13.8.09

O futuro da lingua

Este é un artigo meu publicado en La Voz de Galicia, en maio de 2002. ¿Que cambiou nestes máis de sete anos? Que unha corrente minoritaria, moi rancia pero con moito poder político e económico, tratou de vehiculizar estas circunstancias en contra da lingua galega.

O futuro da lingua

Sexamos francos; a sociedade galega non se preocupa demasiado polo futuro da súa lingua. O da lingua, nin é un tema socialmente importante nin está nas cavilacións da maior parte dos cidadáns. E, á marxe dos pronunciamentos politicamente correctos, os últimos traballos de investigación (e, sobre todo, unha simple ollada á sociedade) demostran esa apatía dos galegos e galegas con respecto á sorte da súa lingua. Corenta anos despois de que Celso Emilio Ferreiro definise o galego como «lingua proletaria do meu pobo», e a pesar dos innegables avances, penden sobre ela case os mesmos prexuízos que daquela. Hoxe, e coa complicidade dunha TVG folclorizante, o galego segue estando maioritariamente asociado ás clases sociais máis desfavorecidas, ou aos perseverantes nacionalistas e aos profesores de galego. Ademais, a presión desgaleguizadora da escola resulta esmagadora. De feito, é extraño o neno ou nena que, logo de ser educado en galego, non sufra o abandono da súa lingua ao ser escolarizado: para non sentirse «distinto» acaba falando exclusivamente en castelán, mesmo cos seus pais.
Se algo se desprende de todo isto é que logo de vinte anos da posta en marcha da Lei de Normalización Lingüística, o balance non pode ser positivo. Ademais, no ámbito político prodúcese un feito dobremente perverso. Por unha banda, os partidos de configuración estatal autoexclúense da promoción e defensa da lingua galega, e déixanlle ao nacionalismo o campo libre. Por outra, e en consecuencia, o nacionalismo tende a unha perigosa patrimonialización do galego. Nestas circunstancias, os cidadáns acaban por asumir que hoxe a lingua, que pertence á identidade cultural de todos os galegos e galegas e non ten ideoloxía (as linguas non a teñen), é unha cuestión que só lle afecta ás persoas que se identifican politicamente co nacionalismo.
A pesar de todo, é certo que a nosa lingua ten vida para moitos anos. Pero unha cousa é a vida e outra a vitalidade. Por iso, para vitalizar e restituír socialmente o galego no lugar que lle corresponde é necesario un apoio participativo das e dos cidadáns e unha nova e decidida política lingüística, que implique a todos os sectores sociais, que teña obxectivos e seguimento e que neutralice os principais prexuízos da poboación. Mentres tanto, en torno ao 17 de maio, o Día das Letras Galegas, teremos que seguir falando da lingua en vez de facelo de literatura.

FRAN ALONSO

Ningún comentario:

Publicar un comentario