No ano 1994 fíxenlle unha entrevista, para a Revista Galega de Educación, a Joaquim Arenas, daquela director do Servicio do Ensino do Catalán da Generalitat e responsable do proceso de inmersión lingüística. Algúns anos despois, coincidín con el nunha viaxe do Bureau Européen pour les Langues Moins Répandues que nos levou ao sur de Italia, a unha zona en que se fala unha lingua chamada griko, zona á que acudiamos como observadores.
Hoxe, reproduzo parcialmente en Cabrafanada aquela entrevista porque me parece de moito interese e actualidade para a situación do galego no ensino. O discurso da inmersión lingüística segue a ser dunha grande consistencia teórica e pedagóxica.
—¿En que consiste a inmersión lingüística?
—A inmersión lingüística é o metodo de aprendizaxe precoz polo cal un neno aprende unha segunda lingua, na cal é educado e instruído. A inmersión constitúe un proxecto didáctico de ensino da lingua, proxecto que é bilingue, e polo tanto ten cabida nel, en certa proporción, a lingua do fogar para nenos de lingua dominante.
—¿Por que a inmersión lingüística vai dirixida precisamente ós nenos castelán-falantes?
—Porque os castelán falantes son os únicos alumnos que ó se incorporaren ó ensino en Cataluña non coñecen o catalán. Os demais alumnos, de familia catalano parlante, coñecen o catalán e o castelán, e polo tanto non ten sentido aplicarlles a inmersión lingüística para ningún dos dous idiomas, nin para o catalán nin para o castelán. A realidade idónea da inmersión é a do descoñecedor do idioma, e a súa aplicación non é exclusiva do catalán: a inmersión serve para o francés, para o inglés, etc.
—¿Cales son os obxectivos da inmersión?
—O obxectivo da inmersión é que o neno consiga unha competencia lingüística e comunicativa que lle permita desenvolverse canto antes tanto na lingua nova como na lingua familiar que xa coñece e que tamén activa na escola.
—¿Que tipo de didáctica se aplica na inmersión lingüística en Cataluña?
—Fixemos unha grande aportación a como debía facerse a inmersión. Formamos mestres, asesores, especialitas para a inmersión, publicamos unha bibliografía e material que supera os 150 libros, cada vez máis riguroso. Todo isto constitúe a grande aportación que fixo a inmesión catalana á inmersión universal.
Elaboramos un programa amplo, vasto, con variantes importantísimas, como a súa propia promoción: explicar o programa. É trascendental que un concelleiro calquera, por exemplo, saiba en que consiste un programa de inmersión, como se vai aplicar, que factores o compoñen, como tamén é trascendental darlles información e formación técnica ós mestres e proporcionarlles un asesoramento lonxitudinal ó longo de todo o curso, ou informar ós pais e facerlos partícipes deste programa que é un proxecto educativo para os seus fillos. Tratábase de concienciar a tódolos implicados.
A avaliación anual dos coñecementos dos nenos e os estudios de rendemento puntual de lóxica matemática, de catalán e castelán cada tres ou catro anos son outra particularidade importante do programa. Ademais, a inspección informa anualmente sobre o rendemento dos programas en concreto, polo tanto cremos que é un programa que ten as suficientes garantías, base científica e modelo didáctico abondo como para obter os resultados que obtén.
—¿Na escola prodúcese unha comunicación fluída entre os rapaces e os mestres durante a inmersión lingüística?
—No método de inmersión é imprescindible a comunicación neno-mestre. A importancia desa comunicación vén dada porque o mestre fala unha lingua que o neno non sabe. Pero a lingua non é a única vía de comunicación: existen estratexias que se basean sobre todo na afectividade, na mímica, ou que utilizan certos tipos de expresións e frases en catalán moi simples e semellantes ó castelán, para que o neno entenda. Pois ben, tamén practicamos unha estratexia que consiste en usar un elemento foráneo á clase. Para esta estratexia disponse dun títere, ou dun animal de peluche, ou dun calcetín en forma de gusano. Ese boneco intervén cando existen necesidades apremiantes de comunicación e exprésase en castelán, na lingua do neno. A mestra faino falar en castelán cunha voz diferente, comentando co neno aquilo que en catalán non entendía. Trátase dunha estratexía moi simple pero dunha grande productividade pedagóxica. ¿Por que non llo pode dicir directamente a mestra en castelán? Pensa que no programa de inmersión se produce un cambio da lingua da casa por unha lingua da escola, que para o neno é segunda. Pero na escola a segunda do neno é a primeira, e a primeira do neno é a segunda. Existe un cambio de lingua e daquela hai que evitar que se produza unha disfunción na comunicación. Se o mestre falase en castelán o neno despistaríase, porque a virtude do programa de inmersión consiste precisamente na contextualización. O mestre sempre fala en catalán, e o neno non, o neno vai facendo pouco e pouco o seu proceso adquisitivo e, cando lle parece, introduce unha palabra en catalán. Normalmente, ó cabo de ano e medio comeza a falar en catalán. Pero sen que ninguén lle diga nunca que fale en catalán.
—Nese sentido, a inmersión é un método pedagóxico moderno.
—Como inversión educativa éo, pero o sistema en bruto é unha obra de ofebrería, porque se foi perfeccionando e ten unha base científica colosal, baseada en estudios –non en hipóteses senón en teses confirmadas da psicolingüística, da pedagoxía, da socioloxía– e tamén baseada nos resultados obtidos. E, sobre todo, baseada na metodoloxía aplicada que son as didácticas. Pero o principio de inmersión xa se aplicaba en tempos dos romanos, que tiñan escravos gregos para que pasasen o día acompañando ós seus fillos e lles falasen en grego, porque así aprendían unha lingua, o grego, que tiña un prestixio cultural superior ó do latín. Polo tanto alí practicábase unha inmersión. E cando eu era un neno –antes de saber que existía a palabra inmersión– observaba procesos de inmersión que se practicaban en Cataluña cos nenos de familias burguesas, que tiñan as súas mademoiselles, as súas miss, as súas fräulein que os acompañaban e lles falaban no idioma correspondente de cada unha. E os nenos axiña distinguían cando se tiñan que referir a elas en inglés, francés ou alemán. Ora ben, unha cousa é programa de aprendizaxe de linguas caseiro, e outra cousa diferente é a planificación dunha educación que se sirve da inmersión lingüística.
Ningún comentario:
Non se permiten novos comentarios.