18.10.25

Discurso Premios Xerais 2025

 


DISCURSO DE APERTURA DOS PREMIOS XERAIS 2025

Museo do Mar de Galicia

11 de outubro de 2025

 

FRAN ALONSO

DIRECTOR DE XERAIS

Bo día:

Benvidas, benvidos, benvides. Moitas grazas por acompañarnos. Celebramos hoxe unha nova edición dos Premios Xerais. Pero hoxe, sobre todo, celebramos o 40 aniversario do Premio Merlín de Literatura Infantil. Seguramente non me equivoco se digo: o aniversario dun premio que ao longo destes 40 anos se converteu na espiña dorsal da nosa literatura infantil. Foron 40 anos de esforzo colectivo e mancomunado; 40 anos de arelas; 40 anos de ilusión; 40 anos de expectativas. Son 40 anos alentando a literatura infantil e xuvenil galega; 40 anos facendo historia, facendo historias; 40 anos de acompañamento, acaroado ao pé dunha literatura infantil e xuvenil en estado de abrente, que daquela, e ao longo de toda a década dos 80, cando se creou o premio Merlín, librara unicamente 101 títulos, como refiro con máis detalle nese artigo titulado “40 anos de camiño” que tedes na revista conmemorativa depositada sobre as vosas cadeiras.

O veredicto do Premio Merlín de Literatura Infantil e Xuvenil naquela primeira edición de 1986 enchía de esperanza o camiño, sementábao para que abrise, sachando nas estremas a cada nova edición, para ensanchalo e que medrase coa forza dun proxecto editorial anovador e impetuoso e dun tempo desexoso de cambios. A gañadora da edición inaugural foi unha muller: a escritora Úrsula Heinze, coa novela titulada A casa abandonada, un libro que vendeu case 9.000 exemplares.

Desde aquela, o Premio Merlín, como a colección que o abeiraba, filtrouse entre as mesas das aulas e as mochilas dos estudantes, filtrouse entre os andeis das bibliotecas, filtrouse por debaixo da portas das librarías, filtrouse por debaixo das portas das casas e das familias e, sobre todo, filtrouse, coma ese sol discreto que racha a néboa, nos soños dun país capaz de erguer unha cultura de seu, imaxinativa e poderosa, crucial na construción dunha sociedade lectora. E esa capacidade para filtrarse, para enchoupar unha sociedade, quedou rexistrado coma unha radiografía, e continúa a facelo, nas faíscas que prenden na ollada dunha nena ou neno que remata e pecha un libro, nese sorriso cómplice e imperceptible da lectura que aniña para sempre, e coma un faro invisible, dentro dunha cabeciña cativa e mol, balizando os marcos que guiarán o seu futuro.

Por certo, algunhas desas cabeciñas que no seu día leron na escola os libros premiados nas primeiras convocatorias do Merlín, fosen da autoría de Úrsula Heinze, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, ou outra, tamén foron quen, anos despois e tecido parte do periplo da vida, de gañar o Premio Merlín, respondan aos nomes de Érica Esmorís, Andrea Maceiras, Antonio Manuel Fraga, María Canosa, Ledicia Costas ou a outros.

Xa que logo, o círculo está completo… pero nunca… pechado.

O círculo continúa aberto porque en Xerais traballamos desde o agarimo á literatura infantil e xuvenil, desde a reivindicación da súa dignidade, da súa dimensión… xigantesca.

Estabamos en 1986, e dez anos despois da súa creación, en 2006, o Premio Merlín de Literatura Infantil e Xuvenil desprendeuse do segundo apelido para se converter nunha cita unicamente para a literatura infantil. En realidade non se trataba dun divorcio, senón dunha rica convivencia de feito. A traxectoria do galardón bifurcábase, creándose tamén o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil.

En Xerais non dubidamos de que tanto a literatura infantil como a xuvenil serven para facernos máis felices e tamén, tamén, máis conscientes. E, por suposto, máis dialogantes. Porque como dixo Bernardo Atxaga citando a Salinger no seu Alfabeto sobre a LIX, os nenos e nenas nunca falan cos adultos do que verdadeiramente lles importa.

A literatura infantil e xuvenil serve, por exemplo, para compartir as preocupacións universais de Samira e sentir tenrura por ela; por Samira, unha nena palestina que naceu nun libro infantil do escritor Ghazi Adebl-Qadir e que hoxe, probablemente, estará morta; estará, con bastante certeza, abrasada entre as cinzas do que noutrora foi un libro e hoxe son borralla que conforma a pegada brutal do xenocidio que Israel comete impunemente en Palestina, ese xenocidio que devolve o ser humano aos trazos máis primitivos e feroces da animalidade, onde a lectura e o respecto nin sequera teñen cabida.

Pero, para a sorte do coñecemento humano, Samira resucita en cada biblioteca que alberga o libro de Ghazi Adebl-Qadir, en cada páxina en que latexa o seu corazón, en cada lectora ou lector que a revive. Ese tamén é o milagre da literatura, ese que, por fortuna, non se pode borrar.

En fin, regresemos ao Premio Merlín, porque non quixera deixar de atribuírlle outro mérito, non menos importante: o de facer posible que as nenas e nenos galegos puidesen ler, fabular e soñar na súa propia lingua logo do ermo da longa noite de pedra. E, sobre todo, medrar cos sons, coas palabras e cos referentes que esa lingua lles proporcionaba.

Si. Ao longo de todos estes anos, o Premio Merlín creou lectoras e lectores, creou ilusión e tamén creou na infancia ese vencello imprescindible... co idioma que nos define e identifica, creou ese veludo agarimoso, esa alfombra máxica que nos permite voar.

Non cabe dúbida de que o Premio Merlín deu, deunos, dá moitas alegrías, pero tamén bateu con adversidades. Unha das adversidades coas que tristemente bateu a literatura infantil e xuvenil galega foi a dos prexuízos pola lingua en que se expresa.

 Como editoras e editores sabemos que precisamente por iso, a súa defensa require un esforzo maior. E require a complicidade do profesorado, das bibliotecarias e bibliotecarios, das lectoras e lectores… e a complicidade das librarías.

Desde Xerais só concibimos as librarías como aliadas. E, ademais, queremos crer que aliadas… do libro galego. As persoas que teñen ese fermoso oficio de tratar con libros (e digo tratar no sentido tradicional, que outra cousa non é a venda senón un trato: de concordancia e conformidade, entre a libreira/o e a lectora ou lector)… das persoas que teñen ese fermoso oficio de tratar con libros, repito, agárdase esa sensibilidade especial que provoca a empatía do que é xusto (esa empatía que tamén provoca, por certo, a venda). As persoas que teñen ese fermoso oficio de tratar con libros precisan esa luz na conciencia que os leva a defender o que é propio, o que é de todos. Ese ben sobre o que temos unha responsabilidade compartida.

O pasado ano, desde Xerais, propuxemos na Asociación Galega de Editoras que se trasladase ás administracións públicas e tamén á Federación de Librarías de Galicia a necesidade de crear unha nova liña de axudas ou subvencións. Unha nova e, estamos seguros, nestes momentos estratéxica liña de subvencións por parte da Xunta de Galicia. Pero, atención, non solicitamos que esa liña de axudas fose para as editoras. Tampouco para a escritoras e escritores. Solicitamos que esa nova liña de subvencións beneficie ás librarías e que se faga en función da súa facturación sobre a venda de libros en lingua galega. A maior venda de libros en lingua galega, maior contía na axuda pública. Non temos ningunha dúbida de que é unha medida xusta, necesaria e crucial nun momento en que o libro galego factura unicamente o 8% do total dos libros vendidos en Galicia.

A día de hoxe temos coñecemento de que esa medida xa forma parte de propostas e negociacións e temos a confianza de que ninguén se vai opoñer a unha medida coma esa. Quen podería opoñerse a unha subvención que unicamente suma e non resta? Non si?

Ás veces pode semellar anacrónico falar de xustiza ou de conciencia en tempos en que os mercados son os únicos actores que impoñen o ritmo ao que respira o planeta. Pero… que sería da literatura sen conciencia? Que sería de Palestina sen conciencia? Que sería dos perseguidos e marxinados sen conciencia? Que sería da democracia… se non a defendemos desde a conciencia?  E… que sería do libro galego se non partimos da conciencia de unir as nosas voces e as nosas demandas?

O ano pasado, co Premio Nacional de Poesía que recibiu Materia, de Yolanda Castaño, editado por Xerais, salientabamos a excelencia da poesía galega, con catro Premios Nacionais gañados nos últimos seis anos. Esta semana, a alegría acaba de dárnola Samuel Merino, elixido como gañador do Premio Nacional de Poesía Viva entre máis de 500 candidatos, un autor que onte recitou Manual de camuflaxe en galego no Thyssen.

Pero este ano é obrigatorio salientar a excelencia da literatura infantil e xuvenil galega. No Premio Lazarillo, convocado pola OEPLI para obras de literatura infantil e xuvenil nas catro linguas do Estado, foron premiadas 11 obras en lingua galega durante os últimos 25 anos. A proporción é abraiante para unha poboación tan pequena coma a nosa.

Editamos historia, editamos historias, editamos boas historias. Grazas por escribilas. Grazas por recomendalas. Grazas por prescribilas. Grazas por vendelas.

Editamos porque cremos na empatía, cremos no diálogo, cremos no futuro. Aínda que ás veces editemos libros que nos gustaría non ter que editar, como Lume. Análise social dos incendios forestais, escrito polas investigadoras Elvira Santiago, Carmen Rodríguez e Ariadna Rodríguez, que chegou ás librarías o mes pasado. Sen dúbida, é un libro que queima na pel, pero que supón unha reflexión necesaria que achega solucións a ese esquecemento ao que está sometido o rural, onde o lume prende con tanta voracidade.

Ás veces, as apostas editoriais son necesarias, como a que fixemos coa serie Heartstopper, traducida ao galego por Nee Barros, dentro desa liña de visibilización que mantén Xerais a prol dos contidos LGTBIQA+. É unha sorte que o Premio Xerais de Novela 2025 camiñe nesa mesma dirección. As de Heartstopper son historias que conquistaron e conquistan a ilusión de moitos adolescentes de todo o planeta que non queren un mundo monolítico e reivindican o dereito á súa orientación sexual e identidade de xénero.

Este ano temos un Premio Merlín extraordinario: Erin e o lobo, de Érica Esmorís. Unha novela simbólica, que provoca unha lectura enfeitizada, durante a que as palabras cobran valor ao seren pronunciadas en comunidade. Por fortuna, tamén temos un extraordinario Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil: O corvo sobre a neve, de Andrea Maceiras. E celebramos que ela non estea hoxe aquí. Celebrámolo porque está no respouso imprescindible para afrontar esa experiencia extraordinaria que debe ser traer un novo lector ao mundo: o seu primeiro fillo, que se chamará Alén. O corvo sobre a neve é unha novela fantástica na que a aventura e a literatura se dan a man nun mundo dominado pola Intelixencia Artificial.

O Premio Xerais de Novela 2025 chega da man de Abril Camino, que se estrea na nosa lingua -na súa lingua- (benvida!) baixo o título Mulleres que viven xuntas, unha novela marcada pola paixón amorosa entre dúas mulleres nos difíciles tempos do franquismo e a represión.

Aínda que non o dixen ata o de agora, elas tres son hoxe as protagonistas; elas tres centran hoxe a nosa atención; elas tres son hoxe o presente e o futuro da literatura galega. Xa que logo, para as tres, moitas grazas.

Por fortuna, a literatura renóvase en cada lectura e xa agora intuímos que Alén quere vir ao mundo, cando menos, para desfrutala. A vida non deixa de ser unha ousadía, ás veces cruel, coma este ano cando abandonou ao escritor Carlos Taboada, tan prematuramente. Carlos acababa de publicar connosco O caderno de Roque no mes de xaneiro. Nos últimos meses tamén faleceron o escritor Bernardino Graña (os seus libros de poemas sementaron as raizames fundacionais da editorial) e o dramaturgo Manuel Lourenzo, a quen acollemos na colección de Clásicos.

É xa o intre de darlles voz ás protagonistas deste ano. Pero antes, queremos compartir os nosos agradecementos. Por suposto, ao xurado, pola súa xenerosidade e por asumir un papel tan comprometido. E tamén, para comezar debemos agradecer o importante apoio da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, así como a cesión que nos fai deste espazo: grazas a ese apoio podemos poñer nas vosas mans estes exemplares de agasallo dos tres libros gañadores dos Premios Xerais 2025. Hoxe, en representación da Xunta de Galicia acompáñanos Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística, a quen lle agradecemos a súa presenza e o seu interese.

Tamén queremos agradecerlles a súa presenza á presidenta de GALIX, Irene Penas; á representante da Federación de Librarías de Galicia, Celia Fernández; así como á representante da Real Academia Galega, Ana Boullón. Comprácenos o seu acompañamento institucional, igual que nos comprace o de Alicia Soria, responsable da área Infantil e Xuvenil do Grupo Anaya.

E non debemos dar por rematada esta intervención de apertura sen o recoñecemento a todas as persoas que fan posible este acto: a Sara Vila pola coordinación dos Premios Xerais; a todo o equipo da editorial pola súa sensibilidade e a súa entrega; á nosa rede comercial e de promoción, que lles dá vida aos libros levándoos ás mans das lectoras, lectores e aos centros de ensino; ao estudio de gravación de Casa de Tolos que está a retransmitir en directo este acto; a Manuel G. Vicente, que leva moitos anos fotografando estes premios; á empresa AT SERVICIOS, que nos acompaña cada ano nas montaxes dos Premios Xerais e do Culturgal; ao persoal de Albarín Catering, e á dirección e todo o equipo do Museo do Mar pola hospitalidade e atención.  

Coa proximidade do ano 2026, que festexará con xustiza a obra de Begoña Caamaño, neste 2025, a celebración das Letras Galegas ten un significado moi especial: aquel que recoñece o papel e o valor das mulleres na poesía oral popular, a figura das cantareiras e, claro, das pandeireteiras.

Precisamente por iso, ao remate do acto teremos unha actuación ben asisada: a de Adonairare, un grupo de música tradicional galega, no que as cantareiras e pandeireteiras nos ofrecen o mellor da nosa tradición oral. A elas, moitas grazas por acompañarnos nesta festa, a festa da palabra, a que pode ser escrita nun papel pero que, moito antes, naceu elaborada e pronunciada desde a oralidade. Música e poesía, da man. Moitas grazas.

Agora si, por fin, cédolle a palabra á xornalista Susana Pedreira, que temos a fortuna de que nos acompañe poñendo a súa valiosa profesionalidade ao servizo destes Premios, conducindo novamente este acto.

Moitas grazas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario