28.2.04

A conta atrás

A lei electoral, vestida de xuíz, disparou a pistola de saída xusto cando a medianoite anunciou que entraba a madrugada do venres.

O PP tirou por todo o alto os seus foguetes de apertura. O candidato á presidencia do goberno do Estado, Mariano Rajoy xogou a dúas cartas: a primeira en Lugo e a seguinte no Obradoiro compostelán, con todo o goberno da Xunta sumiso aos seus pés. Foi o único candidato en Galicia que saíu á escena acompañado pola súa muller, en parte polas esixencias do guión que lle escriben os seus votantes e en parte por esa obsesión do PP pola preservación da familia tradicional. Ademais, compareceron os dous porque, xa o di o lema electoral do partido, Juntos vamos a más. Claro que a muller de Zapatero tamén subiu á escena en Madrid, porque o efecto dá un toque máis "humano". Rajoy, que sabe ben que en Galicia está o seu máis rico caladeiro, abre e pecha na querida Terra do Apóstolo, esperando que o guía espiritual do Ano Santo lle sexa favorable. O 16, último día, estará en Vigo. O Señor de los Hilillos quere deixar claro que Galicia aspira á presidencia do goberno mentres Zapatero, en Madrid, trata de recuperar os resentidos votantes de Rafael Simancas tras o escándalo de Tamayo e Sáez.

Porque ese foi o xesto de Zapatero no Pazo de Congresos de Madrid: un prolongado guiño aos votantes capitalinos. A Galicia virá un día, o 7, á Coruña, porque Paco Vázquez sempre lle garante público, satisfeito de escoitar como Bono, xa no inicio da campaña, continúa coa súa teima de lanzar dardos contra o nacionalismo.

Aquí queda Touriño, comprimido por Zapatero entre as pedras compostelás, que optou por abrir campaña, discretamente, na praza do Toural, mentres Mariano o Católico arengaba as súas masas no Obradoiro. No PSOE apostan por mandar para Madrid ao galeguista Ceferino e apelan ao voto últil contra o PP. O lugués José Blanco, secretario de organización de Zapatero, preferiu quedar acompañando ao seu xefe para rabuñar uns votos en Móstoles mentres, desde alí, envía mails á prensa sobre as necesidades de Galicia.

As necesidades de Galicia son, para Anxo Quintana, o líder do BNG, que o país teña peso propio na política do Estado e, con sorte e de cumprírense os seus visionarios vaticinios, algunha das chaves da gobernabilidade. Anxo Quintana apostou polo seu prato forte, a Galicia interior, e abriu campaña no casco histórico de Lugo, arroupado pola boa imaxe de Branca Rodríguez Pazos. Acompañouse do seu discurso, próximo ao beirismo, e do seu ton, moi afastado do beirismo, e non se fixo acompañar do seu padriño, o propio Beiras, que polo de agora continúa desaparecido da escena electoral.

Así que empezou a conta atrás para saber se Galicia é quen de premiar ao Señor de los Hilillos ou toda a bazofia do Prestige acabará por afogalo para sempre. Amén.

Ningún comentario: