Amosando publicacións coa etiqueta Europa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Europa. Amosar todas as publicacións

21.9.16

Europa, pobre Europa

Sempre hai acontecemento que che evocan os teus propios versos. Se cadra, porque aínda che latexan no cerebro. Desde logo, iso é o que me pasou co referendo do brexit en Gran Bretaña.
Europa, pobre Europa, pensei aqueles días entristecido. E lembro o poema que publiquei en 2001, hai xa quince anos, titulado «A guerra, vertedeiro abaixo», que pertence ao meu libro Subversións:

 (...)
Europa, pobre e vella europa, que devoras os teus fillos
entanto falas de unión: pobre vella, europa, que lles pechas
as portas aos que veñen nas pateras e ábreste de pernas
para que te penetren con hamburguesas brancas de
Manhattan.
(...)

Certo, esa Europa, esa é a Europa triste, cada vez máis triste, que coñecemos. E esa é a Europa que, lamentablemente, quixemos. Non é, desde logo, a que eu quixen, nin contribuín nunca co meu voto a configurar; pero... é a Europa deseñada polos gobernos que os europeos e europeas elixiron ao longo destes anos.

Eu son profundamente europeísta; érao mesmo cando toda a esquerda alternativa –creo que moi equivocadamente– berraba contra a Constitución Europea que puido ser... e non foi. Son europeísta, claro, desde a conciencia de que os europeos e europeas non só non somos o centro do mundo senón que, ademais, temos unha enorme débeda histórica de solidariedade co resto do mundo.

Por suposto, esta Europa non me gusta.
Por suposto, outra Europa é posible.
Por suposto, existen moitas outras Europas.
E todas poden –e cada vez máis urxe facelo así– construírse desde a Unión e sen fronteiras. Pensar o contrario é anacrónico e confuso.
O brexit –o British Exit– da Unión Europea levou –leva– á equívoca asociación entre o neoliberalismo e a superestrutura da Unión Europea. O brexit é, entre outras cousas, unha consecuencia da aplicación das políticas neoliberais, pero tamén é –e resulta miope negalo– unha consecuencia do crecemento da xenofobia e da extrema dereita. Pero ambas as dúas cousas están intimamente relacionadas.

Con todo, non deixa de ser unha ironía do destino que fose Margaret Thatcher, quen introduciu en Europa o neoliberalismo furibundo e atroz de Ronald Reagan. A «dama de ferro» foi axiña ben retratada polos británicos co alcume The milk snatcher, precisamente por promulgar as primeiras medidas de recortes sociais (o alcume refírese á retirada do leite nas escolas). Máis tarde, a suposta «esquerda» que representaba a Terceira Vía de Tony Blair afianzou o neoliberalismo, novamente desde Gran Bretaña, debilitando, ata ao abandono, o discurso social da esquerda socialdemócrata europea.

Lamentablemente, a Unión Europea actual é a máis marcadamente neoliberal das existentes ata o de agora. E nunca se construíu unha Unión Europea social, transparente e alternativa porque Europa votou, masivamente, aos representantes neoliberais, especialmente nos últimos anos. Ora ben, iso non quere dicir que desde dentro das institucións europeas non sexa posible construír outra Europa.

Todo o contrario; a estrutura da unión é hoxe máis necesaria e imprescidible ca nunca para poder combater ese neoliberalismo aínda moito máis agresivo e salvaxe que se intúe nun futuro nada afastado. Pero, teñámolo claro, ese neoliberalismo que está a facer niño no mundo, ese neoliberalismo impío e marcadamente indomable, non vén da man dos representantes electos para os gobernos estatais ou europeos –que constitúen, simplemente, a súa correa de transmisión, os tristes executores– senón da man do incalculable, crecente e impredicible control das multinacionais e dos intereses financieiros que deseñan os grandes grupos de poder mundial.

As novas tecnoloxías (das que cómpre apropiarse criticamente xa) permitiron non só a globalización senón a deslocalización e, sobre todo, a descentralización dese poder case invisible que actúa tiranicamente sobre a cidadanía do planeta. E, lamentablemente, os gobernos estatais (sexan compracentes ou alternativos), anclados en estruturas administrativas pertencentes ao pasado, non son nin serán quen de facer fronte a ese enorme poder financieiro. Mesmo a liberdade de expresión se ve ameaza, pero non polos Estados.

E que pasa, por exemplo, se Facebook decide practicar a censura en Noruega? Que lei dese país pode impedirllo á unha compañía estadounidense? A liberdade de expresión dirímese hoxe no control de Internet e das Redes Sociais. Que Estado europeo pode, de seu, lexislar sobre Google, Twitter, Facebook, Amazon, Instagram, etc, etc, etc. e todas as súas normas de uso, condicións, intereses e caprichos?

De seu, a Unión Europea, constitúe un organismo supraestatal, global, multicultural, con diversos brazos, internacional e multi-identitario, que é moito máis eficaz e capaz para facerlle fronte ao poder económico, se houbese vontade política para iso (hoxe por hoxe, lamentablemente, non a hai). Xa que logo, non só por cuestións que teñan que ver coa propia identidade europea senón tamén por cuestións prácticas, estruturas como a da Unión Europea son máis necesarias ca nunca, porque unicamente desde administracións coma esa, globalizadas e hiperestatais, é posible ditar leis que devolvan o poder á cidadanía. O que sucede en Grecia é o exemplo máis visible e máis triste da impotencia dun Estado para actuar en solitario, aínda que neste caso os seus propios contrincantes estean na propia Unión.

Debilitar hoxe a Unión Europea é ancrónico e supón debilitar o futuro do poder e o control da cidadanía. E, por moito que algúns equivocados dogmas da esquerda máis social pensen o contrario, a alternativa non consiste en dinamitar as estruturas administrativas europeas e as súas institucións senón en combater o liberalismo desde a acción e o pensamento da esquerda (desde unha esquerda crítica e eficaz) para cambiar o sentido das políticas da Unión e contruír outra nova Europa, posible, que recoñeza as plurinacionalidade, a diversidade, a xustiza social, a transparencia, o diálogo, a soberanía absoluta da cidadanía. Debilitar hoxe a Unión Europea, reitero, é anacrónico e terriblemente ineficaz.

Isto exprésao extraordinariamente ben o sociólogo e pensador Zygmunt Bauman (unha das mentes máis capacitadas para analizar a sociedade actual, creador do termo «modernidade líquida»): «Ese matrimonio entre poder e política en mans do Estado-nación rematou. O poder globalizouse pero as políticas son tan locais coma antes. A política ten as mans cortadas. A xente xa non cre no sistema democrático porque no cumpre as súas promesas. É o que está a poñer de manifiesto, por exemplo, a crise da migración. O fenómeno é global, pero actuamos en termos parroquianos. As institucións democráticas non foron deseñadas para manexar situacións de interdependencia. A crise contemporánea da democracia é unha crise das instituciones democráticas».

Ao meu ver, resulta inxenuo pensar que o brexit supón a recuperación da soberanía cando os estados hoxe non son quen de controlar o poder financieiro trasnacional, nin as regras impostas polos xigantes tecnolóxicos e sométense ás leis e imposicións das multinacionais. Nese control é onde estaría, precisamente, a verdadeira soberanía nacional e cidadá hoxe.

Se alguén pode poñerlle fin ao neoliberalismo invasivo e abrasador co que o poder financeiro pretende neutralizarnos e silenciarnos para converternos en súbditos en vez de cidadáns é a resurrección dunha Europa, racional, libre, ilustrada, cívica, democrática, capaz, laica, social, transparente, próxima, diversa e, sobre todo... unida. O que cómpre é reinventar a Unión Europea e, para iso ningún pobo ten que renunciar á súa identidade.





7.6.09

Europa encolle

Europa encolle. Ao fracasado intento, hai uns anos, de crear unha constitución europea, engádense agora estas eleccións que acaban de revalidar a algúns dos máis patéticos personaxes europeos, o que pon de manifesto unha vez máis que a democracia non reside exclusivamente no voto senón tamén na capacidade das pesoas e da cidadanía para exercer o pensamento crítico, o dereito á cultura e a defensa dos valores ligados á liberdade e á xustiza.

E aínda que aquí, estas eleccións non poden ser entendidas en clave galega, o certo é que o BNG, malia presentar unha excelente candidata, saca os seus peores resultados desde 1989 (hai 20 anos) o que dá idea da gravidade da situación que vive o partido, totalmente desnortado.

O peor é que ao PP de Feijoo estes resultados dánlle azos para seguir aplicando a chulesca política apartheid contra a lingua galega que está a impoñer. En calquera caso, coa lingua galega todos somos Nelson Mandela.

5.6.05

Constitución europea

Se os non á constitución europea servisen para mellorala, alegraríame inmensamente e recoñecería que a miña postura está errada. Pero as miñas sospeitas son que os non están a crear unha inestabilidade que a quen máis beneficia é ao propietario do planeta, que está a frotar as mans ante o fracaso europeísta. Esa é a miña opinión a pesar de que eu, por certo, non teño nada que ver co piñeirismo e si moito co ver coa esquerda antisistema que se respiraba no Instituto Santa Irene cando comezaba a década dos 80.

30.5.05

Pésima nova

Unha pésima nova, o non francés. Seguramente, os europeos e as europeas aínda non somos conscientes da trascendencia histórica do novo (e agora tambaleante) modelo para Europa. Eu, lamentándoo moito, nese asunto non comparto as teses da esquerda social nin do movemento antiglobalizacion.

29.3.04

Europercorridos

Ante a proximidade da Semana Santa (que, por fortuna, xa ten ben pouco de santa, que para santos xa temos aos lúcidos bispos da Conferencia Episcopal), volven as axencias a promocionar esas viaxes coas que, en sete días, percorres toda Europa. Debo confesar que nunca deixaron de sorprenderme esas fugaces viaxes organizadas, coas que nunha semana de súpeto che entra toda Europa polos ollos. Sete ou oito países dunha atacada veloz. Se cadra, almorzas en Italia, tomas o café en Suíza, comes en Alemaña, mexas en Holanda e dormes en Bélxica. Ademais, coa moeda única, todo é máis doado. Realmente, esas viaxes deberían chamarse oficialmente "europercorridos". E, por suposto, merecerían ser subvencionadas pola Comisión Europea, en consonancia co espírito europeísta que as promove. Se cadra, perfeccionándoas un pouco os viaxeiros mesmo poderían elixir países, coma se a viaxe fose un menú á carta. E, a partir do vindeiro 1 de maio, polo mesmo prezo, tamén Polonia, Hungría, República Checa, Eslovaquia, Eslovenia, Lituania, Letonia, Estonia, Chipre e Malta.

Teño que recoñecer que cando eu tiña vinte anos tamén facía esgotadores "europercorridos". Viaxaba co Interrail, ese fantástico billete de tren que daquela che permitía atravesar libremente toda Europa en vagóns de segunda clase. O que había máis alá dos Pirineos era para nós un misterio ignoto que desexabamos descubrir. Podía suceder, por exemplo, que apañásemos o tren en Vigo e non parásemos até chegar a Estocolmo, excepto para facer os pertinentes transbordos e quizais unha pequena escala para mexar. Os bocadillos e as latas acabábansenos á altura de Bruxelas e logo pasábamos fame, pois non podíamos pagar os "europrezos" da cafetería do tren. E aínda non existía a moeda única. E se, chegados a Estocolmo, chovía demasiado, tres días despois aparecíamos, por exemplo, en Zagreb, cando aínda os seus moradores nin sequera sospeitaban que habitaban a futura capital de Croacia. Claro que daquela estabamos a descubrir o mundo (que resultou ser circular, como as pescadas que morden a cola) e as nosas viaxes tiñan un aire iniciático, romántico e rebelde que non teñen as das tours-operadoras.