«Algúns
sucesos denotan unha carga tráxica tan forte que en apariencia resultan
cómicos. Cando menos, esa é a impresión que produce a acción levada a cabo por
unha parella que secuestrou os seus dous fillos a punta de pistola no punto de
encontro dun centro de acollida en Vigo».
Estas
palabras non as escribín agora. Escribinas nun artigo de opinión publicado en
outubro de 2006. A continuación engadía na miña columna: «Porque a realidade, cando
quere, pode ser máis inverosímil que a ficción». Seis anos despois, asumín o
reto de converter aquel suceso nun asunto literariamente coherente. Tratábase
de converter un feito real pero aparemente inverosímil nunha novela de ficción
aparentemente verosímil.
De aí naceu
esta novela. De aí e do interese pola vida dunha muller real, Celia Rivas, a
primeira camioneira galega e española, unha pioneira que, en 1932, puxo as súas
mans femininas ao volante dun camión.
Así que máis
de vinte anos despois de aparcar un Tráiler
no primeiro garaxe da miña escrita pública, aquela novela coa que gañei o
Premio Blanco Amor, volvín outra vez ao volante, desta vez da man dunha camioneira, que me conduciu ao Premio La Voz
de Galicia de Novela por Entregas.
Como adoito,
a miña aposta centrouse nunha novela na que se cruzan camiños, que procura o
coloquio co seu tempo, que interpreta a sociedade actual a través dunha ollada
interrogativa sobre o que está a suceder ao noso redor. E é así sen querer desprezar ningún dos atributos cos que a literatura pode arrogarse: arte, diversión,
construción lingüística, entretemento, identidade, xogo, ocio, denuncia,
creación, terapia, investigación, etc, etc.
A punta de pistola naceu de todo iso, coa vocación primorial de
enganchar aos lectores dunha novela por entregas, partindo dun ritmo
trepidante, e sen renunciar a un xeito contemporáneo de entender a literatura. A punta de pistola é, se cadra, unha road movie que convida reflexionar sobre
a desestruturación social, sobre a familia e a educación, sobre a innovación e a comunicación,
e sobre a infancia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario