El gallego lingua
Maldita condenada
Lingua do Demo
Lingua desprezada e desprezable
Lingua miserable e dos miserables
Lingua ruín lingua
Ferruxe lingua farrapo lingua de esmola
Lingua de pedire ós camiños
Un codelo de nada un corrosco
Na choiva a mendigare por sempre
O baleiro infernal
Da friaxe na igrexa
Lingua ignorante lingua
Pailana lingua analfabeta
Lingua sucia lingua
Marrá lingua suorenta
Lingua falsa perversa lingua
De noxo cativa lingua de merda
Lingua ventrílocua lingua
Bilingüe lingua discordante
Lingua inharmónica ho
Lingua deformada e
Sen formarse lingua espida de si
E de non lingua sen fros
Lingua sen vocábulos lingua
Sen bocas lingua sen linguas
Lingua sen azos
Lingua vella de mil anos vella
Artrítica coas maos encalecidas arreo
A tola que leva as unllas
Negras de lama e de bosta
Lingua raquítica lingua
Enfermiza lingua moribunda
Lingua a degoirare cadora
Mete–lo zoco na foxa
Lingua dos ladróns
Lingua dos furtivos
Lingua dos contra
Bandistas
Lingua esfameada
Lingua adulterada
Lingua de estraperlo
Lingua de pan
Bruno lingua de pan
Ácimo vituperio de lingua con ise ácido
Celme na punta crebada da lingua
Lingua atea até a lingua
Lingua blasfema até os miolos
Lingua profana lingua
Sacrílega sen máis deus có
Triste lampexare do estrume
Lingua animal guindada
Ós animais coma quen guinda a Peste
Lingua parida ó son de por e prás bestas
Lingua vaca lingua mula
Lingua ovella lingua galiña
Lingua porca destinada a padecere
O seu propio coitelo no seu propio matadoiro
Lingua raposa lingua
Fulana lingua candonga
Aberta decote de pernas
Pra que todos a fodan
Pra que todos lle golsen
Lingua bastarda filla de
Puta que ninguén quere xa
Nin sequera os que lle pagan
Nin sequera os que a soban
Lingua daniña lingua
Pezoñenta lingua perigosa
Terrorista que todo Cristo
Xostrega á que todo Xudas lle
Cospe
Todo canto fago todo
Canto falo condenada
Lingua do Demo
É por ti
ASIEU
Xoán Abeleira
31.1.08
Non si (e II)
O poeta Xoán Abeleira envíame un poema sobre a lingua galega, que reprooduzo a continuación. Titúlase "Non si (e II)". A imaxe inferior tamén é unha selección do propio Abeleira.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Non se permiten novos comentarios.