15.2.04

Sorpresa

Hai uns días contaba unha anécdota que me sucedeu en Gales. A verdade é que de Gales podería contar moitas, pero hai outra que me resulta especialmente significativa. Era un día chuvioso –un dos moitos do verán galés– e estaba eu remexendo entre os CDs dunha tenda de discos de Aberystwyth. Interesábame averiguar que se estaba a facer na música galesa. Neses días descubrín, por exemplo, a Siân James ou a Dafydd Iwan (algo así como o Suso Vaamonde de alí). Hai que recoñecer que a galesa é unha cultura moi minorizada pero, nestes momentos, combativa, pletórica e orgullosa de si mesma. Cando xa acabara de botarlle unha ollada á sección de música galesa, pasei por alto a sección de Músicas do Mundo e centreime noutra que me chamou moito máis a atención. Os cedés estaban agrupados baixo a denominación de Culturas en Extinción e, cando menos, imaxinei que alí habería cancións dos indios arapahoes. Ante a miña sorpresa, o que atopei foi un disco de Uxía. Aquilo foi un disparo mortal ao corazón.

Ningún comentario: