A lei electoral, vestida de xuíz, disparou a pistola de saída xusto cando a medianoite anunciou que entraba a madrugada do venres.
O PP tirou por todo o alto os seus foguetes de apertura. O candidato á presidencia do goberno do Estado, Mariano Rajoy xogou a dúas cartas: a primeira en Lugo e a seguinte no Obradoiro compostelán, con todo o goberno da Xunta sumiso aos seus pés. Foi o único candidato en Galicia que saíu á escena acompañado pola súa muller, en parte polas esixencias do guión que lle escriben os seus votantes e en parte por esa obsesión do PP pola preservación da familia tradicional. Ademais, compareceron os dous porque, xa o di o lema electoral do partido, Juntos vamos a más. Claro que a muller de Zapatero tamén subiu á escena en Madrid, porque o efecto dá un toque máis "humano". Rajoy, que sabe ben que en Galicia está o seu máis rico caladeiro, abre e pecha na querida Terra do Apóstolo, esperando que o guía espiritual do Ano Santo lle sexa favorable. O 16, último día, estará en Vigo. O Señor de los Hilillos quere deixar claro que Galicia aspira á presidencia do goberno mentres Zapatero, en Madrid, trata de recuperar os resentidos votantes de Rafael Simancas tras o escándalo de Tamayo e Sáez.
Porque ese foi o xesto de Zapatero no Pazo de Congresos de Madrid: un prolongado guiño aos votantes capitalinos. A Galicia virá un día, o 7, á Coruña, porque Paco Vázquez sempre lle garante público, satisfeito de escoitar como Bono, xa no inicio da campaña, continúa coa súa teima de lanzar dardos contra o nacionalismo.
Aquí queda Touriño, comprimido por Zapatero entre as pedras compostelás, que optou por abrir campaña, discretamente, na praza do Toural, mentres Mariano o Católico arengaba as súas masas no Obradoiro. No PSOE apostan por mandar para Madrid ao galeguista Ceferino e apelan ao voto últil contra o PP. O lugués José Blanco, secretario de organización de Zapatero, preferiu quedar acompañando ao seu xefe para rabuñar uns votos en Móstoles mentres, desde alí, envía mails á prensa sobre as necesidades de Galicia.
As necesidades de Galicia son, para Anxo Quintana, o líder do BNG, que o país teña peso propio na política do Estado e, con sorte e de cumprírense os seus visionarios vaticinios, algunha das chaves da gobernabilidade. Anxo Quintana apostou polo seu prato forte, a Galicia interior, e abriu campaña no casco histórico de Lugo, arroupado pola boa imaxe de Branca Rodríguez Pazos. Acompañouse do seu discurso, próximo ao beirismo, e do seu ton, moi afastado do beirismo, e non se fixo acompañar do seu padriño, o propio Beiras, que polo de agora continúa desaparecido da escena electoral.
Así que empezou a conta atrás para saber se Galicia é quen de premiar ao Señor de los Hilillos ou toda a bazofia do Prestige acabará por afogalo para sempre. Amén.
28.2.04
O Gran Teatro Electoral
A Campaña Electoral é como un gran teatro, un espectáculo magno onde os actores representan sen titubear o papel que lles toca porque o teñen perfectamente asumido. Nos camerinos, antes de saír ante o seu público fiel, os candidatos modulan a voz, maquíllanse, ensaian, tempran os nervios, espreitan aos asistentes por detrás das cortinas e miden as súas forzas ante o espello. Na sala de butacas, excepto algúns curiosos, o público permanece á espera de escoitar o que desexa escoitar, e en disposición de entregarse, en corpo e alma, aos oradores. Nese gran teatro onde todo se repite convocatoria tras convocatoria, como unha película da que os espectadores case sempre intúen o final antes de que remate, hai algo de espectáculo catártico, de íntimo acto sacro e de purificación colectiva a alma se limpa. E sobre o escenario, desde a comedia ao drama e á traxedia, danse cita todos os xéneros posibles. Mentres, desde as beiras, os asesores de imaxe vixían cada frase, cada xesto e cada reacción dos asistentes coma se fose a primeira vez na súa vida que tal fixesen, coma se esa fose a derradeira batalla e ao tempo a nai de todas as batallas. E todo iso sen que ninguén repare en gastos. Hai caviar e champagne para todos. O caso é gañar. Comezou a Campaña Electoral.
26.2.04
O pintor inquedante
Nos locais da galería Alpide de Vigo ofrécese, até o 31 de marzo, unha exposición da obra plástica do pintor e arquitecto Agustín Pérez Bellas, a quen tiven a sorte de coñecer cando eu era un adolescente debido á amizade que el tiña con meu pai. Era un home baixo, delgado, de pelo canoso e revolto que lle caía desordenadamente sobre os ombreiros. El e outros pintores acudían con frecuencia a facer tertulia no restaurante Garabelos. Pérez Bellas faleceu en 1982, aos 55 anos, e lembro que recibín a noticia da súa morte en Santiago de Compostela, onde eu traballaba daquela. A súa obra non é desas que pasen desapercibidas, desacougante e radical nos seus plantexamentos. Non son quen de aventurar en que ano foi, pero lembro perfectamente a primeira exposición que vin de Agustín Pérez Bellas. Tivera lugar nunha sala que a Caixa de Aforros tiña no seu edificio central, á que se accedía desde a rúa Pontevedra. O cadro que máis me impactou de toda a exposición representaba a Franco baixando aos infernos. O pintor, que estaba alí o día que eu visitei a sala, felicitoume pola miña preferencia. Aquel adolescente rebelde e desorientado que eu era non podía máis que encherse de orgullo ante as súas palabras. Nunca máis volvín ver aquel cadro. [O que se mostra na fotografía é outro, actualmente da miña propiedade].
Agustín Pérez Bellas estaba casado coa pintora Mercedes Ruibal. Naqueles tempos da transición, a súa militancia comunista reduciu os espacios en que súa obra arquitectónica podía expandirse e, por motivos políticos, non recibía demasiados encargos. Na vida diaria, el e mais a súa muller Mercedes eran profundamente iconoclastas, provocadores. Ela adoitaba asegurar que cando, en ambientes rancios, lles preguntaban como se coñeceran sempre contestaba que na porta dun burdel: el entraba e ela saía. A provocación, en tempos de miseria e marxinación, é unha marabillosa arma defensiva.

25.2.04
Entroido
O entroido é unha fonda, longa e arraigada subversión contra o poder, contra os usos sociais, contra o establecido, contra os propios convencionalismos da moral. Perseguido e prohibido durante o franquismo, o entroido hoxe é unha néboa embriagadora que chanta as súas raigames no máis negro desta terra húmida que habitamos e que, desde os territorios miñotos aos bálticos percorre, coma un verme, a espiña dorsal da vella Europa. Sobre calquera outra cousa, o entroido está fortemente amarrado ás tradicións, ao singular, á identidade. Por iso o entroido, incómodo e libertino, ten que furar na burla e atopala a partir de nós mesmos, na nosa propia idiosincrasia. Ese é o auténtico entroido. O demais, o espectáculo, é pura imitación, simple show. ¡Morra o Meco! ¡Viva o entroido!
Audasa
Audasa acaba de anunciar que a partir de maio suprime o desconto do 25% no tránsito de regreso nas viaxes de ida e volta para os usuarios da tarxeta da autoestrada. A súa intención é a de obrigar a xente a instalar o dispositivo necesario para a peaxe dinámica. Pobriños, con tan pouco tráfico deben levar unha chea de anos perdendo cartos. Compadézoos. O seu é un gran labor social, xeneroso e desinteresado. Non hai dúbida.
A nova ponte
Con respecto a esa polémica sobre a necesidade dunha nova ponte sobre a Ría de Vigo que defenden os empresarios e algúns políticos, a min o que me parece máis cabal é a postura de Pablo Egerique, delegado da Zona Franca viguesa, que suxire a creación dunha liña rápida de ferri entre Vigo e Cangas, con capacidade para transportar vehículos e un percorrido que se cubriría en dez minutos. Sen dúbida, é unha solución barata e de moito menor impacto ecolóxico e paisaxístico.
24.2.04
Vieiros birthday
Hoxe Vieiros cumpre oito anos. Desde Cabrafanada, quero enviarlles a miña entusiasta noraboa. Hai oito anos foi precisamente cando eu viaxei a Gales, nesa estancia sobre a que xa deitei varias anécdotas neste Cosmocaderno. Non podo esquecelo porque a primeira vez na miña vida que entrei en Vieiros foi precisamente alí, nun ordenador da oficina de Mercator en Aberystwyth. Unha das cousas que máis me chamou a atención daquela en Gales foi o estendido que xa estaba alí o uso do correo electrónico. De feito, cando nalgún intercambio de datos persoais me solicitaban o meu mail e eu respondía que aínda non tiña, mirábanme con cara de asombro. En Galicia o seu uso era entón restrinxidísimo. Non pasaron máis que oito anos; e de todo isto parece que hai un século. O tempo é un atleta invisible.
19.2.04
Hábitos alimentarios
Hai uns días fun coa miña filla ao estanque do Castro para ver os patos. Iamos ben aprovisionados de pan pero, para frustración da nena, os animaliños non mostraban ningún interese por el cada vez que lles botábamos un anaco á auga. Afeita á avidez dos parrulos de Castrelos, sentiuse decepcionada. Os patos achegábanse ao pan, examinábano e, finalmente, ignorábano con indiferencia. De alí a uns minutos, e logo de varios intentos vans para engordar aos anátidos, chegou unha nai acompañada dun neno. Non traían pan pero, ante a nosa sorpresa, a muller sacou do bolso un paquete de gusanitos, que o neno abriu e comezou a botarlles á auga. En cuestión de segundos, toda aquela tribo de desgraciadas aves acuáticas lanzouse sobre os gusanitos, disputándoos ferozmente entre eles. A miña filla miraba para o neno con envexa mentres eu, abraiado, matinaba nas evidentes consecuencias do cambio de hábitos alimentarios que caracteriza o noso tempo. A vindeira xeración de patos vai ter graves problemas de colesterol.
18.2.04
Desgaleguización
O Director Xeral de Política Lingüística, eludindo a súa responsabilidade e a dos centros docentes, asegura que o problema da desgaleguización da mocidade, da perda do idioma, está nas familias. Efectivamente, está nas familias. Ten toda a razón o señor González Moreiras. Tamén o problema da violencia doméstica está nas familias. Pero iso non quita que haxa lexislar decididamente para erradicala. Pois co idioma pasará o mesmo, ¿ou non? Haberá que lexislar a favor do galego. Senón ¿para que é a política? ¿Para que cobra o Director Xeral de Política Lingüísitica?
Etiquetas:
Galego,
Políticas Lingüísticas,
Xunta de Galicia
15.2.04
Sorpresa
Hai uns días contaba unha anécdota que me sucedeu en Gales. A verdade é que de Gales podería contar moitas, pero hai outra que me resulta especialmente significativa. Era un día chuvioso –un dos moitos do verán galés– e estaba eu remexendo entre os CDs dunha tenda de discos de Aberystwyth. Interesábame averiguar que se estaba a facer na música galesa. Neses días descubrín, por exemplo, a Siân James ou a Dafydd Iwan (algo así como o Suso Vaamonde de alí). Hai que recoñecer que a galesa é unha cultura moi minorizada pero, nestes momentos, combativa, pletórica e orgullosa de si mesma. Cando xa acabara de botarlle unha ollada á sección de música galesa, pasei por alto a sección de Músicas do Mundo e centreime noutra que me chamou moito máis a atención. Os cedés estaban agrupados baixo a denominación de Culturas en Extinción e, cando menos, imaxinei que alí habería cancións dos indios arapahoes. Ante a miña sorpresa, o que atopei foi un disco de Uxía. Aquilo foi un disparo mortal ao corazón.
