A activa Asociación de Amigos del Pueblo Saharaui de Extremadura acaba de dar un paso que me parece bastante discutible e, sen dúbida, imprudente. Cedendo ás peticións das familias que acollen nenas e nenos saharauís no programa "Vacacións en paz", acaban de solicitarlle ao goberno saharauí no exilio de Tinduf que para este ano, a Extremadura, volvan os mesmos nenos e ás mesmas familias en que estiveron o pasado ano.
Esa, sen dúbida, é unha das dinámicas perversas contra as que o programa "Vacacións en paz" ten que loitar desde o seu inicio. Os nenos e nenas saharauís que veñen ao Estado español fano habitualmente en función dos seus resultados escolares, das súas necesidades persoais e doutra serie de criterios imparciais que os saharauís establecen para conseguir unha sociedade máis aberta, máis plural e máis xusta, na que todos e todas teñan igualdade de oportunidades. Co devandito programa preténdese que a maior cantidade de nenos e nenas posible poidan aproveitar a oportunidade de pasar un verán fóra dese deserto áspero e cruel que os ten amarrados á súa penosa vida de refuxiados.
E aínda que poida resultar comprensible a actitude das familias de acollida, que acaban por sentir un enorme afecto polos cativos, cando se ofrecen a un acto de voluntariado como é o de ser anfitrións durante un verán dun neno ou nena saharaui están obrigados a comprender as circunstancias políticas e sociais do pobo ao que eses cativos pertencen, e teñen que ser conscientes de que existen moitos outros nenos e nenas saharauis que tamén desexan a oportunidade de gozar dunhas vacacións lonxe do pedregal que habitan.
Ás veces, a actitude de moitas das familias de acollida (en Galicia tamén) é a de tratar aos nenos e nenas saharauís coma se fosen desherdados que carecesen de nai e de pai, e mesmo de dignidade, coma se o único que precisasen fosen bens materiais. Evidentemente, esa é unha actitude tan perversa como profundamente colonial.
Se as familias desexan axudar de verdade a eses nenos e nenas deben asumir que o seu problema é principalmente político, e non humanitario, e que só a vía concienciación, da presión e da loita política pode devolverlles ese futuro que primeiro lles roubou España e agora Marrocos.
Ningún comentario:
Non se permiten novos comentarios.