25.1.04
Unha película de culto
Uns amigos acaban de enviarme un correo electrónico dolorido e entusiasta logo de ver Léolo nunha cinta de vídeo. Eu tiven a sorte de vela hai xa anos, cando se proxectou en Vigo, logo de que mo aconsellase Uxía Senlle un día que a atopei cando ela saía do cine. Desde entón, adoito bromear asegurando que Léolo é a mellor película dos últimos seis ou sete séculos. E, desde logo, a única que vin na miña vida máis de oito ou nove veces. Léolo é unha película de culto. A plástica poética coa que envolve ao espectador e a súa linguaxe cinematográfica anovadora e deslumbrante non poden deixar a ninguén indiferente. É unha desas películas que pesan, traumáticas e desconcertantes, sobre a conciencia, durante moito tempo. Desas que xa nunca se borran da memoria. Para a desgracia dos que, coma min, lle debemos tanto a Léolo, o seu director, o canadiano Jean Claude Lauzone matouse hai algúns anos nun accidente de aviación. O meu libro «Males de cabeza», ademais de comezar cunha cita que reproduce a frase máis emblemática da película, réndelle unha sixilosa homenaxe en moitas das súas páxinas. Se para min é certo que só despois de escribir «Males de cabeza» comecei a crer na literatura como salvación persoal, como terapia emocional e intelectual, non o é menos que cando descubrín Léolo pensei que o feito de ver unha película coma esa xustifica a vida enteira.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Non se permiten novos comentarios.