Castelao foi un creador; un creador cargado de humanidade. En cada fotografía, o seu rostro mesmo destila bondade. Eu véxoo, sobre todo, como persoa, a pesar de que o mito acabou por convertelo en personaxe. Creo que, pola súa sensibilidade, Castelao tería sido un magnífico poeta se as consignas da Xeración Nós non se centrasen en dotar Galicia de narradores. Tamén tería sido un magnífico médico rural (a pesar de que non exerceu por amor á humanidade, como el dicía) e nese caso quizais nos deixase estampas literarias aínda máis suxestivas que as de Fernando Namora.
Pero Castelao, xa de neno, foi víctima da emigración, e co alzamento franquista foi víctima do exilio; así que o destino de Castelao correu parello ó destino do seu pobo. Se cadra por iso, e polo seu carácter xeneroso e entregado, encarnou tan ben, e aínda encarna hoxe, os ideais colectivos. Porque estaba convencido de que a liberdade é a única reserva con que contan os pobos para crearen o seu futuro.
Ningún comentario:
Non se permiten novos comentarios.