29.3.04

Europercorridos

Ante a proximidade da Semana Santa (que, por fortuna, xa ten ben pouco de santa, que para santos xa temos aos lúcidos bispos da Conferencia Episcopal), volven as axencias a promocionar esas viaxes coas que, en sete días, percorres toda Europa. Debo confesar que nunca deixaron de sorprenderme esas fugaces viaxes organizadas, coas que nunha semana de súpeto che entra toda Europa polos ollos. Sete ou oito países dunha atacada veloz. Se cadra, almorzas en Italia, tomas o café en Suíza, comes en Alemaña, mexas en Holanda e dormes en Bélxica. Ademais, coa moeda única, todo é máis doado. Realmente, esas viaxes deberían chamarse oficialmente "europercorridos". E, por suposto, merecerían ser subvencionadas pola Comisión Europea, en consonancia co espírito europeísta que as promove. Se cadra, perfeccionándoas un pouco os viaxeiros mesmo poderían elixir países, coma se a viaxe fose un menú á carta. E, a partir do vindeiro 1 de maio, polo mesmo prezo, tamén Polonia, Hungría, República Checa, Eslovaquia, Eslovenia, Lituania, Letonia, Estonia, Chipre e Malta.

Teño que recoñecer que cando eu tiña vinte anos tamén facía esgotadores "europercorridos". Viaxaba co Interrail, ese fantástico billete de tren que daquela che permitía atravesar libremente toda Europa en vagóns de segunda clase. O que había máis alá dos Pirineos era para nós un misterio ignoto que desexabamos descubrir. Podía suceder, por exemplo, que apañásemos o tren en Vigo e non parásemos até chegar a Estocolmo, excepto para facer os pertinentes transbordos e quizais unha pequena escala para mexar. Os bocadillos e as latas acabábansenos á altura de Bruxelas e logo pasábamos fame, pois non podíamos pagar os "europrezos" da cafetería do tren. E aínda non existía a moeda única. E se, chegados a Estocolmo, chovía demasiado, tres días despois aparecíamos, por exemplo, en Zagreb, cando aínda os seus moradores nin sequera sospeitaban que habitaban a futura capital de Croacia. Claro que daquela estabamos a descubrir o mundo (que resultou ser circular, como as pescadas que morden a cola) e as nosas viaxes tiñan un aire iniciático, romántico e rebelde que non teñen as das tours-operadoras.

Ningún comentario: