) e é que cómpre mobilizar á sociedade, sobre todo aquela galegofalante que mantivo ata o de agora a lingua viva pero que segue participando dos prexuízos que se instalaron con desprezo e co mecanismo terrible de facer sentir vergonza permanente do propio. É tempo de mobilizar ese grandísimo sector da poboación para calar mentiras e para desbloquear esta situación na que nos atopamos de agresión á lingua sen precedentes na democracia.

As ideas poderían ser moitas, envíovos a miña agardando que deste xermolo poidamos tirar os primeiros pasos para este grande movemento que precisamos. A miña idea (obviamente gandhiana) é que baixemos a pé de obra facer o que ninguén fixo: debater, falar, cambiar mentalidades. Así, gustaríame poder organizar convosco unha grande MARCHA POLA LINGUA que percorrese a partir de agosto, pouco a pouco, con accións de diversa índole, as aldeas e vilas de Galicia. O obxectivo da marcha sería establecer un diálogo verdadeiro, sen partidismos nin mediacións da prensa, coa cidadanía. Escoitando e tamén falando, desfacendo preconceptos e tentando reinstaurar o orgullo do propio dun/has galegofalantes longo tempo desprezad@s por parte de certos colectivos urbanos que agora toman a palabra. Concibo a marcha como un acto en positivo, no que debe de primar sobre todo o AGRADECEMENTO a todas as persoas que conservaron e conservan a lingua dunha forma anónima e sen as cales non poderiamos cantar, nin escribir, nin facer teatro, cine... Esas persoas se cadra precisan un recoñecemento para moverse, para sentir orgullo, para non asumir como sempre se nos dixo, que o galego é cousa “de pailáns”. Iso que tan ben saben repetir e amplificar con novos discursos dende as instancias de poder actual.

É hora de facernos valer tamén como xente que traballamos coa lingua dende diversas facetas. Todo o mundo é benvido e por iso me gustaría contar con vós, coas vosas ideas e arte para fomentar a conciencia crítica. Podemos utilizar centos de recursos que combinados poden cambiar este país, dende compartir e recoller música (mesturar cos novos estilos, co popular...) ou léxico ata facer da retranca o noso estandarte (podemos facer un enterro da lingua retranqueiro, publicar o seu obituario nos xornais que tanto fan por esmagala, contar contos), dar a coñecer á cidadanía os moitos logros que se fan dende o galego e que non se visibilizan. Xunt@s podemos chegar realmente á cidadanía, axitar a prensa que por unha vez se interesa desgraciadamente por este tema e falar coa nosa voz alta e clara.

Para comezar a cohesionar esta idea gustaríame que nos vísemos en Compostela o día 2 de xullo para comezar a andar, e debater as ideas base que queremos defender e como imos facelo. Dende o meu punto de vista, os obxectivos deberían centrarse en temas como:
-galegofalantes non somos minoría
-a democracia non é impoñer o que queren os colectivos con poder (sexan por razón de lingua, sexo, orientación sexual, relixión, clase, etc) senón crear un lugar onde todas as persoas poidan desenvolverse en igualdade
-a defensa do idioma galego non é unha imposición senón un dereito, sobre todo na educación e na administración.
-a única lingua que se impuxo e impón é o castelán
-o galego é riqueza, é pensar en diversidade fronte a un pensamento único que está directamente vinculado ao fascismo
-o galego únenos a miles de pobos dado que somos unha maioría a nivel mundial as persoas que vivimos en entornos plurilingües, por moito que pareza o contrario (de feito tende a dicirse que Portugal é o único país monolingüe polo menos de Europa e nós sabemos que nin iso é certo).

Gustaríame aclarar finalmente tamén que o meu papel en todo isto non é máis que o de tentar catalizar o que todas e todos nós queremos e podemos sen dúbida conseguir e o de se cadra dar os primeiros pasos no camiño. A miña experiencia no traballo en cooperación dime que esta é a vía do cambio, a que temos que seguir. E se non funciona prefiro polo menos dicir que o intentamos.

Se estades minimamente de acordo con todo isto e queredes dar as vosas ideas, participar, sacar a rabia que levamos dentro de xeito creativo, por favor contestade e espallade este correo. Contestade dicindo a que hora poderiades quedar o día 2 a ser posible antes do día 28 de xeito que poidamos buscar un lugar axeitado para vernos dependendo de canta xente sexamos. Porque as ameazas son tamén oportunidades, comecemos a andar o camiño da esperanza.

M

15.6.09

Insumisión nos centros coas enquisas

Algúns centros de ensino están actuando con verdadeira responsabilidade fronte á censura da Consellería de Educación, que pretende impoñer o castelán mantendo na desinformación ás nais e pais. A responsabilidade, neste caso, é sinónimo de insumisión, de rebeldía, pero tamén de xustiza, de saber antepoñer os principios éticos e pedagóxicos sobre a lei do silencio coa que a Xunta de Galicia espera resultados favorables á imposición do castelán a través dunhas enquisas xa previamente escoradas e manipuladas de abondo.

Este Conselleiro de Educación, apoiado por Feijoo, está metendo a pata ata o fondo, incrementando o malestar nos centros e dando por feito que se pode manter a todo o mundo na ignorancia da que el fai gala. Desde Cabrafanada, parabéns a todo o profesorado e aos equipos directivos que, con valentía, son quen de asumir a súa propia responsabilidade, aínda que sexa desobedecendo ordes propias dunha tiranía. Moitos parabéns. A continuación reproduzo un dos moitos textos que se están facendo circular.

10.6.09

En galego, por que non

Aínda non está na web da editorial Galaxia (non o podo enlazar), pero o pasado domingo tiven ocasión de devorar enteiriño este libro –estratéxico, sen dúbida– que acaba de publicar Manuel Núñez Singala na editorial que dirixe Víctor Freixanes: En galego, por que non? Contra os prexuízos e as simplificacións sobre a lingua galega. Un libro fresco, útil, necesario, ameno e ben escrito. Sen dúbida, será un libro fundamental para contrarrestar os moitos prexuízos aínda vivos sobre a lingua galega e que algúns, interesadamente, teiman en perpetuar. Non cabe máis que darlle moitos, moitos parabéns ao seu autor.

Recoméndoo vivamente, para todos os públicos e idades, aínda que está dirixido especialmente a combatir os prexuízos sobre o galego entre a mocidade. O capítulo sobre a imposición do galego debería ser de lectura obrigatoria para os conselleiros do PP (moi especialmente para o de Educación).

O libro de Singala sae nunha nova colección que a Galaxia dedica á Intervención social e á didáctica e dentro da campaña Bocaberta que a editorial fai en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, cando aínda estaba en Presidencia. Este é o texto da súa contraportada:

"En galego, por que non? é un libro escrito desde a lóxica máis esmagante, desde o sentido común máis evidente. É un libro para pensar sobre o galego e sobre as nosas actitudes fronte á lingua de Nós. A través de exemplos moi concretos e doados de entender, asistiremos a un exercicio de derruba dos prexuízos e as simplificacións que seguen tendo, arredor da lingua, un eco notable na opinión pública. Un libro para entendermos que optar polo galego (por que non?) non é algo antigo, nin errado, nin minoritario, nin, desde logo, algo propio de radicais ou de intelectuais desconectados da realidade social".

14.5.09

O nomeamento de Anxo Lorenzo reabre a esperanza

O nomeamento do profesor da Universidade de Vigo e sociolinguista Anxo Lorenzo como Secretario Xeral de Política Lingüística é unha moi boa noticia para a lingua galega, e reabre a esperanza nunha situación crítica para o debate sobre a normalización do galego, crispado e manipulado polo PP durante a campaña electoral. Especialista en planificación lingüística, experto no asunto do cargo para o que é nomeado e irreprochable defensor da lingua galega, Anxo Lorenzo ten que enfrontarse a unha difícil situación de derrogación do decreto. Non dubido de que a súa aceptación do cargo supón un acto de valentía ao tempo que un revés para os sectores antigaleguistas do PP e para certa asociación de cuyo nombre no quiero acordarme. De feito, para contentalos, hoxe mesmo Feijoo fixo ridículas declaracións para a galería.
Unha das maiores dificultades para o novo responsable de Política Lingüística será o seu propio xefe, o Conselleiro de Educación, que sintoniza cos bilingües en español, tal e como se pode ver nesta interesante análise de Xornal.com e tal e como se pode entrever no meu post anterior. Segundo os medios, Anxo Lorenzo recibiu de Feijoo garantías de libre actuación. Esperemos que sexa así. En calquera caso, polo ben da lingua, esperemos que teña moita sorte e que algúns lle boten unha man, por riba de intereses partidistas. A lingua é de todos. E só entendéndoo así lograremos devolverlle o papel que lle corresponde. Eu, o domingo, tamén estarei na manifestación para defender o que é de xustiza.

Actualización 23:06 h. Vexo que a man que lle botan é, coma sempre, ao pescozo. ¡Que triste que lle chamen "verdugo" e "lobo con pel de ovelliña" antes mesmo de que tome posesión! Un día haberá que analizar nun estudo rigoroso o dano que lle fai á perpeción social da lingua a instrumentalización política das organizacións que, teoricamente, a defenden. Eu, hoxe, brindo polo nomeamento de Anxo Lorenzo. E se o PP non lle dá marxe de manobra, ten na súa man a posibilidade de dimitir e quedaralle a fachenda de quen foi valente e o intentou nas circunstancias máis difíciles. E o domingo irei á manifestación, e non precisamente seducido polos convocantes senón a pesar deles.

25.3.09

Equipos de Normalización dos Centros de Ensino

Recibín o seguinte correo electrónico, que reproduzo:

Ao coidado dos responsables e membros dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística do centros de Ensino Infantil, Primario e Secundario.

Ola a todos/as:

Somos un grupo de persoas que está a traballar en ENDL de diferentes centros de Ensino da zona de Santiago que nos xuntamos para falarmos de como podemos afrontar a nova situación canto á normalización da nosa lingua. Dado que as cousas van mudar, e parece que non para ben, consideramos que é necesario transmitirlle á sociedade e ao novo goberno o que pensamos ao respecto dos cambios anunciados. Por iso vos convocamos a unha reunión que se celebrará o vindeiro sábado 28 de marzo ás 16.30 da tarde no Instituto Galego de Información (IGI) (San Marcos, Estrada do Aeroporto, ao pasar o Hotel Apóstol Santiago). O obxectivo da reunión é o seguinte:

-Avaliarmos a posibilidade de facermos pública a nosa posición canto ao Decreto 124/2007, que se quere derrogar. Levaremos un texto base para consensuarmos antes de mandalo aos medios. Sería un texto de carácter técnico, como normalizadores que somos, e para nada incompatible con outros posicionamentos que poidan facer outras organizacións sociais e políticas que fagan algo ao respecto.

-Pensarmos na posibilidade de crearmos unha Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística para actuar colectivamente a prol da nosa lingua tanto a nivel particular, nos nosos centros, como en xeral, na sociedade.

Por favor, comunicádelle esta convocatoria a todos cantos membros dos ENDL coñezades, e que polos motivos que foren non leron esta información.
Agardamos contar coa vosa asistencia para entre todos poder traballar para conseguir obxectivos normalizadores.
Por favor, confirmade asistencia.

Saúdos a todos/as,

Román Landín Cerqueiro (CEIP Aurelio-Cuntis)
Valentina Formoso Gosende (IES Félix Muriel- Rianxo)
Xesús Mosquera (CRA de Santa Comba)
Luís Aldegunde (CEIP de Rois)
Sara Paz (CEIP da Baña)
Pila Buela (IES de Valga)
Gracia Sanctorum (IES Pintor Colmeiro-Silleda)
Sechu Sende (IES Marco do Camballón-Vila de Cruces)
Daniel Asorei (CEIP de Touro)
Xoán Constenla (CEIP de Portas)
Ana Rial (IES de Caldas)
Miguel Louzao Outeiro (IES Coroso-Ribeira)

18.2.09

A política lingüística, no CIS

Os resultados da enquisa do CIS (Centro de Investigaciones Sociológicas) refrendan os dunha enquisa anterior, publicada polo diario Público, cuxas conclusións descataban que a actual política lingüística era unha das cuestións máis valoradas polos galegos e galegas entre todo o traballo realizado polo goberno bipartito. A nova enquisa, esta vez do CIS, dálle lexitimidade á política de igualación dos dereitos lingüísticos para o galego e o castelán. Por coherencia, a nova debería ser amplamente recollida na prensa galega, tendo en conta o espazo que os medios de comunicación lle dedicaron a un conflicto lingüístico anteriormente inexistente e agora fomentado por Galicia Bilingüe, asociación, por certo, que debe considerar unha cuestión estratéxica que a súa dirección asuma labores de comentarista(s) "anónimo(s)" (ver o primeiro comentario do artigo de opinión enlazado), empregando tamén o meu blog para expresarse.
A responsabilidade dos medios de información debe apuntar agora inequivocamente que cómpre darlle ampla cobertura a unha noticia tan excelente coma esta para este país e para a convivencia pacífica que sempre nos caracterizou con respecto ao emprego da lingua.

31.7.08

Hable bien



Reprodución do folleto Hable bien, impreso en 1942 na Coruña e distribuído para reprimir o uso da lingua galega durante o franquismo. Actual imaxe de cuberta do libro A represión lingüística en Galiza no século XX (Xerais, 2008)

31.5.08

Entrevista a Joaquim Arenas (2)

Continúo extractando a entrevista a Joaquim Arenas.


—En Cataluña existen certos grupos contrarios á inmersión. ¿Cal é a súa importancia?
—Non se pode falar de núcleos. Son un certo número de persoas, absolutamente minoritarios, que conectaron con estes círculos intelectuais reaccionarios da capital do estado, que descubriron que certos medios de comunicación da capital os recibían cos brazos abertos, e que dispoñen dun certo asesor xurídico cunha historia proverbial contra o catalán. O preocupante non é, polo tanto, que existan estes grupos, que teñen dereito a existir, e que se queren o ensino en castelán na primeira ensinanza débeno ter, como di o estatuto, senón que o problema está en que estes grupos tiveron unha resonancia desproporcionada nesa prensa que antes citei, e isto supuxo dar unha imaxe de Cataluña absolutamente equívoca.


—Se cadra hoxe en día convén afondar no espírito de superación do bilingüismo.
—O bilingüismo, dito así, bilingüismo en español, non lle interesa a ninguén. Tan só ós que o defenden. ¿Por que? Porque neste tipo de bilinguismo considérase que tódalas comunidades que teñen lingua propia han de ter bilinguismo unidireccional cara ó castelán. Daquela, cando se fala de bilinguismo en español debemos esquecer este termo. Se falásemos de bilinguism en catalán, a cousa cambia, porque nós entendemos o bilingüismo como coñecemento de linguas: desexamos ser plurilingües, como os europeos. O que busca o bilinguism é bo. Pero o bilingüismo pretendido é un engano. A miña opinión persoal é que cómpre abandonar o concepto bilingüismo, que está caduco. Habemos construír un futuro plurilingüe partindo dunha lingua como punto de referencia, que sexa de cultura e expresión, básica, e que tódalas demais dependan desta lingua. Dito doutra maneira, e para que se entenda ben, hemos ser monolingues coa aprendizaxe doutras linguas. Así e todo, que conste que isto é unha reflexión persoal que eu non aplico no meu traballo.

29.5.08

Entrevista a Joaquim Arenas

No ano 1994 fíxenlle unha entrevista, para a Revista Galega de Educación, a Joaquim Arenas, daquela director do Servicio do Ensino do Catalán da Generalitat e responsable do proceso de inmersión lingüística. Algúns anos despois, coincidín con el nunha viaxe do Bureau Européen pour les Langues Moins Répandues que nos levou ao sur de Italia, a unha zona en que se fala unha lingua chamada griko, zona á que acudiamos como observadores.
Hoxe, reproduzo parcialmente en Cabrafanada aquela entrevista porque me parece de moito interese e actualidade para a situación do galego no ensino. O discurso da inmersión lingüística segue a ser dunha grande consistencia teórica e pedagóxica.


—¿En que consiste a inmersión lingüística?
—A inmersión lingüística é o metodo de aprendizaxe precoz polo cal un neno aprende unha segunda lingua, na cal é educado e instruído. A inmersión constitúe un proxecto didáctico de ensino da lingua, proxecto que é bilingue, e polo tanto ten cabida nel, en certa proporción, a lingua do fogar para nenos de lingua dominante.

—¿Por que a inmersión lingüística vai dirixida precisamente ós nenos castelán-falantes?
—Porque os castelán falantes son os únicos alumnos que ó se incorporaren ó ensino en Cataluña non coñecen o catalán. Os demais alumnos, de familia catalano parlante, coñecen o catalán e o castelán, e polo tanto non ten sentido aplicarlles a inmersión lingüística para ningún dos dous idiomas, nin para o catalán nin para o castelán. A realidade idónea da inmersión é a do descoñecedor do idioma, e a súa aplicación non é exclusiva do catalán: a inmersión serve para o francés, para o inglés, etc.

—¿Cales son os obxectivos da inmersión?
—O obxectivo da inmersión é que o neno consiga unha competencia lingüística e comunicativa que lle permita desenvolverse canto antes tanto na lingua nova como na lingua familiar que xa coñece e que tamén activa na escola.

—¿Que tipo de didáctica se aplica na inmersión lingüística en Cataluña?
—Fixemos unha grande aportación a como debía facerse a inmersión. Formamos mestres, asesores, especialitas para a inmersión, publicamos unha bibliografía e material que supera os 150 libros, cada vez máis riguroso. Todo isto constitúe a grande aportación que fixo a inmesión catalana á inmersión universal.
Elaboramos un programa amplo, vasto, con variantes importantísimas, como a súa propia promoción: explicar o programa. É trascendental que un concelleiro calquera, por exemplo, saiba en que consiste un programa de inmersión, como se vai aplicar, que factores o compoñen, como tamén é trascendental darlles información e formación técnica ós mestres e proporcionarlles un asesoramento lonxitudinal ó longo de todo o curso, ou informar ós pais e facerlos partícipes deste programa que é un proxecto educativo para os seus fillos. Tratábase de concienciar a tódolos implicados.
A avaliación anual dos coñecementos dos nenos e os estudios de rendemento puntual de lóxica matemática, de catalán e castelán cada tres ou catro anos son outra particularidade importante do programa. Ademais, a inspección informa anualmente sobre o rendemento dos programas en concreto, polo tanto cremos que é un programa que ten as suficientes garantías, base científica e modelo didáctico abondo como para obter os resultados que obtén.

—¿Na escola prodúcese unha comunicación fluída entre os rapaces e os mestres durante a inmersión lingüística?
—No método de inmersión é imprescindible a comunicación neno-mestre. A importancia desa comunicación vén dada porque o mestre fala unha lingua que o neno non sabe. Pero a lingua non é a única vía de comunicación: existen estratexias que se basean sobre todo na afectividade, na mímica, ou que utilizan certos tipos de expresións e frases en catalán moi simples e semellantes ó castelán, para que o neno entenda. Pois ben, tamén practicamos unha estratexia que consiste en usar un elemento foráneo á clase. Para esta estratexia disponse dun títere, ou dun animal de peluche, ou dun calcetín en forma de gusano. Ese boneco intervén cando existen necesidades apremiantes de comunicación e exprésase en castelán, na lingua do neno. A mestra faino falar en castelán cunha voz diferente, comentando co neno aquilo que en catalán non entendía. Trátase dunha estratexía moi simple pero dunha grande productividade pedagóxica. ¿Por que non llo pode dicir directamente a mestra en castelán? Pensa que no programa de inmersión se produce un cambio da lingua da casa por unha lingua da escola, que para o neno é segunda. Pero na escola a segunda do neno é a primeira, e a primeira do neno é a segunda. Existe un cambio de lingua e daquela hai que evitar que se produza unha disfunción na comunicación. Se o mestre falase en castelán o neno despistaríase, porque a virtude do programa de inmersión consiste precisamente na contextualización. O mestre sempre fala en catalán, e o neno non, o neno vai facendo pouco e pouco o seu proceso adquisitivo e, cando lle parece, introduce unha palabra en catalán. Normalmente, ó cabo de ano e medio comeza a falar en catalán. Pero sen que ninguén lle diga nunca que fale en catalán.

—Nese sentido, a inmersión é un método pedagóxico moderno.
—Como inversión educativa éo, pero o sistema en bruto é unha obra de ofebrería, porque se foi perfeccionando e ten unha base científica colosal, baseada en estudios –non en hipóteses senón en teses confirmadas da psicolingüística, da pedagoxía, da socioloxía– e tamén baseada nos resultados obtidos. E, sobre todo, baseada na metodoloxía aplicada que son as didácticas. Pero o principio de inmersión xa se aplicaba en tempos dos romanos, que tiñan escravos gregos para que pasasen o día acompañando ós seus fillos e lles falasen en grego, porque así aprendían unha lingua, o grego, que tiña un prestixio cultural superior ó do latín. Polo tanto alí practicábase unha inmersión. E cando eu era un neno –antes de saber que existía a palabra inmersión– observaba procesos de inmersión que se practicaban en Cataluña cos nenos de familias burguesas, que tiñan as súas mademoiselles, as súas miss, as súas fräulein que os acompañaban e lles falaban no idioma correspondente de cada unha. E os nenos axiña distinguían cando se tiñan que referir a elas en inglés, francés ou alemán. Ora ben, unha cousa é programa de aprendizaxe de linguas caseiro, e outra cousa diferente é a planificación dunha educación que se sirve da inmersión lingüística.

22.5.08

Lingua

Reproduzo extractos de distintos artigos de opinión que publiquei, en varios medios de comunicación e en distintos anos, en defensa da lingua galega.

Sexamos francos; a sociedade galega non se preocupa demasiado polo futuro da súa lingua. O da lingua, nin é un tema socialmente importante nin está nas cavilacións da maior parte dos cidadáns. E, á marxe dos pronunciamentos politicamente correctos, os últimos traballos de investigación (e, sobre todo, unha simple ollada á sociedade) demostran esa apatía dos galegos e galegas con respecto á sorte da súa lingua. (...)

No ámbito político prodúcese un feito dobremente perverso. Por unha banda, os partidos de configuración estatal autoexclúense da promoción e defensa da lingua galega, e déixanlle ao nacionalismo o campo libre. Por outra, e en consecuencia, o nacionalismo tende a unha perigosa patrimonialización do galego. Nestas circunstancias, os cidadáns acaban por asumir que hoxe a lingua, que pertence á identidade cultural de todos os galegos e galegas e non ten ideoloxía (as linguas non a teñen), é unha cuestión que só lle afecta ás persoas que se identifican politicamente co nacionalismo.

2002



Os responsables políticos do novo Plan de Normalización Lingüística insisten reiteradamente en que o galego ten que ser unha lingua “amable”. Eu, por suposto, estou convencido de que ningunha política lingüística pode ser nunca plantexada en termos de confrontación; e tamén sei, como filólogo, que as linguas, salvando os tópicos, non poden ser “amables”, pois esa é unha cualidade humana da que as linguas carecen. Potencialmente, todas as linguas son exactamente iguais e somos as persoas as que lles imprimimos os nosos valores e as nosa ideoloxía. Pero xa que se insiste tanto na necesidade desa “amabilidade” do galego, quixera dicir que a min, como galego-falante, me gustaría observar tamén a personificación da amabilidade na outra lingua, o castelán, coa que convivimos día a día, por veces invandínonos espacios aos galego-falantes que non existen para a lingua galega. (...)

Así que, se puidese sumarme a esa equivocación de atribuirlle cualidades humanas a unha lingua, diría que me gustaría que o castelán fose máis amable comigo, por exemplo, no ámbito da banca; ou no ámbito xudicial; ou no ámbito da informática; ou cando a publicidade me apabulla en castelán, incluso na TVG; ou cando vexo que ninguén se atreve a presentar o seu currículo vitae en galego por medo a ser rexeitado no mercado laboral; ou cando só atopo vídeos e DVDs en castelán pero non en galego para as miñas fillas. (...)

2004


A lingua galega está hoxe no momento se cadra máis delicado da súa historia. Aínda que exista un marco legal que a favoreza, a realidade só mostra este rostro tanxible: unha velocísima perda de falantes. (...)

Ante todo, faise imprescindible cambiar o discurso, tensionándoo cando sexa preciso, e modificar a percepción social sobre a normalización lingüística para establecer unha acción positiva decidida e compensatoria con respecto ao castelán. E logo, planificar con imaxinación, solidez e coordinación un deseño global de actuación que reinvente unha política lingüística creativa e innovadora, que procure modelos exitosos noutros lugares, e que non esqueza avaliar resultados (o que nunca se fixo anteriormente). Unha nova política lingüística, con ser vertical, debe procurar a implicación social, asociando a lingua galega á sociedade multilingüe do futuro, ás novas tecnoloxías e, sobre todo, ao ensino, que é onde se dirime a auténtica batalla do futuro da nosa lingua.
Do que se trata, en definitiva, é de aplicar unha política comprometida, moderna, eficaz e coherente. Só así evitaremos, como galegas e galegos, ser cómplices dese mundo culturalmente homoxéneo que nos ameaza.

2005



A cambiante e nova posición do PP con respecto ao decreto do galego no ensino é profundamente perversa: primeiro din que si a un decreto que leva a impronta dos cambios que eles mesmos propuxeron e logo empregan a lingua como arma electoral de enfrontamento e crispación. E, por se fose pouco, subverten o discurso, acusando ao goberno da Xunta de crear o conflito. A posición do PP é dunha hipocresía enorme, porque a política educativa da época de Manuel Fraga (decreto 217/95) non logrou nin por aproximación garantir o mesmo dominio das dúas linguas por parte dos estudantes galegos, que era o que se pretendía. Aquel decreto establecía a cifra de referencia do 30% do ensino galego e, en consecuencia, quedaba o 70% para o castelán. Durante todos os seus longos anos de goberno, o PP impuxo a falacia do «bilingüismo harmónico», e nunca se preocupou de denunciar a evidente imposición do castelán, cuxa superioridade no ensino era esmagadora. Agora que o actual decreto establece unha cifra de referencia do 50% do ensino en galego, entón si, o PP denuncia a imposición lingüística do galego a través dunha mensaxe manipuladora, falsa e perversa.
O curioso é que o PP actúa en contra dos propios dereitos lingüísticos dos seus votantes tradicionais, galegofalantes, a fin de dar acubillo a un novo e minoritario sector urbano acomodado que é moi belixerante contra o galego e profundamente insolidario coa situación desventaxosa en que viven os galego-falantes.

2007

20.10.07

Política lingüística

Estes son os datos:

1992: o galego é a lingua inicial do 60,3 % da poboación (lingua maioritaria de adquisición primaria).

2004: o galego é a lingua inicial do 35,7 % da poboación (lingua en que o individuo aprendeu a falar).

Desa porcentaxe do 35,7% do ano 2004, un 20,6% aprendeu a falar "só en galego" e un 15,1% aprendeu a falar "máis en galego que en castelán". Pola contra, o 62,1% dos galegos aprendeu a falar única ou preferentemente en castelán.

¡Só doce anos despois!

¿Que pasará co galego dentro doutros doce?

Procedencia dos datos: Mapa sociolingüístico de Galicia 2004. Vol. I: Lingua inicial e competencia lingüística en Galicia. A Coruña : RAG, 2007. Recén publicado.


28.5.07

A lingua galega na mocidade

Grazas ao enlace de Brétemas, puiden ver o documental Linguas cruzadas, feito para a TVG por María Yañez e Mónica Ares. Interesantísmo. Ninguén preocupado pola situación do galego hoxe nas novas xeración pode deixar de velo. Un documento excepcional, con inestimables aplicacións didácticas. Imprescindible para entender a situación sociolingüística de Galicia e a actitude das novas xeracións con respecto á lingua galega.

11.3.07

Normalización Lingüística

Non hai dúbida: a polémica obra de títires que a empresa Mekané Didáctica puxo en marcha no Verbum para favorecer a concienciación dos rapaces e rapazas a prol do galego constitúe unha metedura de pata de primeira liña e denota moi pouca sensibilidade por parte dos seus responsables con respecto ao que debe ser a normalización lingüísitica. As persoas que militamos na defensa da lingua galega tamén debemos mostrar a nosa discrepancia. É máis, as persoas que defendemos o galego sempre fuximos da confrontación porque sufrimos os seus efectos a diario, e sabemos que promovela non beneficia en nada á normalización lingüística nin á convivencia. A retirada da obra Os Barballocas, os salvadores da língua é unha boa nova para tod@s. Curiosamente, a súa programación foi permitida e asumida polo Concello de Vigo, gobernado polo PP, que demostra día a día a súa falta de criterio.
Desde logo, as persoas que montaron este proxecto teatral ignoran cal é o camiño e o sentido da normalización lingüística do galego, e o argumento da obra en cuestión é dun simplismo patético que, non se pode negar, mostra actitudes discriminatorias cara aos castelán falantes. As persoas que defendemos o galego e o falamos consciente e orgullosamente na nosa vida diaria sabemos que en ningún caso existen linguas boas e linguas malas, que todas son iguais por natureza (aínda que, por condición, ante a lei o galego siga sendo discriminado a cotío), como tamén sabemos que non existen persoas boas ou malas por falar nunha ou noutra lingua.
Xa que logo, súmome á condena sobre os desacertados contidos da obra infantil de Mekané Didáctica.
Ademais, as linguas son simplemente un instrumento de comunicación e a canle expresión dunha comunidade determinada ao que tempo constitúen un dos máis ricos patrimonios culturais do universo, incluída a lingua galega, a pesar dos provincianos que aínda hoxe pensen o contrario e afirmen que non é válida como lingua universal de acceso ao saber planetario. Sexa cal sexa a lingua que unha persoa fale, constitúe unha barbaridade que discriminala por ese feito.
Xa que logo, a denuncia pública feita por esa asociación ligada ao PP e chamada Vigueses por la Libertad ten lóxica. Ora, esa asociación é precisamente das que noutras ocasións crean discordia, confrontación e militan contra os dereitos dos galego-falantes e contra a propia lingua galega, respondendo ao espírito de crispación creado polo aznarismo. Sería moi positivo que esta asociación ampliase as suas denuncias exactamente coa mesma contudencia (non me explico os motivos polos que non o fan) a todos aqueles casos en que os dereitos dos galego-falantes son sistematicamente violados, desde o incumprimento do decreto de normalización lingüística nos centros de ensino que habilita aos alumnos para ter igual competencia nas dúas linguas, até o rexeitamento do galego nos xulgados (a min, por exemplo, impedíronme cubrir o Libro de Familia en galego en Vigo cando naceu a miña filla), sen esquecer a cotiá discriminación que sofren os galego-falantes nas entrevistas de traballo, por poñer tres exemplos simples. E, nese camiño, os Vigueses por la libertad, aínda teñen moito traballo que facer se queren convencernos de que son unha organización democrática e plural e que lles interesa de verdade a liberdade de tod@d e non só a súa. Por desgraza, en xeral carecen de credibilidade porque a súa liña aseméllase demasiado a outras.

18.2.04

Desgaleguización

O Director Xeral de Política Lingüística, eludindo a súa responsabilidade e a dos centros docentes, asegura que o problema da desgaleguización da mocidade, da perda do idioma, está nas familias. Efectivamente, está nas familias. Ten toda a razón o señor González Moreiras. Tamén o problema da violencia doméstica está nas familias. Pero iso non quita que haxa lexislar decididamente para erradicala. Pois co idioma pasará o mesmo, ¿ou non? Haberá que lexislar a favor do galego. Senón ¿para que é a política? ¿Para que cobra o Director Xeral de Política Lingüísitica?