2.3.04
Pedagoxía avanzada
Hai uns días fun dar unha charla a un colexio. Eran rapazas e rapaces de 5º e 6º de Primaria (de dez e once anos, para que vos fagades unha idea). Teoricamente, eu ía falar de Cidades e O brillo dos elefantes, pero unha vez alí decateime de que en realidade leran Males de cabeza. A verdade é que quedei abraiado. Non tanto pola asombrosa capacidade lectora dos rapaces e rapazas como pola condición extremadamente flexible do meu libro, con esa descoñecida dimensión de obra infantil. Sendo así, debo confesar que nunca se me ocurreu lerllo á miña filla, que anda a perder o tempo co elefante Elmer. Claro que este tipo de lecturas teñen un pequeno problema: eses rapaces non volven ler un libro meu na súa vida. Normal. Non é que queira tirar pedras contra o meu propio tellado, pero eu, no seu caso, faría o mesmo. En canto aos profesores do centro, seguro que nunca oíron falar de Piaget. A vida é tan breve que non hai tempo para todo.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Non se permiten novos comentarios.