30.1.04
Unha vida no abismo
A morte, inexorable e certeira coma un seixo, acaba de pousar sobre a vella escritora neozelandesa Janet Frame, cando tiña 79 anos de idade. A venerable Frame ten unha biografía apaixonante, rubricada sempre desde a beira do abismo. A autora de Mona Minim, un dos poucos textos seus que poden atoparse hoxe en español, intentou suicidarse cando era case unha nena e a continuación foi ingresada nun psiquiátrico durante once anos eternos. Un inesperado premio literario que a converteu publicamente en escritora salvouna dunha feroz lobotomía, logo de que lle fose mal diagnosticada unha esquizofrenia. O único texto de Janet Frame verquido ao galego é un relato que figura na Antoloxía do conto neozenlandés, traducido por Mari Fe González. A súa obra máis apaixonante é Un anxo na miña mesa, de carácter autobiográfico, onde conta a súa experiencia coa tolemia, que foi levada ao cine por Jane Campion en 1990 nunha estremecedora proposta fílmica. Na rede poden lerse uns fragmentos doutro dos seus libros, Rostros na auga. Eu, desde aquí, brindo pola súa obra e a súa memoria. Un infinito bico ao ciberespacio, Janet.
Conductores
Acabo de recibir da Dirección Xeral de Tráfico as modificacións ás normas do Código de Circulación. Sen valorar os cambios, o que me parecería máis importante sería que os conductores fósemos quen de adquirir unha certa educación vial que diluíse esa actitude agresiva que tod@s levamos nos intestinos cando imos ao volante. É certo que conducir nunha cidade como Vigo se asemella cada vez máis ao explorador que se abre paso na selva a golpe de machete. Pero tamén o é que na selva habitan algunhas especies de animais particularmente feroces. A min, se algúns me producen especial fastío son aqueles que aparcan enriba dos pasos de peóns. Amais de exhibir un egoísmo de elefante, non sei en que lugar do planeta esqueceron o sentido cívico. Ás veces, como peón, cando atopo un obstáculo dese tipo teño a tentación de continuar o meu camiño por enriba do capó que me impide o paso.
27.1.04
O mellor crítico literario
Hai algo ante o que nunca deixo de soprenderme. Sucédeme cada vez que, polo meu traballo como editor, teño que botar man do arquivo de prensa dalgúns libros publicados hai xa anos. O histórico arquivo de prensa da editorial, amais dunha valiosa fonte de documentación, constitúe para nós unha ferramenta imprescindible na reedición de moitos títulos do fondo de Xerais que se relanzan a través de edicións actualizadas ou que, simplemente, cambian de colección. Para min, ler dun tirón todas as reseñas que no seu día se publicaron sobre un determinado libro constitúe un exercicio de reubicación e reflexión importante. E prométovos que nunca deixa de sorprenderme a abouxante veteranía e a experiencia que lle descubro ao tempo como crítico literario. Sen dúbida ningunha, non hai mellor canon que o paso do tempo. En moitas ocasións, lendo os arquivos de prensa quedo abraiado cando observo o mal tratados que foron algúns libros que hoxe son referentes inevitables da literatura galega ou a excelente consideración que tiveron algúns títulos pouco afortunados dos que hoxe ninguén se lembra. É certo que existen libros inxustamente esquecidos, pero habitualmente o calendario dos anos é un filtro habilmente sabio. E é que o tempo rompe o contexto e, daquela, pode xulgar sen prexuízos.
26.1.04
Amor libre
Para Fraga Iribarne, que está en contra do Amor Libre, os privilexios oficiais dos cargos políticos do PP deben incluír o dereito a arrumamentos, sobamentos, tocamentos e o dereito de pernada con adolescentes. Se cadra bota en falla unha Lei do Harén. É que son moi homes e iso, sen dúbida, dálles votos. Pois as eleccións non sei, pero o ceo seguro que xa o teñen gañado.
Etiquetas:
Igualdade de xénero,
Manuel Fraga Iribarne,
Política
25.1.04
Unha película de culto
Uns amigos acaban de enviarme un correo electrónico dolorido e entusiasta logo de ver Léolo nunha cinta de vídeo. Eu tiven a sorte de vela hai xa anos, cando se proxectou en Vigo, logo de que mo aconsellase Uxía Senlle un día que a atopei cando ela saía do cine. Desde entón, adoito bromear asegurando que Léolo é a mellor película dos últimos seis ou sete séculos. E, desde logo, a única que vin na miña vida máis de oito ou nove veces. Léolo é unha película de culto. A plástica poética coa que envolve ao espectador e a súa linguaxe cinematográfica anovadora e deslumbrante non poden deixar a ninguén indiferente. É unha desas películas que pesan, traumáticas e desconcertantes, sobre a conciencia, durante moito tempo. Desas que xa nunca se borran da memoria. Para a desgracia dos que, coma min, lle debemos tanto a Léolo, o seu director, o canadiano Jean Claude Lauzone matouse hai algúns anos nun accidente de aviación. O meu libro «Males de cabeza», ademais de comezar cunha cita que reproduce a frase máis emblemática da película, réndelle unha sixilosa homenaxe en moitas das súas páxinas. Se para min é certo que só despois de escribir «Males de cabeza» comecei a crer na literatura como salvación persoal, como terapia emocional e intelectual, non o é menos que cando descubrín Léolo pensei que o feito de ver unha película coma esa xustifica a vida enteira.
Etiquetas:
Audiovisual,
Cine,
Jean Claude Lauzone,
Léolo,
Males de cabeza
24.1.04
Sobre blogs
Seguro que a maior parte dos que sodes blogueiros, con moita máis experiencia ao lombo ca min nos campos blogmillo, coñecedes este artigo sobre blogs. En todo caso, pareceume interesante e, por se alguén quere lelo, recoméndovolo.
23.1.04
O paso do tempo
Lembro hai ben poucos anos, cando aquí a penas había móbiles, a estrañeza que me produciu en Londres ver o extendido que estaba o seu uso entre a xente. Agora, a maior parte dos adolescentes galegos practicamente non coñeceron a vida sen móbiles. Uns días atrás chamoume o poeta e xornalista Antón Lopo para facerme unhas preguntas sobre os móbiles en relación coas novas tecnoloxías. Andaba a preparar novo un número da Revista das Letras baixo o título de «¿Había vida antes dos móbiles?» Esa, de feito, era unha das preguntas que me fixo. Hoxe ía eu nun taxi cando, pola radio, deron a noticia de que a partir de mañá será obrigatorio apagar os móbiles ao entrar a repostar nas gasolineiras. O taxista, un home duns sesenta anos, de rostro desgastado polos anos e o traballo, revirouse cara a min amolado, tusindo. ¡Manda carallo! –dixo– ¡toda a vida collendo gasolina cos móbiles prendidos e agora resulta que os temos que apagar!
Extraterrestres
Onte escoitei nunha emisora viguesa unha entrevista cun individuo que aseguraba ter visto un ovni. O home estaba paseando polo Berbés cando un obxecto non indentificado apareceu no ceo, facendo estrañas manobras durante máis dunha hora. Seica a policía municipal e outras moitas testemuñas tamén certifican a súa presencia. O home mostrábase totalmente convencido de que eran extraterrestres. Se cadra leva razón, e o ovni viña estudiar a estructura urbanística de Vigo como modelo exemplarizante e canónico para as cidades da súa afastada civilización. Nese campo, os vigueses temos moito que aportar. En todo caso, parécenme un pouco maleducados, estes extraterrestres, que nin sequera baixan a saudar. Limitarse a espiar desde o aire, sen preguntar se nos importa ou non que nos copien, non deixa de ser un intento de plaxio. Non hai máis voltas que darlle; fáltalles un chisco de educación.
21.1.04
Pintadas
Ao principio de Doutor Marañón, a rúa á que acudo diariamente a traballar, apareceu unha pintada: «Na vida ha que forçar para ser alguem». A verdade é que para unha frase escrita desde a vocación marxinal e contracultural que se lle supón á literatura dos muros e das paredes, paréceme dunha filosofía pésima. Sobre todo, porque as connotacións da palabra «forçar» non son un alarde de honestidade nin remiten precisamente ao outro mundo posible que reivindica o movemento antiglobalización. Pola contra, os que se abren paso na vida «forzando» son os tránfugas, os corruptos, os insolidarios.
Con todo, recoñezo que hai pintadas maxistrais. Eu son un fervente admirador das boas pintadas, porque no seu conxunto son reflexo dun tempo. Seguramente esta da rúa Doutor Marañón tamén o é; dun tempo que ensalza o egoísmo como valor estético.
Unha das mellores pintadas que lembro apareceu, cando eu era aínda adolescente, na rúa Hernán Cortés. Consistía naquela inesquecible frase de «Por un Madrid libre y con salida al mar». Realmente, gustaríame saber quen foi capaz de concentrar tanta ironía en tan poucas palabras.

20.1.04
Ao axexo
Sinto a gripe, que me ronda, ao axexo. Síntoa pasar nas puntas dos pés, sixilosamente, buscando presa e ollando para min de reollo. Estaba na ollada do camareiro que me serviu un café esta mañá; está na identidade triste do inverno frío; e viaxa incansablemente nos autobuses urbanos, torpe, alicaída, tropezando coa xente. E agora sinto que xa se me meteu na casa. Xa se me meteu, a condenada.
O mito e o home
Castelao foi un creador; un creador cargado de humanidade. En cada fotografía, o seu rostro mesmo destila bondade. Eu véxoo, sobre todo, como persoa, a pesar de que o mito acabou por convertelo en personaxe. Creo que, pola súa sensibilidade, Castelao tería sido un magnífico poeta se as consignas da Xeración Nós non se centrasen en dotar Galicia de narradores. Tamén tería sido un magnífico médico rural (a pesar de que non exerceu por amor á humanidade, como el dicía) e nese caso quizais nos deixase estampas literarias aínda máis suxestivas que as de Fernando Namora.
Pero Castelao, xa de neno, foi víctima da emigración, e co alzamento franquista foi víctima do exilio; así que o destino de Castelao correu parello ó destino do seu pobo. Se cadra por iso, e polo seu carácter xeneroso e entregado, encarnou tan ben, e aínda encarna hoxe, os ideais colectivos. Porque estaba convencido de que a liberdade é a única reserva con que contan os pobos para crearen o seu futuro.

19.1.04
Plauto
Esta fin de semana tiven ocasión de asistir á última representación do CDG, A comedia do Gurgullo, de Plauto, con dirección de Celso Parada. O que máis me gustou foi a música como fío conductor, actualizada e ironizante. Tamén é certo que o traballo actoral e de dirección é, en xeral, moi bo. Con todo, debo confesar que a comedia me aburriu nalgúns momentos, aínda que supoño que Plauto non dá hoxe moito máis de si. A única eiva, se cadra, é que resulta un chisco longa. En todo caso, a miña valoración é positiva.
18.1.04
Solidariedade con Sada
O venres ía no coche, escoitando en Radio Sada un espacio radiofónico sobre a moción de censura que o PP, co apoio dun tránfuga do PSOE, vai levar a cabo o luns contra o alcalde do BNG, e a actualidade dunha emblemática canción que puxo fin ao programa fíxome reflexionar: era o Grândola Vila Morena. É curioso decatarse do difícil que se lle fai o paso do tempo a algúns políticos corruptos e de maneiras golpistas. O que foi alcalde de Sada durante 24 anos, Ramón Rodríguez Ares, alias Moncho, debe estar convencido de que a dictadura franquista aínda non rematou. E non o digo porque tivese no seu despacho o retrato do dictador (o seu mestre declarado), nin porque mantivese a nomenclatura falanxista nas rúas da vila, senón porque as súas manobras políticas para recuperar o goberno son as propias dun iluminado, convencido de que o concello de Sada é da súa exclusiva propiedade particular.
Desde Cabrafanada quero enviarlle a miña solidariedade ao actual goberno municipal de Sada e á cidadanía que, a partir da moción de censura, vai sufrir nas súas carnes o retorno político ao tempo das cavernas.
Para el@s unha intensa aperta de solidariedade.
Grandola, Vila Morena
terra da fraternidade
povo e quem mais ordena
dentro de ti o cidade.
Dentro de ti o cidade
povo e quem mais ordena
terra da fraternitate

17.1.04
Todo pola patria
Trillo dixo onte que a morte en acto de servicio dálle sentido á vida. Todo pola patria. Xa non o dubido: Trillo é moito máis nacionalista ca min.
