Algúns escritores son partidarios de exercer o seu oficio durante as 24 horas do día. Outros, sen embargo, prefiren non ser absorvidos pola palabra. A pregunta foi ¿é boa a profesionalidade do escritor? Cada quen a interpretou á súa maneira. Estas son as súas opinións.
Xelís de Toro:
Sería ideal non verse obrigado a facer outras cousas para sobrevivir.
Ana Romaní:
Eu persoalmente considero que non é boa pero cada un debería ter a posibilidade de escoller. Así e todo, eu prefiro non escoller esa opción.
Ramón Caride Ogando:
Redundaría en beneficio da calidade literaria.
Paco Martín:
Non teño posibilidade de sabelo. En Galicia hai escritores de fin de semana, xente que aproveita o tempo de vagar para escribir, e non debería ser así. O escritor ten que aproveitar máis o tempo. A cuestión está en conseguir un mínimo de profesionalidade no feito literario. Ademais, non estaría mal ter algunhas experiencias de escritores profesionais para ver como funciona o asunto.
Xesús Rábade:
Rotundamente, si. É un dos problemas do profesional da literatura en Galicia. Todos temos que nos adicar a buscar o modus vivendi, sobre todo se practicamos os temas e xéneros menos comerciais.
Xosé Vázquez Pintor:
É bo que o escritor teña tempo libre para escribir, pero non o é que viva da súa propia obra porque aparecen unha serie de condicionantes que o limitan. Habería que retribuir máis ó escritor.
Alfonso Álvarez Cáccamo:
Sería moi bo. Estaría ben que no DNI puxese «profesión: escritor». Ademais, tería que responder cara á sociedade coa súa obra literaria.
Camilo Gonsar:
O ideal sería que cada quen puidese vivir do que escribe. Agora ben, o feito de vivir da escritura pode impoñer certas limitacións, e o escritor pode acabar escribindo o que lle piden.
Lois Diéguez:
Non sería atinado. Véxoo moi difícil porque implica problemas a nivel político e editorial. Sen embargo, sería positivo que os escritores dispuxesen de máis tempo para escribir.
Manuel Rivas:
Hai que reivindicar a condición de escritor. Nese sentido o escritor debe arriscar na aposta. Se algo ten de oficio a palabra é que tes que correr o risco e non podes depender dun convenio: tes que ser un monxe-guerreiro. É un traballo enfebrecido: o escritor é coma o buscador de ouro coa diferencia de que non procura compensación material. Por iso paga a pena esa aposta.
Claudio Rodíguez Fer:
Ten ventaxas e inconvenientes. Nunha situacil ideal seríá extraordinariamente positivo. O ano pasado non dei clase e foi, para min, un ano moi intenso literariamente. Así e todo, na sociedade capitalista hai que comerciar e vivir do público e iso non me interesaría porque perdería liberdade creativa.
Ursula Heinze:
En Galicia, ese é o gran mal da literatura. Sen adicarse exclusivamente a ela non se fai unha literatura válida. Hai que ser profesional do que se fai. Eu só fago literatura pero non podo vivir diso. Facer mil cousas ó tempo non é posible. En Galicia escríbese nos ratos libres, como pasatempos, e iso é negativo.
Manuel Guede:
Sería un bo síntoma de sociedade normalizada, pero eu nunca considerei tal cousa. Non me interesa publicar un libro cada ano. Joyce malviviu 17 anos co Ulises. Se entras na dinámica do mercado estás hipotecado. O feito de profesionalizar o oficio non debería depender da lei da oferta e da demanda. Cela entrou nesa dinámica e está sendo devorado por ela. Non ten tempo para escribir nesa voráxine de premios, viaxes e conferencias.
Luis Rei Núñez:
Sería bo para a saúde física e mental do escritor. Aínda que un escritor sen apremio pode caer na preguiza.
Xaquín Agulla:
Nn é que sexa positivo, é que terá que ser obrigatorio. Debería estar recollido na constitución: todo escritor debe vivir da súa obra.
Fran Alonso, Diario 16 de Galicia, Sábado, 23 de febreiro de 1991
Ningún comentario:
Non se permiten novos comentarios.