Amosando publicacións coa etiqueta poeta. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta poeta. Amosar todas as publicacións

14.11.25

A palabra como fogar: na casa de Xela Arias


 

Alegreime inmensamente de que se propuxese escribir o texto e poñer a miña voz para este vídeo sobre Xela Arias da serie «Na casa delas». Agradecidíisimo. Reproduzo tamén o texto orixinal, que tiven que resumir un chisquiño para axustalo ao tempo do vídeo.



XELA ARIAS

LUGAR: GRANXA ESCOLA BARREIROS (SARRIA)

Outro espazo: Casa familiar da Vilerma.

 

As persoas habitamos espazos e tempos. Espazos que sempre están en relación cun tempo. E ese tempo, o tempo de Xela Arias na Granxa Barreiros, en Sarria, foi o de apalpar a vida; o de tenteala e facela súa, apropiarse dela.

«Tiña eu antes de ti dúas mans para apaña-lo mundo» diralle Xela moitos anos despois ao seu fillo no poemario Darío a diario.

O 4 de marzo de 1962 Xela Arias naceu para apañar o mundo brincando entre as hortas e as aulas da Granxa Escola Barreiros, onde o seu pai, Valentín Arias, impartía  clases e a súa nai, Amparo Castaño, se ocupaba do servizo de comedor. A institución fora fundada en 1948, baixo agochados principios galeguistas e republicanos, por Antonio Fernández.

No espazo daquela insólita escola unitaria, tan insual en tempos complicados do franquismo, Xela pasou os seus tres primeiros anos de vida nun ambiente de liberdade. Era esa liberdade inaugural e inconsciente que logo lle ditou os referentes da súa maternidade cando se dirixía ao seu fillo:

 

«Nada que ver coa posesión.

Non te posúo nin quero.

Cóidote, ámote e manteño a esperanza

de aprenderche a te posuíres».

 

Que queda en nós, persoas adultas, deses tres primeiros anos de vida? Lembranzas, apenas. Pouso, moito. Determinación? Se cadra.

Cando Xela contaba con tres anos, o seu pai aceptou un novo traballo en Lugo, e cando aínda tiña sete outro traslado levouna a Vigo, a cidade coa que empatizou e que acabou por configurar a súa obra literaria.

Pero aquela Xela Arias urbana, autora de Denuncia do equilibrio e das letras das cancións do grupo rock Os Desertores, que se identificaba moito máis con Lou Reed que cos poetas galegos do seu tempo, mantiña nos seus versos malia todo, como indicou a poeta Olga Novo, a memoria dos bóvidos que fixera seus na parroquia de Ortoá, onde se ubicaba a Granxa Escola Barreiros:

«Vencen cabalos alaranxados os rebumbios das frases / cortadas», sentenciou nun dos poemas.

Esas referencias á animalidade acomodáronse tamén no título do seu poemario Tigres coma cabalos, urbano e intenso.

Non se pode negar que a traxectoria de Xela Arias é indisociable da cidade de Vigo: «Desde os 7 anos vivo en Vigo e a miña cultura é urbana», escribiu; aínda que tamén puntualizou: «O urbano non é parte de min senón unha circunstancia da vida».

E, ás veces, as circunstancias da vida determinan a través dos espazos, como a determinou tamén a Granxa Escola. «O medio fórmanos», asegurou tamén Xela Arias.

De feito, ata a súa primeira adolescencia retornaba coa familia nas vacacións, non xa a Barreiros senón á casa da Vilerma, a escasa distancia de alí, onde nacera Valentín Arias. A aquel espazo de liberdade onde aprendera a andar, aprendera a apañar o mundo, e quen sabe!, se cadra aprendera tamén, inconscientemente, a definir o poema.

Porque ao final, as palabras foron para ela un espazo, un espazo de definición, de autoafirmación, de rebeldía e de procura que aprendeu a pronunciar, por vez primeira, nos silencios e nas paisaxes natais.

Era ese espazo iniciático que a devolvía aos afectos, igual que a palabra, igual que o verso, igual que o poema derradeiro do seu libro derradeiro, Intempériome:

 

Incéndiate

         á calor da observación.

 

E repasa logo a ollada

no pouso

dos afectos.

23.12.20

Letras Galegas 2021: Xela Arias e a discutible decisión da Real Academia

En circunstancias normais, o nomeamento de Xela Arias para celebrar as Letras Galegas 2021 sería unha alegría enorme. Xela, ademais dunha persoa discreta, foi unha poeta enorme e de obra contida e precisa. 

E, non obstante, non podo máis que mostrar a miña perplexidade por este nomeamento, tan pouco oportuno, da Real Academia Galega, que se produce, ademais, desoíndo unha maioría de voces do tecido cultural galego. 

Pero, sen ánimo de estenderme nin de polemizar gratuitamente, aínda que si de explicar a miña indignación, vou expoñer os motivos destas afirmacións: 

 1) Habitualmente, a Real Academia toma esta decisión no mes de xuño. A estas alturas do ano (22 de decembro) xa non ten sentido ningún que a Academia dedique o 2021 a ninguén que non sexa Carvalho Calero. Nin as circunstancias provocadas pola pandemia permitiron unha celebración normal para Ricardo Carvalho Calero, que ve profundamente minguada a conmemoración da súa figura, nin o nomeamento de Xela Arias vai poder ser celebrado como correspondería.

2) Para que se publiquen estudos, divulgativos, pero tamén rigorosos, profundos e á altura das circunstancias, é preciso, en primeiro lugar, buscar autoras e autores, e concederlles tempo para a investigación e posterior escrita dos libros sobre a obra e a figura á que se lle dedican as Letras Galegas. É un proceso que as editoriais comezan habitualmente no verán, cos pertinentes encargos literarios. A maiores, o proceso de edición, como sabe calquera persoa vencellada ao mundo do libro, precisa un mínimo de tres meses (e é un prazo demasiado apurado, que require un gran esforzo suplementario) para poder levalo a cabo nun tempo tan xusto. En consecuencia, esta declaración tan á destempo evitará que se realicen estudos profundos, investigacións literarias e biográficas precisas, e traerá como consecuencia unha celebración incompleta e precipitada. Ademais, neste caso, Xela Arias é unha escritora con capacidade real para conectar coa sensibilidade da cidadanía, e tras esta decisión da Academia parte cunha enorme desventaxa marcada pola escaseza de tempo, nun momento ademais en que, por desgraza, a fin da pandemia aínda non está clara. 

 3) Lamentablemente non podo entender os motivos polos que non se prolongou o ano Carvalho Calero, aproveitando as dinámicas e refluxos xa creados e concedéndolle tamén ao autor de Ferrol a dignidade precisa para entendermos a súa figura, que non se puido traballar nos centros de ensino de primaria nin de secundaria. 

 4) E, finalmente, se a intención da Real Academia era non prolongar ao 2021 o ano Carvalho Calero non podo entender como se agardou ata o 22 de decembro para facer pública esa decisión de dedicarllo a Xela Arias, decisión que, de facerse pública con anterioridade, proporcionaba unha marxe moito maior para unha celebración apropiada á dimensión dunha poeta e muller como Xela Arias. 
De verdade non foi posible tomar esta decisión con anterioridade?

Só queda a esperanza de que, desde os ámbitos da cultura cidadá, fagamos todo o posible para impulsar e divulgar a figura dunha poeta radicalmente moderna, feminista, filla dun tempo que soubo comprender á perfección, íntegra e cunha vocación creativa que deu como resultado unha obra literaria de primeira magnitude.