28.2.04
O Gran Teatro Electoral
A Campaña Electoral é como un gran teatro, un espectáculo magno onde os actores representan sen titubear o papel que lles toca porque o teñen perfectamente asumido. Nos camerinos, antes de saír ante o seu público fiel, os candidatos modulan a voz, maquíllanse, ensaian, tempran os nervios, espreitan aos asistentes por detrás das cortinas e miden as súas forzas ante o espello. Na sala de butacas, excepto algúns curiosos, o público permanece á espera de escoitar o que desexa escoitar, e en disposición de entregarse, en corpo e alma, aos oradores. Nese gran teatro onde todo se repite convocatoria tras convocatoria, como unha película da que os espectadores case sempre intúen o final antes de que remate, hai algo de espectáculo catártico, de íntimo acto sacro e de purificación colectiva a alma se limpa. E sobre o escenario, desde a comedia ao drama e á traxedia, danse cita todos os xéneros posibles. Mentres, desde as beiras, os asesores de imaxe vixían cada frase, cada xesto e cada reacción dos asistentes coma se fose a primeira vez na súa vida que tal fixesen, coma se esa fose a derradeira batalla e ao tempo a nai de todas as batallas. E todo iso sen que ninguén repare en gastos. Hai caviar e champagne para todos. O caso é gañar. Comezou a Campaña Electoral.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Non se permiten novos comentarios.