21.6.09

Iniciativa a prol do galego

Acabo de recibir este correo electrónico de María Reimóndez, baixo o asunto de "As ameazas son oportunidades":

Amigas e amigos:

Creo que a ninguén lle fai falta explicar a situación de gravidade extrema na que nos atopamos con respecto ao noso idioma e a nosa cultura. As persoas que me coñecedes sabedes que son pouco tendente a agoniar e moito máis tendente a actuar. Por iso creo que, despois de escoitar e observar tanto despropósito debemos deixar de agardar que outr@s fagan por nós e tomar a iniciativa. De aí a razón deste correo.

Hai xa días que veño escoitando voces que pensan o mesmo ca min (Rivas, Cordal, Fernández Paz, entre outr@s) e é que cómpre mobilizar á sociedade, sobre todo aquela galegofalante que mantivo ata o de agora a lingua viva pero que segue participando dos prexuízos que se instalaron con desprezo e co mecanismo terrible de facer sentir vergonza permanente do propio. É tempo de mobilizar ese grandísimo sector da poboación para calar mentiras e para desbloquear esta situación na que nos atopamos de agresión á lingua sen precedentes na democracia.

As ideas poderían ser moitas, envíovos a miña agardando que deste xermolo poidamos tirar os primeiros pasos para este grande movemento que precisamos. A miña idea (obviamente gandhiana) é que baixemos a pé de obra facer o que ninguén fixo: debater, falar, cambiar mentalidades. Así, gustaríame poder organizar convosco unha grande MARCHA POLA LINGUA que percorrese a partir de agosto, pouco a pouco, con accións de diversa índole, as aldeas e vilas de Galicia. O obxectivo da marcha sería establecer un diálogo verdadeiro, sen partidismos nin mediacións da prensa, coa cidadanía. Escoitando e tamén falando, desfacendo preconceptos e tentando reinstaurar o orgullo do propio dun/has galegofalantes longo tempo desprezad@s por parte de certos colectivos urbanos que agora toman a palabra. Concibo a marcha como un acto en positivo, no que debe de primar sobre todo o AGRADECEMENTO a todas as persoas que conservaron e conservan a lingua dunha forma anónima e sen as cales non poderiamos cantar, nin escribir, nin facer teatro, cine... Esas persoas se cadra precisan un recoñecemento para moverse, para sentir orgullo, para non asumir como sempre se nos dixo, que o galego é cousa “de pailáns”. Iso que tan ben saben repetir e amplificar con novos discursos dende as instancias de poder actual.

É hora de facernos valer tamén como xente que traballamos coa lingua dende diversas facetas. Todo o mundo é benvido e por iso me gustaría contar con vós, coas vosas ideas e arte para fomentar a conciencia crítica. Podemos utilizar centos de recursos que combinados poden cambiar este país, dende compartir e recoller música (mesturar cos novos estilos, co popular...) ou léxico ata facer da retranca o noso estandarte (podemos facer un enterro da lingua retranqueiro, publicar o seu obituario nos xornais que tanto fan por esmagala, contar contos), dar a coñecer á cidadanía os moitos logros que se fan dende o galego e que non se visibilizan. Xunt@s podemos chegar realmente á cidadanía, axitar a prensa que por unha vez se interesa desgraciadamente por este tema e falar coa nosa voz alta e clara.

Para comezar a cohesionar esta idea gustaríame que nos vísemos en Compostela o día 2 de xullo para comezar a andar, e debater as ideas base que queremos defender e como imos facelo. Dende o meu punto de vista, os obxectivos deberían centrarse en temas como:
-galegofalantes non somos minoría
-a democracia non é impoñer o que queren os colectivos con poder (sexan por razón de lingua, sexo, orientación sexual, relixión, clase, etc) senón crear un lugar onde todas as persoas poidan desenvolverse en igualdade
-a defensa do idioma galego non é unha imposición senón un dereito, sobre todo na educación e na administración.
-a única lingua que se impuxo e impón é o castelán
-o galego é riqueza, é pensar en diversidade fronte a un pensamento único que está directamente vinculado ao fascismo
-o galego únenos a miles de pobos dado que somos unha maioría a nivel mundial as persoas que vivimos en entornos plurilingües, por moito que pareza o contrario (de feito tende a dicirse que Portugal é o único país monolingüe polo menos de Europa e nós sabemos que nin iso é certo).

Gustaríame aclarar finalmente tamén que o meu papel en todo isto non é máis que o de tentar catalizar o que todas e todos nós queremos e podemos sen dúbida conseguir e o de se cadra dar os primeiros pasos no camiño. A miña experiencia no traballo en cooperación dime que esta é a vía do cambio, a que temos que seguir. E se non funciona prefiro polo menos dicir que o intentamos.

Se estades minimamente de acordo con todo isto e queredes dar as vosas ideas, participar, sacar a rabia que levamos dentro de xeito creativo, por favor contestade e espallade este correo. Contestade dicindo a que hora poderiades quedar o día 2 a ser posible antes do día 28 de xeito que poidamos buscar un lugar axeitado para vernos dependendo de canta xente sexamos. Porque as ameazas son tamén oportunidades, comecemos a andar o camiño da esperanza.

M

1 comentario:

  1. E onde pode un anotarse á iniciativa? (Se é que se pode e segue en pé).

    ResponderEliminar