11.1.04

Paco del Riego



Estou a ler Camiño andado, o interesante libro de memorias de Paco del Riego, editado por Galaxia. Nun dos capítulos iniciais retrata aquela Universidade de Santiago de Compostela, onde el estudaba nos anos 30, composta unicamente por cinco facultades: Dereito, Filosofía e Letras, Ciencias Químicas, Farmacia e Medicina. O rector era, daquela, Alexandre Rodríguez Cadarso, a quen describe como prestixioso docente, bo orador e persoa dialogante.
Ten gracia, porque para min eses dous nomes (o de Paco del Riego e o de Rodríguez Cadarso) están estreitamente unidos. En abril de 1987, cando eu estudaba Filoloxía, gañei o Premio Rodríguez Cadarso de Narrativa que convocaba a Universidade de Santiago. Durante a celebración do acto, Paco del Riego foi o encargado de facer o discurso e a entrega do premio. Eu, coa miña vella cazadora roída e as miñas guedellas de universitario iconoclasta, recibín das súas mans o modesto galardón.
Algúns anos despois, a principios de 1994, cando me tocou editarlle o seu libro «Galicia», acompañeino unha tarde ao seu apartamento de Praia América na procura de material gráfico para o libro que lle estabamos editando en Xerais. Alí descubrín, adormecido como un tesouro na penumbra estacional do apartamento, o impresionante espistolario de Paco del Riego (numerosas cartas de todos os membros da Xeración Nós, de Castelao, das principais personalidades do exilio americano, dos intelectuais galegos de posguerra, etc.), perfectamente ordenadas e organizadas, a súa completísima biblioteca e un valioso arquivo fotográfico. A maior parte dese material legouno, algúns anos máis tarde, ao Concello de Vigo, que o xestiona desde a biblioteca pública que leva o seu nome.
Aquela tarde, en Praia América, revolvendo entre os álbums de fotos de Paco del Riego, descubrín sorprendido unha fotografía na que estaba eu, no abril compostelán de 1987, recibindo o Premio Rodríguez Cadarso das súas mans. Nin eu coñecía aquela foto nin el sabía (tampouco llo dixen) que aquel rapazolo guedelludo a quen lle entregaba o premio era eu.

Ningún comentario: