Amosando publicacións coa etiqueta Mundo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mundo. Amosar todas as publicacións

22.6.11

Siria: disparar a matar



Vídeo de Amnistía Internacional onde se comproba que as forzas de seguridade sirias disparan a matar.

11.4.11

Corea do Norte

O mes pasado non puiden asistir á sesión do Club de Lecturas Debuxadas, de Espazo Lectura, que coordina Félix, aínda que, con todo, tiven oportunidade de ler a novela gráfica en cuestión, titulada Pyongyang, a crónica demoledora dunha estancia do seu autor, o artista plástico Guy Delisle, en Corea do Norte. Hai pouco, outro membro do devandito club enviounos un enlace a este documental de TVE, que tampouco dá tregua, feito por Rosa María Calaf.

26.7.10

Iugoslavia

Viaxei por primeira vez a Iugoslavia antes da guerra que asolou os balcáns. Debeu ser nos anos 1984 e 1985. Xa non vivía Tito, pero só había catro anos que desaparecera. Con todo, a súa imaxe era omnipresente en todo o país. A foto do seu rostro estaba nos valados, nos escaparates, nos bares, nas rúas, nos tranvías.
A primeira vez que fun fíxeno en tren, con Interrail, e entrei pola fronteira austríaca. A segunda, en coche, pola fronteira húngara, cando ese país aínda era unha república socialista. Atravesei o que hoxe é Croacia, Bosnia, e Eslovenia. O que máis me sorprendeu, daquela, de Croacia, foi o sorprendente parecido da súa zona rural (case todo) con Galicia.
Só volvín a Iugoslavia a través da lectura, para intentar asimilar a brutalidade que Slavenka Drakulic nos presentou no seu Coma se non existise, un libro contundente e decisivo para entender o conflito humano. Teño ganas de volver, aínda que me interroga a incerteza do que atoparei alí.

29.1.09

Intifada

9.1.09

Palestina

Ao asesino: "Se vises o rostro da víctima
teríalo pensado, lembrarías a túa nai na camara
de gas, liberaríaste da razón do fusíl
e cambiarías de idea: ¡así se recobra a identidade!


A outro asasino: Se lle deses ao feto
trinta días, cambiarían os prognósticos:
remataría a ocupación e ese bebé
non lembraría o tempo do sitio,
medraría san e sería un mozo
que iría ao instituto cunha das túas fillas,
e estudarían a historia da Asia antiga,
e xuntos caerían nas mallas do amor
e enxendrarían unha nena (que sería xudea de nacemento).
Así que dime: ¿que estás a facer?
¿Convertindo a túa filla en viúva
e a túa neta en orfa?
¿Que foi da túa familia errante
e como liquidaches tres paxaros dun tiro?


Á morte: Sabemos de que tanque
viñeches. Sabemos que queres. Dá a volta
a medio facer. Descúlpate ante soldados e oficiais,
dilles: descubríronme dous noivos axexándoos.
dubidei, e devolvín a noiva
cos seus... desfeita en pranto.


A paz é a elexía a un mozo co corazón destrozado polo lunar
dunha muller, non por unha bala ou por unha bomba.


Mahmud Darwix
(2002)




Aquí permaneceremos
sobre os vosos peitos coma un muro,
famentos, sedentos, desafiándovoos,
recitando poemas,
enchendo as rúas coa nosa carraxe e a nosa protesta,
enchendo as cadeas co noso orgullo
e facendo que os nosos fillos unha e outra vez
enxendren xeracións vingadoras.


Porque non tezo a lá
porque a diario son víctima
de ordes de detención
e a miña casa branco das visitas da policía
para rexistrar e "limpar",
porque non podo mercar unha folla de papel,
gravarei todos os meus segredos
nunha oliveira
no patio da miña casa.
Gravarei a miña historia
e os capítulos da miña traxedia
e as miñas queixas
na laranxeira e nas tumbas dos meus mortos.
Gravarei o número do recibo
da nosa terra expoliada
e o lugar da miña aldea e os seus lindes
e as casas dinamitadas
e as miñas árbores derrubadas
e cada flor do campo esmagada
e os nomes dos que foron mestres
en consumir os meus nervios e o meu alento,
e o nome das cadeas
e de todo tipo de esposas
que amarraron as miñas mans
e o historial dos meus gardiáns
e cada insulto que me guindaron á cara.
Gravarei: "Kafr Qasim, non esquezo".
Gravarei: "Deir Yasin, a túa lembranza prendeu en min"
Gravarei: "Chegamos ao cumio do drama,
a nosa traxedia rillou en nós
pero
chegamos ao cumio".
Gravarei todo o que me conta o sol
e o que me susurra a lúa
e o que me conta unha laverca
onda o pozo que os amantes abandonaron.
Para lembrar
seguirei sen descando gravando
todos os capítulos da miña traxedia
e todas as etapas do desastre
desde o principio até o fin.
Alá, nunha oliveira
no patio da miña casa.

Tawfiq Zayyad (1978)

7.6.08

Por que lexitimamos o fascismo?

Por que lexitimamos o fascismo?
Que futuro queremos?




En 1991 escribín este artigo (agora extractado), para a prensa.
Nada cambiou, excepto que o racismo chegou ao poder e lexitímase desde as institucións.


A extrema dereita e a nova orde política

O forte ascenso da extrema dereita de Le Pen (pateticamente reflexado nas recentes eleccións parciais francesas nas que a Fronte Nacional, intimamente vencellada ó crecemento do racismo en Europa, superou ó Partido Socialista Francés) encánase precisamente no rego dos últimos acontecementos políticos mundiais.
Logo da caída dos réximes socialistas, a nova orde mundial dá pé ó enfrontamento norte-sur ou máis exactamente, o enfrontamento entre os países desenvolvidos e os países pobres. Mentres no mundo árabe o integrismo apaña adeptos apresuradamente dentro dunha corrente islamizadora, Europa reacciona con violencia e coas urnas (votando á extrema dereita) contra os inmigrantes deses países, na súa maioría árabes ou turcos.
Ó tempo que Europa e todo occidente sente a ameaza do integrismo e o novo enfrontamento mundial –Estados Unidos deixou ben claro na guerra do Golfo quen decide–, o maltratado mundo árabe reacciona defendéndose con ese fundamentalismo que non dista moito desoutro integrismo racista –francés–, triunfador nas urnas galas.
Europa xa non teme ó leste senón ó sur. Por iso vota racismo: para impedir que lle sexa arrebatado o seu nivel de vida.

6.12.07

Nena reservista

27.10.07

19.5.07

La valse a Sarkozy

Ante a victoria electoral da dereita en Francia, La valse a Sarkozy, por Manu Chao.

5.12.06

Xustiza

Xa vai sendo hora de que se faga xustiza. Toda a sociedade civil e, moi especialmente, a familia e amigos do xornalista galego José Couso, meréceno.

19.11.05

Túnez

Esta noticia lémbrame o que me sucedeu unha vez, viaxando por Túnez, hai xa anos. Dixiríame nun tren desde o sur do país á capital, no norte. Durante o traxecto subiu ao tren un individuo que sentou á miña beira e de alí a pouco tentou establecer conversa comigo. Ao longo da viaxe foi interesándose por diferentes cuestións sobre a miña orixe e a miña cultura e logo, con moita habilidade, pasou a interesarse polos motivos da miña viaxe e polas miñas opinións políticas. Como eu coñecía varios países árabes, fíxome tamén diversas preguntas sobre eses países, e moi especialmente quixo saber a miña opinión sobre Túnez. Estaba moi interesado na miña visión persoal da situación política e social do seu país. Case ao final da conversa preguntoume a miña profesión. Xornalista, díxenlle eu, que daquela exercía a miña actividade profesional nun diario. Perigosos individuos, os xornalistas, contestoume expresivamente. De seguido, pregunteille pola súa profesión. O individuo levou a man ao peto da chaqueta e sacando unha placa identificativa contestoume: policía secreto.

6.2.04

Círculo

Aznar di que el non dixo que en Irak houbese armas de destrucción masiva, que el llo oiu dicir a Blair, e Blair di que el non dixo que en Irak houbese armas de destrucción masiva, que el llo oiu dicir a Bush, e Bush di que el non dixo que en Irak houbese armas de destrucción masiva, que el llo oiu dicir a George Tenet, o director da CIA, e o director da CIA, que non está seguro de se Aznar é presidente de España ou de Polonia, di que el non dixo que en Irak houbese armas de destrucción masiva, pero tampouco se atreve a dicir llo oíse dicir a Aznar e agora non pode pechar o círculo. Así que a culpa foi do chachachá. E todos catro miran para Kofi Annan, por engreído.

14.1.04

Marrocos

O xornalista marroquí Ali Lmrabet está a converterse no auténtico símbolo da liberdade nun réxime putrefacto. Indultado pola coroa alauí ante presión da opinión pública internacional como consecuencia das súas reiteradas folgas de fame, Ali Lmrabet fora encadeado por publicar informacións satíricas acerca de Mohamed VI. O máis curioso é que outros moitos presos (unha boa parte deles saharauis) continúan na cadea, víctimas da dictadura e da violencia que de forma sistemática exerce un estado (o marroquí) protexido por Occidente e moi especialmente por unha Francia (o país onde naceron as liberdades individuais) que desde hai anos coquetea incondicionalmente co reinado alauí, pechando os ollos ante a continuas violacións dos dereitos humanos.