Dialéctica das masas
Durante o seu primeiro ano de vida, a miña filla aprendeu a dialéctica das masas nas manifestacións de Nunca Máis. Nese período de tempo, para ela voraz, adiviñou que as concentracións humanas cheiraban a chapapote. Agora que xa ten dous anos, está a descubrir que as apariencias son enganosas e a realidade máis complexa do que semellaba. O pasado día cinco de xaneiro leveina en Vigo a ver a cabalgata dos Reis Magos. O día estaba espléndido e a bonanza atmosférica converteu o acto nun dos máis concurridos dos últimos anos. Para que puidese velo todo sen problemas, subín a nena sobre os meus ombreiros. Desde aquela atalaia privilexiada descubriu a impresionante marea de xente que cubria a rúa e acto seguido, sen dubidalo, comezou a berrar: Nunca Máis, Nunca Máis, Nunca Máis. A súa gorxa era a única que vociferaba a coñecida consiga. E mentres ao seu arredor a xente miraba para ela divertida, a miña filla non se arredou. No seu primeiro ano de vida aprendera que ese berro conformaba a base da verdadeira dialéctica das masas e a experiencia dicíalle que aquel griterío confuso mediante o cal os nenos pedían que lles botasen caramelos non estaba suficientente consensuado para un contexto así.
16.1.04
De madrugada
É a unha da madrugada e hoxe non tiven tempo para Cabrafanada. Mañá venres tampouco o terei, pois estarei en Betanzos presentando (Cito), de Emma Couceiro, un libro moi ambicioso que leva a cabo nos seus versos unha profunda indagación poética. Magnífico. Só apto para devotos da poesía.
O sono rabúñame os ollos e escoito un espertador agochado nas cavernas da conciencia. Boas noites.
O sono rabúñame os ollos e escoito un espertador agochado nas cavernas da conciencia. Boas noites.
14.1.04
Un nacionalista demócrata
Rodríguez Ibarra é un demócrata. Un auténtico demócrata. Intelectualmente ten unha pequena eiva sen importancia e é que nin sequera ten claro o concepto de nación. Agora parece que lle asusta a posibilidade de que no futuro poidan agromar partidos nacionalistas en Extremadura ou en Castilla-La Mancha.
Ora ben, o home tamén é un temerario. E non polas súas democráticas propostas para impedir que o voto nacionalista consiga representación parlamentaria senón pola vocación de suicidio que esa proposta conleva. Porque ¿ao nacionalismo español non lle afectaría a medida que el propón? ¿Ou acaso este señor non se decata de que é un perfecto nacionalista español? Una, grande y libre. ¿De que me soa?

Marrocos
O xornalista marroquí Ali Lmrabet está a converterse no auténtico símbolo da liberdade nun réxime putrefacto. Indultado pola coroa alauí ante presión da opinión pública internacional como consecuencia das súas reiteradas folgas de fame, Ali Lmrabet fora encadeado por publicar informacións satíricas acerca de Mohamed VI. O máis curioso é que outros moitos presos (unha boa parte deles saharauis) continúan na cadea, víctimas da dictadura e da violencia que de forma sistemática exerce un estado (o marroquí) protexido por Occidente e moi especialmente por unha Francia (o país onde naceron as liberdades individuais) que desde hai anos coquetea incondicionalmente co reinado alauí, pechando os ollos ante a continuas violacións dos dereitos humanos.
Ruxe ruxe
¡Xa me dixeron que abriches unha libraría! proferiu antonte unha amiga coa que topei na rúa. O seu comentario non me colleu por sorpresa. Algo semellante afirmaran xa varias persoas máis. Eu sempre me preguntei –agora moito máis– que tipo de individuo ocioso e enxeñoso será ese que pon a andar determindados ruxe ruxe sabendo que son falsos. Desde un cercano día que tiven a honra de apadriñar, cunhas palabras, o acto de inauguración da Librería Meendinho, que uns amigos abriron no barrio vigués das Travesas, corre pola cidade o ruxe ruxe de que eu son socio e propietario da devandita librería. Así que aproveito este espacio sideral para desmentilo.
Unha vez, hai un par de anos, nun acto matinal en que participei con Xurxo Souto, preguntoume se eu sabía se era certa unha noticia que lle acababan de dar: a suposta morte do músico Rodrigo Romaní. Eu nada sabía ao respecto, pero Xurxo parecía bastante incrédulo co asunto. Curiosamente, o mesmo día, pola tarde, a noticia chegou novamente a min por outra vía. Algúns días despois puiden confirmar que aquel macabro ruxe ruxe se estendera coma a mala herba. Afortunadamente era falso e Rodrigo Romaní sigue vivo e harpeando.
