2.2.04

Alerxia

Durante todo o día, levitei sometido á tiranía da miña alerxia. Non sei se onte esquecín tomar o maldito antiestamíco ou se é que os ácaros espertaron hoxe especialmente motivados. Cando deciden botarse a min, teño o día perdido. Esa é unha batalla que nunca gaño. Un ataque dos ácaros —coa ferocidade coa que adoitan tratarme— significa a automática desregularización da miña respiración, un espirro cada trinta segundos ou cada minuto durante varias horas e un esgotamento físico que me abate. E, cando por fin chega a noite, ignoro en que punto do universo perdín a miña condición de ser humano. A convulsión dos espirros fai que, dentro de min, os músculos e a columna vertebral vibren dolorosamente. En «Tortillas para os obreiros» escribín un par de poemas inspirados pola miña propia dor de alérxico.



Esténdome,

coma un animal alérxico,

baixo o po da noite.

cando unha dor de cervos me fai vibrar

as vértebras,

tan tenebrosamente,

dó de alfombras.



Sei ben que as alerxias son unha patoloxía característica do noso tempo, e precisamente por iso xa non teño ningunha dúbida de que eu nacín alérxico ao meu propio tempo. E iso é xusto o que menos remedio ten. Que lle imos facer.

Ningún comentario: