24.1.08

A colleita do rock serodio

A primeira vez que escoitei na Radio Galega a canción «Non chas quero», se cadra a máis coñecida de Os Diplomáticos de Monte Alto quedei prendado daquel son que, inesperadamente, introducía o acordeón para caldear un ritmo que chega con facilidade á paixón do corazón. Desde aquela, foron saíndo á luz unha serie de grupos de rock en galego que levaban algún tempo a enredar con guitarras, baterías, gaitas ou acordeóns.
O programa Sitio Distinto de Antón Reixa, co seu apartado Pop de batea, levado por Xurxo Souto, constitúe un pulo que se botaba en falla para crear unha canle de expresión para o rock en galego, con moitas dificultades para se desenvolver en circuitos normais.
A aparición pública de Os Verjalludos, tamén saídos dese prodixioso barrio coruñés chamado Monte Alto, fíxonos, a moitos, recuperar a esperanza na pronta aparición dun rock de expresión galega de certa solidez. Os Verjalludos, véselles ben, aprenderon moito do rock radical vasco e souberon, con éxito e gracia, incorporar a gaita ó seu bo facer musical.
Tampouco Os Kinindiola, liderados por Xelís de Toro, se quedan atrás no aquel de crear un estilo duro no rock galego.
Deste xeito, o abano de posibilidades da nosa música rock ábrese e crea expectativas. Posiblemente, aquel terreo aparentemente ermo que Os Resentidos deixaron ó seu paso fora ciscado de semente serodia.
En todo caso, os primeiros froitos están a agromar para o rock de expresión galega nun panorama moito máís esperanzador do que poderiamos pensar. En Cangas, Pronóstiko Reservado é un grupo que define a súa música como «rock radical galego» e está formado por tres rapaces que tamén tocan na Banda Municipal. E Xela Arias escribiu letras para o grupo Os desertores que seica axiña van sacar o seu primeiro elepé. Se cadra, a semente serodia medra con moita máis forza do que podiamos imaxinar.

Diario 16 de Galicia, xoves, 20 de decembro de 1990

Ningún comentario: