13.12.10

A Casa da Lectura, unha experiencia abraiante

O que está a suceder na Casa da Lectura todos o mércores é realmente fermoso e singular, algo que nos enche de orgullo a todas as persoas (moitas, afortunadamente), que participamos nese proxecto. A Casa da Lectura transfórmase cada semana de xeito incrible, cunha asombrosa versatilidade (como se pode ver nesta relación fotográfica), para acoller todo tipo de actividades baseadas nos libros e na lectura, actividades, na súa práctica totalidade, realizadas por voluntarios vencellados a Espazo Lectura.
¿Que é a Casa da Lectura? Pois é unha biblioteca e un centro de actividades en torno ao libro e á lectura xestionado por Espazo Lectura, situado no ámbito rural, que se converteu nun espazo de encontro co libro, coa lectura e coa promoción dos hábitos lectores. A Casa da Lectura construíuse a partir da recuperación dunha antiga escola rural en desuso (a transformación está nestas imaxes), integramente rehabilitada por voluntarios, logo dun acordo co centro escolar ao que pertencía (CEIP Souto-Donas) e co Concello de Gondomar. A partir de aí transformámolo en biblioteca e centro de dinamización lectora.

A min, que o vivo, francamente, o que sucede na Casa da Lectura (á marxe do que sucede tamén no resto de actividades da asociación, que supoñen 12 días fixos ao mes ás que se lle suman as actividades non estables), dicía, o que sucede na Casa da Lectura paréceme un milagre que só é posible grazas ao entusiasmo, á entrega e ao volutarismo das persoas que participan. Non hai máis que ver nas fotos que reproduzo abaixo a complexidade das propostas plásticas que se levan a cabo cada semana. Un grupo amplo e diverso de persoas, coordinadas por Bea Pereiro, e coa frecuente colaboración plástica de Irene Silva e Beatriz Núñez, logran que ese miragre sexa posible, ao que se suma o apoio especial de todos os socios protectores e dos socios numerarios. A todo o equipo, os meus parabéns. Para tod@s nós é un orgullo pertencer a este proxecto.

Todas as persoas que compoñemos o equipo de Espazo Lectura (comentámolo con frecuencia) sentimos a emoción e o entusiasmo que supón ser parte dunha iniciativa intensamente gratificante e participativa, a pesar do inxente traballo que conleva para cada un de nós. Desde logo, nin a Casa da Lectura nin todo o proxecto de Espazo Lectura sería posible sen o apoio das numerosas persoas que enchen día a día as actividades que se organizan, o que demostra que os libros e a lectura tamén poden constituír un ámbito fundamental de encontro e relación social.





Ningún comentario:

Publicar un comentario