10.6.09

En galego, por que non

Aínda non está na web da editorial Galaxia (non o podo enlazar), pero o pasado domingo tiven ocasión de devorar enteiriño este libro –estratéxico, sen dúbida– que acaba de publicar Manuel Núñez Singala na editorial que dirixe Víctor Freixanes: En galego, por que non? Contra os prexuízos e as simplificacións sobre a lingua galega. Un libro fresco, útil, necesario, ameno e ben escrito. Sen dúbida, será un libro fundamental para contrarrestar os moitos prexuízos aínda vivos sobre a lingua galega e que algúns, interesadamente, teiman en perpetuar. Non cabe máis que darlle moitos, moitos parabéns ao seu autor.

Recoméndoo vivamente, para todos os públicos e idades, aínda que está dirixido especialmente a combatir os prexuízos sobre o galego entre a mocidade. O capítulo sobre a imposición do galego debería ser de lectura obrigatoria para os conselleiros do PP (moi especialmente para o de Educación).

O libro de Singala sae nunha nova colección que a Galaxia dedica á Intervención social e á didáctica e dentro da campaña Bocaberta que a editorial fai en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, cando aínda estaba en Presidencia. Este é o texto da súa contraportada:

"En galego, por que non? é un libro escrito desde a lóxica máis esmagante, desde o sentido común máis evidente. É un libro para pensar sobre o galego e sobre as nosas actitudes fronte á lingua de Nós. A través de exemplos moi concretos e doados de entender, asistiremos a un exercicio de derruba dos prexuízos e as simplificacións que seguen tendo, arredor da lingua, un eco notable na opinión pública. Un libro para entendermos que optar polo galego (por que non?) non é algo antigo, nin errado, nin minoritario, nin, desde logo, algo propio de radicais ou de intelectuais desconectados da realidade social".

1 comentario:

  1. Eu lin un libro que reflicte moi ben o idioma "por dentro": Falar galego, no veo por qué; de Ana Iglesias.
    Todo esforzo é útil para coñecer mellor a situación e facer o tratamento axeitado.

    ResponderEliminar