7.6.10

Nos Diálogos Literarios de Mariñán

A pasada semana participei na sétima edición dos Diálogos Literarios que convoca a Fundación Carlos Casares no Pazo de Mariñán, como moderador dunha mesa redonda sobre "As fronteiras ambiguas. Prosa e Poesía". Na mesa interviron o escritor vasco Harkaitz Cano e o poeta José Luis García Martín, profesor da Universidade de Oviedo. O debate resultou moi interesante e, para min, amais de coñecer a José Luis, foi unha alegría poder reencontrarme con Harkaitz, a quen coñecía desde hai bastantes anos, e de quen sigo con moito interese a súa traxectoria literaria. No seu libro Telefono kaiolatua, do ano 1997, incluira unha cita de Persianas, pedramol e outros nervios. Eu nunca o puiden ler, pois ao contrario das súas obras seguintes, non se chegou a traducir. Hoxe é un dos narradores vascos máis coñecidos e destacados.
Outro dos acontecementos felices dos diálogos foi coñecer a Antonio Altarriba, autor de El arte de volar, un título en torno ao que Félix, sempre tan acertado, xa chamara a nosa atención.
Pola tarde aínda asistín á intervención de Francesc Parcerisas e Miguel Anxo Fernán Vello sobre palabra lida, palabra recitada.
No ano 2006 xa participara no Pazo de Mariñán nuns encontros literarios, organizados por Luciano Rodríguez, baixo o tema "Literatura e cidade".

Ningún comentario:

Publicar un comentario