Estimado amigo:
Desde a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas! dirixímonos a ti para informarte da actualidade da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués á UNESCO, Candidatura que no seu momento contou co teu importante apoio.
Como ben sabedes, hai precisamente dous anos, en novembro de 2005, esta Candidatura estaba en París competindo por ser unha das proclamacións das Obras Mestras do Patrimonio Inmaterial. Lamentabelmente non foi posíbel naquela ocasión. Foron moitas as voces que sinalaron que o esforzo realizado xa valera a pena xa que a conciencia creada arredor deste patrimonio común xa quedaría como un importante logro.
Desde hai poucos días, tivemos coñecemento que a UNESCO abriu o prazo, até setembro de 2008, para a presentación de propostas por parte dos Estados de candidaturas de patrimonio inmaterial que serán inscritas na Lista Indicativa que se fará pública no ano 2009.
Como queira que foi precisamente o 25 de novembro de 2005 a data na que a Candidatura non acadou a proclamación, desde Ponte...nas ondas! pensamos que sería oportuno chamar a atención sobre os gobernos para que propoñan á UNESCO a inscrición do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués na nova Lista Indicativa do Patrimonio Inmaterial da Humanidade.
Nestes momentos, estamos aínda a tempo para conseguir que a Candidatura sexa proposta por ambos Estados. Depende do apoio e do eco que entre todos e todas consigamos facer chegar aos respectivos Ministerios de Cultura.
Para iso, e dado que a Candidatura foi a primeira en ser promovida desde centros educativos de dous países, o próximo día 23 de novembro, os centros educativos das dúas beiras do Miño realizarán un acto simbólico de unión enriba das respectivas pontes. Unha vez máis imos tender pontes sobre a fronteira. Unha cadea humana de xoves das dúas beiras interpretarán o tema central de Meniños Cantores (Máis perto).
Desde Ponte... nas ondas! dirixímonos especialmente a ti para que nas tribunas públicas nas que poidas expresar a túa opinión difundas esta nova oportunidade que se presenta para o patrimonio cultural inmaterial galego-portugués. Adxuntámoche un texto explicativo e estamos á túa disposición para proporcionarche toda a información que precises.
No nome do colectivo de Ponte… nas ondas! recibe o noso máis cordial saúda e agradecemento pola túa valiosa colaboración.
Santiago Veloso Troncoso
Presidente da Asociación Ponte...nas ondas!
Presidente da Asociación Ponte...nas ondas!
vtroncoso@pontenasondas.org
Ningún comentario:
Non se permiten novos comentarios.