17.1.04

Dialéctica das masas

Durante o seu primeiro ano de vida, a miña filla aprendeu a dialéctica das masas nas manifestacións de Nunca Máis. Nese período de tempo, para ela voraz, adiviñou que as concentracións humanas cheiraban a chapapote. Agora que xa ten dous anos, está a descubrir que as apariencias son enganosas e a realidade máis complexa do que semellaba. O pasado día cinco de xaneiro leveina en Vigo a ver a cabalgata dos Reis Magos. O día estaba espléndido e a bonanza atmosférica converteu o acto nun dos máis concurridos dos últimos anos. Para que puidese velo todo sen problemas, subín a nena sobre os meus ombreiros. Desde aquela atalaia privilexiada descubriu a impresionante marea de xente que cubria a rúa e acto seguido, sen dubidalo, comezou a berrar: Nunca Máis, Nunca Máis, Nunca Máis. A súa gorxa era a única que vociferaba a coñecida consiga. E mentres ao seu arredor a xente miraba para ela divertida, a miña filla non se arredou. No seu primeiro ano de vida aprendera que ese berro conformaba a base da verdadeira dialéctica das masas e a experiencia dicíalle que aquel griterío confuso mediante o cal os nenos pedían que lles botasen caramelos non estaba suficientente consensuado para un contexto así.

Ningún comentario: