30.1.04
Unha vida no abismo
A morte, inexorable e certeira coma un seixo, acaba de pousar sobre a vella escritora neozelandesa Janet Frame, cando tiña 79 anos de idade. A venerable Frame ten unha biografía apaixonante, rubricada sempre desde a beira do abismo. A autora de Mona Minim, un dos poucos textos seus que poden atoparse hoxe en español, intentou suicidarse cando era case unha nena e a continuación foi ingresada nun psiquiátrico durante once anos eternos. Un inesperado premio literario que a converteu publicamente en escritora salvouna dunha feroz lobotomía, logo de que lle fose mal diagnosticada unha esquizofrenia. O único texto de Janet Frame verquido ao galego é un relato que figura na Antoloxía do conto neozenlandés, traducido por Mari Fe González. A súa obra máis apaixonante é Un anxo na miña mesa, de carácter autobiográfico, onde conta a súa experiencia coa tolemia, que foi levada ao cine por Jane Campion en 1990 nunha estremecedora proposta fílmica. Na rede poden lerse uns fragmentos doutro dos seus libros, Rostros na auga. Eu, desde aquí, brindo pola súa obra e a súa memoria. Un infinito bico ao ciberespacio, Janet.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Non se permiten novos comentarios.