Hoxe fun ao curro de San Cibrán, un lugar magnífico para pasar o día. Desde que era un adolescente coñezo bastante ben os curros da Groba e adoito ser un incondicional do de Mougás. Con todo, hoxe fun ao de San Cibrán por vez primeira. Un curro é un incrible lugar de contrastes, onde as tradicións máis ancestrais (e con seguridade moitos votantes do PP) se dan a man cos novos tempos: bestelleiros de pelopincho verde e nissan patrol, rap no radiocasete, inmigrantes peruanos vendendo sombreiros nos telderetes compartidos coas pulpeiras...
Alí tamen se pode ver a Galicia rancia, a do posto que anuncia en castelán "Todo lo necesario para el caballo y el jinete, Paramos, Tuy" ou a que representa aquel bestelleiro de bitoge aznariano que suxeitaba o seu cabalo cunha correaxe formada, integramente, pola bandeira española.
Pero a verdade é que os curros (a excepción é o de Sabucedo, que non che me gusta nada nadiña) son lugares aínda auténticos, esa Galicia brutal, irredenta, salvaxe e indómita; esa Galicia bravú que é parte da nosa identidade.
Hoxe, en San Cibrán tamén houbo tensión porque a xente andaba entre os cabalos con excesiva confianza e produciuse un momento dramático: un cabalo desbocado foi quen de se ceibar das cordas coas que o amarraban os bestelleiros que o marcaban a ferro e pateou a unha neniña de cinco ou seis anos, guindándoa polo aire. Atendérona na ambulancia que permanece alí durante toda a xornada e seica se recuperou sen problemas.
Ningún comentario:
Non se permiten novos comentarios.