Etiquetas:
Anécdotas,
Culturas minorizadas,
Gales,
Viaxes
14.2.04
Antena 3
Acabo de recibir o seguinte texto por correo electrónico. Reprodúzoo textual e íntegramente, aínda que traducido ao galego:
"Somos xornalistas e traballamos dentro da cadea. Lamentablemente o medo a represalias como as que empregaron no pasado obrígannos a permanecer no anonimato. Pero temos a forza para dicir e denunciar feitos concretos e moi graves que se están producindo na redacción de informativos de Antena 3:
1. O control político e a censura informativa acadaron cotas nunca vistas nesta cadea. Á dirección de informativos só lle preocupa que os programas de noticias respondan aos intereses electorais do Partido Popular.
2. A dirección de informativos ordenoulles aos redactores pasar na punta dos pés polo caso Fabra e o escándalo do alcalde de Toques (ambos os dous membros do Partido Popular).
3. A dirección de informativos ordenou facer sangue co escándalo provocado pola reunión entre Carod Rovira e ETA. Pola contra, elude informar sobre a polémica suscitada pola presunta utilización partidista dos servicios de intelixencia.
4. Hai agora dez días difundiuse incansablemente unha gravación na que se podía escoitar como José Bono (sen decatarse de que estaba sendo gravada a súa voz) lle dicía a un compañeiro de partido que Tony Blair era gilipollas. Con todo, nunca se emitiu a primeira parte da gravación na que Bono dicía “Arenas díxome que están pouco contentos, que non hai color entre Rajoy e Aznar”.
5. O Conselleiro Delegado da cadea Maurizio Carlotti está celebrando reunións con grupos de xornalistas da redacción. En varios deles afirmou textualmente: deberíades aprender do que acontece en Italia. Alí un xornalista de esquerdas nunca traballa nun medio de comunicación de dereitas.
6. A desvergoña da xefa de Informativos Gloria Lomana é tal, que se adxudica premios que non lle corresponden. O pasado domingo recolleu persoalmente o premio TP (Teleprograma) que recibiu o programa Espello Público como mellor programa de actualidade do 2003. Lomana recolleu o premio que, en realidade correspondía, por dereito, ao director dese programa en 2003, a súa editora e o seu realizador. O problema é que os tres foron despedidos dentro do E.R.E excutado pola dirección da cadea (malia que o programa obtivo premios e boísimos resultados de audiencia en 2003). Lomana despediunos e ademais quedouse co seu premio.
Consideramos que os feitos denunciados son abondo graves para que saian á luz. Confiamos en que o seu medio teña o valor de facelo.
Todos os feitos son fácilmente contrastables.
Gracias e un saúdo. Xornalistas de Antena 3 Televisión"

12.2.04
Tiranía informática
Todos os días recibo numerosos e variados exemplares de correos con virus Mydoom. Unha delicia. Afortunadamente, o meu Macintosh resiste coma un ferrote eses ataques. Claro que non sei se me fastidian máis os malditos virus ou a evidente tiranía consumista á que nos someten as multinacionais informáticas, sacando versións cada vez máis pesadas dos seus programas, que precisan maior memoria, e que obrigan a renovar constantemente o mercado dos ordenadores, facendo vello calquera aparello en tres ou catro anos.
11.2.04
Noite de lúpulo
Lin na prensa que Portugal quere pechar as súas fronteiras terrestres durante a celebración da Eurocopa, a comezos do verán, para evitar que entren os afeccionados ingleses cargados de cervexa e dispostos a destrozar o que se lles poña diante. Parece unha medida esaxerada, especialmente nesta nova Europa que cada vez quere ser máis europea. Por certo que a min o que sempre me asombrou non é tanto a violencia dos hooligans ingleses, que son o reflexo desa mocidade inglesa de procedencia humilde, carente de alicientes vitais e que se alía cos movementos fascistas, senón a súa inmensa capacidade para beber cervexa. Pero non só a súa, a de calquera británico. Por iso sempre me lembro de Ian. De Ían e dunha anécdota que sucedeu hai algúns anos, durante a miña estancia en Gales. Era xa a noitiña en Aberystwyth e estabamos charlando no salón do pub-pensión onde residiamos, cando Ian, un estudiante de Ciencias do Mar que vivía no piso superior entrou a despidirse de nós. Ía cear á casa dun amigo e ambos os dous tiñan previsto manter unha sesión de animada e festiva tertulia ata altas horas da madrugada, así que levaba provisións. O que el chamaba provisións era unha bolsa de deportes chea integramente de latas de cervexa. Xa víramos ao noso amigo engulir cervexas no pub, pero aquilo deixounos atónitos. Ían sorríu, compracido ante a nosa sorpresa, e marchou. Cinco minutos máis tarde, cando xa o esqueceramos, apareceu de novo pola porta.
—É que estiven pensando que se imos pasar toda a noite falando ao meu amigo e a min non nos van chegar as cervexas –dixo convencido.
A continuación achegouse a un dos desvencellados sofás que había no salón, introduciu o brazo por un dos múltiples e xenerosos buratos que se abrían no escai rachado e, das tripas do sofá, comezou a sacar unha asombrosa e interminable cantidade de latas de cervexa que foi gardando nunha bolsa de plástico.
Como sabía que estabamos pendentes del, mirou cara a nós e confesounos:
—É o meu almacén secreto de reserva; pídovos discreción.
E, co novo cargamento ao lombo, desapareceu outra vez pola porta. Tiña por diante unha longa noite de lúpulo.

7.2.04
O problema dos Chichos
Mentres o tren atravesaba os campos con rapidez, el ollaba pola ventá. Ía sumido nos seus pensamentos. Matinaba que sempre quixera ser escritor. Desde neno, soñaba con escribir a súa curta pero axitada vida, soñaba con ver publicadas nun libro mesmo aquelas cousas que se perdían no máis íntimo da súas lembranzas. Con todo, tiña un problema de difícil solución: gustábanlle os Chichos. E parecíalle que a un escritor non lle podían gustar os Chichos. El sospeitaba que os escritores escoitaban outro tipo de música. Non era quen de imaxinarse como escritor gustándolle os Chichos. E gustábanlle a rabiar, gustábanlle con paixón. En parte, tamén por ese motivo quería deixar atrás Madrid para sempre. Porque desexaba fuxir de todo, pero tamén de si mesmo. En Sevilla estaría esperándoo a Chelo, a súa moza de toda a vida, unha auténtica incondicional. Esperaba refacer a súa vida, en Sevilla, lonxe das comisarías. E atoparse a si mesmo e, ¿quen sabe?, atoparse se cadra tamén como escritor.
Un túnel fixo que volvese os ollos cara ao interior do vagón. En fronte súa ía sentada unha rapaza na que antes non reparara. Era guapa, a rapaza. Si, estaba ben boa. E parecía intelixente. Seguro que a ela non lle gustaban os Chichos. Tiña que ser, a unha rapaza coma ela non podían gustarlle os Chichos. Ía lendo un libro. Se cadra a ela tamén lle gustaría ser escritora.
Como xa había un anaco que el a ollaba, ela ergueu a mirada.
—¿A onde vas? –preguntoulle.
—A Málaga –contestou a rapaza.
—Eu tamén –dixo convencido. E pensou no voluble que era a vida dos escritores.

6.2.04
Círculo
Aznar di que el non dixo que en Irak houbese armas de destrucción masiva, que el llo oiu dicir a Blair, e Blair di que el non dixo que en Irak houbese armas de destrucción masiva, que el llo oiu dicir a Bush, e Bush di que el non dixo que en Irak houbese armas de destrucción masiva, que el llo oiu dicir a George Tenet, o director da CIA, e o director da CIA, que non está seguro de se Aznar é presidente de España ou de Polonia, di que el non dixo que en Irak houbese armas de destrucción masiva, pero tampouco se atreve a dicir llo oíse dicir a Aznar e agora non pode pechar o círculo. Así que a culpa foi do chachachá. E todos catro miran para Kofi Annan, por engreído.
Desmentidos
Onte volvéronme preguntar pola librería. Está claro que a capacidade de Cabrafanada para facer un desmentido non ten nada que ver coa de Cristina Almeida cando sae en apoio de Cayetana Guillén Cuervo. En todo caso, tamén é certo que prefiro o meu ruxe ruxe ao dela. Sálveme o ceo de cousa semellante. Por se acaso, xa o digo: nunca na miña vida vin a Ana Botella.
4.2.04
Clima tropical
@s meus amig@s composteláns insisten con teimosía en que en Vigo somos afortunados porque temos un envexable Clima Tropical e que en Compostela, onde chove moito máis, a auga é un pesadelo. Alégrome, por fin, de poder destruír a súa voraz autocompaixón e demostrarlles, con datos do Instituto Nacional de Meteoroloxía, que Vigo é a cidade onde máis chove (o que non é para presumir, por certo): 2.344 litros por metro cadrado entre setembro de 2002 e agosto de 2003. En Santiago foron 2.282 libros e en Pontevedra 2.013. Para que logo digan.
2.2.04
Alerxia
Durante todo o día, levitei sometido á tiranía da miña alerxia. Non sei se onte esquecín tomar o maldito antiestamíco ou se é que os ácaros espertaron hoxe especialmente motivados. Cando deciden botarse a min, teño o día perdido. Esa é unha batalla que nunca gaño. Un ataque dos ácaros —coa ferocidade coa que adoitan tratarme— significa a automática desregularización da miña respiración, un espirro cada trinta segundos ou cada minuto durante varias horas e un esgotamento físico que me abate. E, cando por fin chega a noite, ignoro en que punto do universo perdín a miña condición de ser humano. A convulsión dos espirros fai que, dentro de min, os músculos e a columna vertebral vibren dolorosamente. En «Tortillas para os obreiros» escribín un par de poemas inspirados pola miña propia dor de alérxico.
Esténdome,
coma un animal alérxico,
baixo o po da noite.
cando unha dor de cervos me fai vibrar
as vértebras,
tan tenebrosamente,
dó de alfombras.
Sei ben que as alerxias son unha patoloxía característica do noso tempo, e precisamente por iso xa non teño ningunha dúbida de que eu nacín alérxico ao meu propio tempo. E iso é xusto o que menos remedio ten. Que lle imos facer.

1.2.04
Verbum
A recente polémica sobre o Verbum non fai máis que constatar unha realidade: que é un museo sen ambición que naceu demasiado apegado ao oportunismo político.
O do Verbum é un proxecto tolleito, eivado desde a súa propia concepción, que non soubo arrouparse no seu entorno e que na actualidade está absolutamente desaproveitado, aínda que as súas potencialidades poderían ofrecer múltiples posibilidades de actuación. Hoxe por hoxe é un museo morto, que mesmo carece dun motor para xenerar actividades culturais, e non actúa como dinamizador para Vigo, aínda que estea, ora ben, albergado nun contedor de luxo, da autoría de César Portela. O Verbum conta curiosamente cun Consello de Expertos formado por persoas de grande prestixio pero que resulta escasamente operativo. No pasado mes de setembro a organización do museo nin sequera contemplaba a posibilidade de recibir visitas docentes de grupos, e nada editara a ese respecto para favorecer a súa divulgación en ámbitos académicos. E, para o seu desprestixio, os erros de contido que se poden detectar nunha visita ordinaria ás súas instalacións foron publicamente denunciados por diversos profesores da Universidade de Vigo. A páxina web do Verbum, nunca actualizada, segue anunciando a súa próxima inauguración. Resulta evidente que este museo reclama a berros unha reforma integral de concepción, espírito e contidos para non malograr unha idea que, ben asentada, podería ser ben fermosa para a cultura galega.

Subscribirse a:
Publicacións (Atom)