O ruxe ruxe que a min me afecta (o da libraría) non é tan sórdido pero non deixa de producir efectos sorprendentes: xa houbo unha persoa que me solicitou traballo na devandita libraría.

13.1.04
Un blo lisboeta
A miña amiga Sara Costa puxo un enlace a Cabrafanada no seu blo Beco das Imagens, que eu non coñecía pero que é realmente interesante. Ela é lisboeta, fai crítica literaria en diversas publicacións portuguesas e é unha auténtica embaixadora da cultura galega en Portugal. Tamén colabora na web CanaldeLivros.com
Etiquetas:
Beco das Imagens,
Lusofonía,
Portugal,
Sara Costa
12.1.04
Posrevolución
Mariana Ortega, filla de Humberto Ortega, ex comandante en xefe do Exército Popular Sandinista, e sobriña de Daniel Ortega, ex presidente do goberno, é unha das candidatas ao título de Miss Nicaragua deste ano. Hai que recoñecer que @s fill@s dos dirixentes revolucionarios sandinistas están a tomar a vida con moita máis alegría e desenfado que os seus proxenitores.
E o poeta Ernesto Cardenal sorrí amargamente.
E o poeta Ernesto Cardenal sorrí amargamente.
Zapatero's proposal
Zapatero acaba de facer unha proposta extremadamente lúcida, supoño que a instancias do seu amigo galego Paco Vázquez: quere que unha terceira parte das materias docentes se impartan en inglés. Sería estupendo; aquí en Galicia, en vez dunha sociedade bilingüe teriámola trilingüe. Iso é ter visión de futuro. Mesmo se podería reformar un anaquiño a Lei de Normalización Lingüística para dar acubillo a tan despretixiado idioma. O que non sei é cal sería a Lingua A, pero teño claro cal sería a Lingua C.
Este muchacho, como siga atinando dese xeito e a pouco que profundice na súa feroz oposición, fáisenos presidente en menos do que canta un galo. Wonderful.
Este muchacho, como siga atinando dese xeito e a pouco que profundice na súa feroz oposición, fáisenos presidente en menos do que canta un galo. Wonderful.
11.1.04
Paco del Riego
Estou a ler Camiño andado, o interesante libro de memorias de Paco del Riego, editado por Galaxia. Nun dos capítulos iniciais retrata aquela Universidade de Santiago de Compostela, onde el estudaba nos anos 30, composta unicamente por cinco facultades: Dereito, Filosofía e Letras, Ciencias Químicas, Farmacia e Medicina. O rector era, daquela, Alexandre Rodríguez Cadarso, a quen describe como prestixioso docente, bo orador e persoa dialogante.
Ten gracia, porque para min eses dous nomes (o de Paco del Riego e o de Rodríguez Cadarso) están estreitamente unidos. En abril de 1987, cando eu estudaba Filoloxía, gañei o Premio Rodríguez Cadarso de Narrativa que convocaba a Universidade de Santiago. Durante a celebración do acto, Paco del Riego foi o encargado de facer o discurso e a entrega do premio. Eu, coa miña vella cazadora roída e as miñas guedellas de universitario iconoclasta, recibín das súas mans o modesto galardón.
Algúns anos despois, a principios de 1994, cando me tocou editarlle o seu libro «Galicia», acompañeino unha tarde ao seu apartamento de Praia América na procura de material gráfico para o libro que lle estabamos editando en Xerais. Alí descubrín, adormecido como un tesouro na penumbra estacional do apartamento, o impresionante espistolario de Paco del Riego (numerosas cartas de todos os membros da Xeración Nós, de Castelao, das principais personalidades do exilio americano, dos intelectuais galegos de posguerra, etc.), perfectamente ordenadas e organizadas, a súa completísima biblioteca e un valioso arquivo fotográfico. A maior parte dese material legouno, algúns anos máis tarde, ao Concello de Vigo, que o xestiona desde a biblioteca pública que leva o seu nome.
Aquela tarde, en Praia América, revolvendo entre os álbums de fotos de Paco del Riego, descubrín sorprendido unha fotografía na que estaba eu, no abril compostelán de 1987, recibindo o Premio Rodríguez Cadarso das súas mans. Nin eu coñecía aquela foto nin el sabía (tampouco llo dixen) que aquel rapazolo guedelludo a quen lle entregaba o premio era eu.
10.1.04
A foto
Toda a casa estaba na sombra. O lugar fedía. Abriu a porta sentindo o desacougo nas entrañas. Resultáballe desolador regresar alí, logo do que sucedera. En canto deu os primeiros pasos, os zapatos afundíronselle naquel piche pastoso, pegándoselle ao chan. Lanzou unha ollada rápida sobre a estancia e sentiu un arreguizo. O peor non era o que se estendía diante dos seus ollos. O peor era que cheiraba a morte e a soidade. Inquedo, chamou pola muller, que espreitaba desde fóra. A visión era desoladora. O chapapote entrara pola porta e polas ventás e agora cubríao todo, coma un manto suave e homexéneo: o chan, a lareira, as alacenas, as cadeiras, as despensas, os armarios, as mantas, os coitelos, a louza, as colchas. Todo estaba sepultado baixo aquel manto negro. Salvo aquela pasta negra, non se vía cousa ningunha.
Sen embargo, nunha esquina, ben visible, coma se fose unha mala xogada do destino, estaba a foto da filla. A foto que perderan pouco despois da súa morte e da que nunca máis souberan. Cousas do azar, o chapapote, co seu alento necrolóxico, dera con ela, coma se quixese axustar contas co tempo.
Sentiron unha dor punzante no corazón. Ningún dos dous podía retirar a vista daquela maldita foto reaparecida. Enmarcada en prata, alí estaba a súa nena, sorrindo e recibindo aquel premio das mans do presidente Fraga Iribarne. El sentiu moito frío e rompeu a chorar. Ela pasoulle o brazo por enriba dos ombreiros. Maldito chapapote. A morte sempre busca a morte.

Ácaros verdes
Con Ácaros verdes a narrativa galega aborda un dos temas máis interesantes e controvertidos da historia da humanidade: o últimos días do nazismo, con Hitler recluído no seu búnquer de Berlín. Pero o máis interesante é que as protagonistas desta magnífica novela de Pilar Buela son as mulleres: Eva Braun, a amante de Hitler, e Magda Göbbels, a esposa do tristemente coñecido ministro de información do Führer.
A novela recrea, cun estilo potente e unha grande capacidade poética, o ambiente desquiciado deses últimos días, cando xa sabían que Berlín estaba a piques de caer nas mans dos aliados. Ácaros verdes é unha novela apaixonante, sen prexuízos, que universaliza a literatura galega e obriga ao lector, cando a remata, a buscar máis información sobre eses días de esquizonfrenia histórica e os seus indesexables personaxes. Creo que non é preciso que confese o moito que me gustou.

Centralismo
Esta mañá achegueime a correos a mandar un paquete certificado para Porto. Só se trataba de envialo a 150 km de Vigo, o lugar desde onde fixen o envío. Con todo, a funcionaria de correos informoume de que o paquete tiña que ir vía Madrid; quer dicir, que o paquete viaxaría de Vigo a Madrid, de Madrid a Lisboa e de Lisboa ao Porto. Quedei impresionado. Toda esa danza capitalina faise para cubrir os 150 km que separan Vigo do Porto, comunicados a só hora e media de autoestrada. Sen dúbida, este é un magnífico exemplo de centralismo postal. Viva a eficacia.
5.1.04
O día da botadura
Hoxe é o día da botadura. Esta bitácora, este caderno bébedo e vacilante, libertario e humilde, este blog, seguramente inconstante, bótase á inmensidade do ciberuniverso.
CABRAFANADA é un espacio persoal para a opinión e a creación, desde a improvisación, desde a cotianidade, desde o arrebato da paixón, un espacio que me permito a arroutada de lanzar, dolorosa e alegremente, contra o enigmático baleiro cósmico
CABRAFANADA é unha inconsciencia, un espacio persoal crítico e creativo, furtado ao día a día e escrito co motor da paixón, da visceralidade.
CABRAFANADA é unha constelación fugaz, subxectiva e persoal, con vocación de contemporaneidade para a pulsión e a inmersión nun tempo que é o noso.

Subscribirse a:
Publicacións (Atom)