5.12.07

O novo A Nosa Terra

Onte acudín en Vigo á presentación pública da remodelación do semanario A Nosa Terra, cun equipo renovado e dirixido polo xornalista e escritor Manuel Veiga. O novo xornal presenta un cambio radical de deseño e concepción, cunha nova fasquía deslumbrante. Desde unha aposta económica moi forte, un cambio no accionariado e unha nova liña editorial –«máis plural e máis aberta», en palabras do novo director– A Nosa Terra sae á luz nesta nova e ilusionante etapa cun deseño moderno, moi atractivo, a cor, cun formato diferente (máis revista e menos xornal) e un prezo realmente moi asequible (2 euros). Sen dúbida ningunha, o novo xornal colócase nunha posición estratéxica moito máis privilexiadoa para ampliar o seu campo de lectores e redefinir o seu ámbito de influencia. Desde agora xa, este novo ANT convértese nun referente imprescindible na comunicación galega e nun modelo de xornal en galego que parece querer contribuír con solidez ao debate de como facer medrar, desde a liberdade, un país chamado Galicia.



O primeiro número da edición anovada de ANT presenta artigos de opinión, unha entrevista con Jordi Pujol, atractivas reportaxes como a da piscifactoría de Corrubedo, un espazo de deportes, completísimas páxinas de cultura e información sobre libros, cine e música, un simpático suplemento infantil chamado Bulebule con importante presenza dos Bolechas e algunhas seccións didácticas, e un estenso Magazine con apartados como «Viaxar, comer e mercar», ademais dun completo guieiro cultural, sen esquecer a páxina de pasatempos. Todo, reforzado coa incorporación de sinaturas como a de Teresa Moure.
Ademais, conxuntamente con este número, pero por separado, A Nosa Terra publica un valioso especial centenario (1907-2007) con entrevistas a Miguel Barros, Roberto Blanco Valdés e Vítor Freixanes, así como artigos de opinión de Touriño, Quintana, Núñez Feixoo, Ramiro Fonte, unha carta aberta de Damián Villalaín e reportaxes sobre o Museo do Pobo Galego, Zeltia, Irlanda, o pop galego, etc.



No ámbito dixital, A Nosa Terra abre un amplo e actualizado espazo web de información continua, con redacción propia formada por sete persoas en Compostela, que inclúe A Nosa Terra Radio e A Nosa Terra Televisión, a través de pequenas pero interesantes emisións web.
Entre as intervencións do acto de presentación do semanario, ademais da de Alfonso Eiré, foi moi significativa a do novo director, Manuel Veiga, cun discurso moi autocrítico, moi reflexivo, ofrecendo sempre unha visión moi positiva e moi integradora. Por ese mesmo camiño, aínda que desde o punto de vista do proxecto empresarial e o seu papel na conformación da identidade do país, transitou a intervención de Miguel Barros, presidente do Consello de Administración de Promocións Culturais Galegas, que resaltou algo especialmente importante para a consideración e o futuro da lingua: «O idioma forma un elo indisociable deste proxecto. A lexitimidade histórica derívase da lealdade co idioma e co país». Ora, «o idioma é o único ben colectivo que perde sentido cando se pretende que sexa privado».
Seica veñen novos tempos para ANT.
Moitos parabéns e toda a sorte do universo na nova andaina.

Ningún comentario: